Da alma (do grego clásico Περὶ Ψυχῆς, [Perì Psūchês]; e en latín De Anima) é unha obra do filósofo grego Aristóteles que é máis ben un tratado de bioloxía xeral que un tratado soamente filosófico pois considera unha entidade tan imperceptible como a alma como un ser natural partindo implicitamente da súa existencia real. A alma non é concibida dentro dun marco de connotacións relixiosas, senón que é tratada desde unha óptica naturalista, propia dunha visión científica-positiva. O tema en torno ó que xira o tratado é o fenómeno da vida, existen seres viventes e seres non viventes en función de se posúen as funcións vitais que os definen como tales, é dicir, en función de se teñen alma, vida.

Da alma é o principal tratado de Aristóteles sobre o problema da alma, e encerra nas súas páxinas unha psicoloxía completa, racional e empírica.

Da alma foi, entre as obras filosóficas de todos os tempos, a que inspirou o maior número de comentarios e máis discordantes. O núcleo das interpretacións diverxentes é o capítulo V do libro III, que puido xustificar dúas teses extremas e opostas: a primeira nega a inmortalidade e ata a personalidade da alma humana, mentres que a segunda afírmaa.

A realidade en Grecia editar

No mundo grego clásico atopamos dúas formas diferentes de entender a alma: Unha é como aquilo que nos permite alcanzar o coñecemento e a ciencia, aquilo que nos acerca ós deuses e nos diferenza do resto dos seres (incluídos os animais). Isto é a alma como principio de racionalidade. A outra forma de entendela é como aquilo que se atopa nos serse vivos, grazas ó cal, ditos seres son capaces de realizar as actividades vitais, e diferéncianse por isto dos seres puramente inertes. Esta é a alma como principio de vida. Todos os filósofos gregos aceptaron estas dúas dimensións na alma humana, pero uns sinalaron un aspecto e outros o outro.

Aristóteles vai sinalar a segunda forma, e propón a cuestión da alma dunha maneira radicalmente diferente á doutrina platónica. Desenténdese de todo o ámbito relixioso que envolvía o tema, e en Da alma é o biólogo, ou mellor dito, o filósofo da vida o que se pregunta pola alma. O obxecto da psicoloxía (termo que deriva da palabra grega psyche) é para Aristóteles non só a natureza superior do ser humano, senón todo o ámbito da vida, pois todo o que ten alma ten vida, e viceversa.

Estrutura da obra editar

A obra consta de tres libros: os libros I e II pertencen ó período final da biografía intelectual de Aristóteles e correspóndense coas grandes obras de investigación científica-positiva, mentres que o libro III corresponde ó seu primeiro período, cando aínda era alumno de Platón. A obra péchase despois de ter considerado a distribución das diversas potencias da alma nos seres humanos.

Libro primeiro editar

Neste libro Aristóteles refuta as distintas teorías de varios filósofos ós que chama "os meus predecesores". Dáse de conta de que moitos deles opinan que a característica primordial é o movemento: o movemento que ten ela por si mesma e o movemento do que dota ós seres corporais que a posúen. Sobre esta liña desenvolve doutrinas como a pitagórica, o pensamento de Demócrito e o de Anaxágoras; con algunhas diferenzas nas súas teorías, todos eles tratan o movemento como unha esencia da alma.

Tamén observa noutros pensadores a composición da alma e analiza a doutrina de Empédocles e Platón. Empédocles propón que a alma está composta de todos os elementos, sendo cada un deles unha alma en si. Da mesma maneira Platón describe a orixe da alma a partir dos elementos.

O filósofo Crítias, defende outra característica da alma como esencia desta: o "sentir". Defende que a alma é sangue ou que se atopa nela, pois a característica máis propia da alma é sentir, e isto prodúcese en virtude da natureza do sangue.

Aristóteles conclúe que todos definen a alma por tres características: movemento, sensación e incorporeidade. Nos sucesivos capítulos do primeiro libro, elabora as críticas a todas estas teorías particulares, mostrando a súa imposibilidade real. Critica a teoría segundo a cal a alma móvese por si mesma; aínda que está de acordo nalgúns aspectos o que fai é que, mentres desenvolve e explica as teorías, vai mostrando os problemas que comportan; e finalmente desacredita a veracidade que estas poidan posuír para indicar a súa como verdadeira.

  • Capítulo primeiro - No que se recorren minuciosamente as múltiples cuestións con que ten que enfrontarse o presente estudo en torno a alma.
  • Capítulo segundo - Recolle e expón as doutrinas doutros filósofos en torno ó coñecemento e ó movemento como trazos característicos da alma.
  • Capítulo terceiro - Onde se critica a teoría segundo a cal a alma móvese por si atendéndose de modo moi especial á versión platónica da mesma.
  • Capítulo cuarto - No que se comeza rexeitando a teoría da alma - harmonía e se termina criticando a doutrina que concibe a alma como número automotor.
  • Capítulo quinto - Continúa e conclúe a crítica das distintas teorías acerca da alma e se atende extensamente a aquela segundo a cal a alma está constituída de elementos.

Libro segundo editar

Neste libro, desenvolve a súa teoría sobre a alma, aplicando os conceptos fundamentais da súa física e da súa filosofía primeira. Para el, o ser animado é un conxunto de corpo e alma na que as dúas partes do ser se necesitan mutuamente. Mentres que o corpo é a materia e a potencia, a alma é a súa esencia (a forma específica do corpo). O ser animado diferénciase do ser inerte porque esta realiza unha serie de funcións ou actos propios do vivir. Para Aristóteles os seres humanos non son os únicos seres que posúen alma, senón que a teñen todos os seres vivos. A alma é o principio da vida, a fonte das actividades de cada ser vivo.

Constitúe a alma por cinco potencias que se diversifican en funcións dos seus obxectivos: vexetativa, sensitiva, intelectual, apetitiva e locomotiva. Estas dúas últimas constitúen o fin dos seres vivos, pois estas dúas funcións que implican o apetito e a facultade de moverse teñen como función intentar a finalidade do ser vivo.

Existen varias partes da alma, na que cada unha realiza unha función: alma vexetativa (realiza as funcións de nutrición, crecemento e reprodución), sensitiva (movemento, percepción sensible e apetito), racional (funcións superiores do coñecemento intelectual e a vontade).

  • Capítulo primeiro - Onde se recorre á doutrina exposta na metafísica para definir a alma como entidade —enténdase forma, esencia e definición— do vivente.
  • Capítulo segundo - Amplía na definición emprendida no capítulo anterior enriquecéndoa coa teoría de potencia e acto.
  • Capítulo terceiro - Explica como se relacionan entre si as distintas facultades da alma e que esta debe definirse a través daquelas.
  • Capítulo cuarto - No que Aristóteles analiza a facultade nutritiva intercalando nesta análise unha ampla e interesante digresión sobre a alma como causa.
  • Capítulo quinto - Analízanse nel as diversas acepcións de térmos como potencia, padecer e alteración e delimítase o sentido exacto co que teñen que utilizarse en relación co coñecemento sensible.
  • Capítulo sexto - Di que e cales son os obxectos sensibles propios, comúns e por accidente.
  • Capítulo sétimo – Trata acerca da visión e que papel desempeñan nela a cor, a luz, o medio transparente e o órgano sensorial.
  • Capítulo oitavo - Ocúpase do oído así como do son en xeral e da voz en particular.
  • Capítulo noveno - Dedícase ó estudo do olfacto e tamén da súa diferente maneira de funcionar nos animais.
  • Capítulo décimo - Ocúpase de estudar o sentido do gusto e o seu obxecto propio.
  • Capítulo undécimo - No que se estuda o tacto e se dedica unha atención preferente á cuestión de se o contacto con obxecto é inmediato ou se realiza a través dun medio.
  • Capítulo duodécimo - Onde Aristóteles define o sentido en xeral como facultade capaz de recibir as formas sensibles sen a materia; propón certas consideracións baseándose nesta definición.

Libro terceiro editar

Neste libro trata os sentidos de dúas formas diferentes: como acto e como potencia. O sentido en potencia é a capacidade do órgano; o sentido en acto prodúcese cando entra en contacto co obxecto. Polo tanto a facultade sensorial é idéntica a un obxecto sensorial en acto. A proporción na que se dá un sentido é importante, xa que a sensación será pracenteira se o obxecto sensible é proporcional ó sentido. Neste libro, distingue o intelixir do percibir sensorialmente.

A capacidade de intelixir é propia da alma racional, a cal só a posúe o ser humano; unha capacidade desta alma é a da imaxinación. A alma intelectiva é o lugar das formas, pero non de formas en acto, senón de formas en potencia. O intelecto pode dividirse en dúas partes, as cales teñen diferentes funcións: unha é capaz de cegar a todas as cousas (intelecto pasivo) e o outro capaz de facela todas (intelecto activo).

En canto ás facultades que existen na alma, estas constitúen unha dobre unidade: unha de número e outra de analoxía. Outra facultade da alma racional é a facultade motriz, da que é propio o movemento local dos animais. O movemento prodúcese polo desexo, o que leva ó animal a moverse para obter o obxectivo alcanzado. Ademais é preciso que o animal se deixe levar polo intelecto. Tres son os elementos que integran o movemento: motor(o que fai que se mova), aquilo co que se move (debe corresponder a algo corporal) e o movido (o animal).

  • Capítulo primeiro - Expón que non existe ningún outro sentido á parte dos cinco xa expostos, pero si unha sensibilidade común cuxas funcións comezan a estudarse neste capítulo.
  • Capítulo segundo - No que se continúa e conclúe a análise da sensibilidade común.
  • Capítulo terceiro - Que se dedica ó estudo da imaxinación sinalándose coidadosamente os trazos diferenciais que a distinguen do resto das actividades cognoscitivas.
  • Capítulo cuarto - Que continúa unha exposición xeral sobre a natureza do intelecto e da actividade de intelixir.
  • Capítulo quinto – No que aparece a célebre e controvertida distinción aristotélica dos intelectos, activo e pasivo.
  • Capítulo sexto - Di como se leva a cabo a intelección dos obxectos compostos e tamén a dos indivisibles.
  • Capítulo sétimo - Explica cal é a conexión existente entre as distintas facultades cognoscitivas e especialmente entre a imaxinación e o intelecto.
  • Capítulo oitavo - Continúa tratando como se relacionan entre si sensacións, imaxes e inteleccións.
  • Capítulo noveno - Trata da facultade motriz e que esta non se identifica con ningunha das facultades estudadas ata o momento.
  • Capítulo décimo - Continúa co mesmo tema da facultade motriz analizándose nel a facultade desiderativa e o ben práctico como motor da mesma.
  • Capítulo undécimo - Acerca da relación existente entre a facultade motriz e outras a ela vinculadas.
  • Capítulo duodécimo - Trata como a natureza distribúe sabiamente as distintas facultades anímicas entre os distintos tipos de viventes sempre de acordo cos fins e as necesidades destes.
  • Capítulo décimo terceiro - Baseándose no funcionamento dos órganos sensoriais ponse de manifesto como o corpo do animal ha de ser necesariamente composto e unha vez máis, para concluír, ofrece unha explicación teleolóxica dos distintos sentidos.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar