DELAG, acrónimo para Deutsche Luftschiffahrts-Aktiengesellschaft, foi a primeira aeroliña do mundo en usar unha aeronave nun servizo comercial. Fundouse o 16 de novembro de 1909 e operou dirixibles ríxidos Zeppelin fabricados pola corporación Luftschiffbau Zeppelin. A súa sede estaba situada en Frankfurt.

DELAG
IATA
N/A
OACI
N/A
Indicativo
N/A
Fundación16 de novembro de 1909
Inicio das operacións19 de xuño de 1910
Fin das operacións1935
DirixentesAlfred Colsman

Historia editar

Inicios editar

DELAG fundouse por suxestión de Alfred Colsman, o xerente de negocios de Zeppelin Luftschiffbau. A compañía tivera dificultades para obter pedidos do exército alemán, polo que Colsman suxeríu explotar o interese entusiasta do público alemán polo establecemento dunha compañía comercial de transporte de pasaxeiros. O propio conde Zeppelin distanciouse del pola comercialización da súa idea: como aristócrata e ex-oficial dixo que era unha empresa dun comerciante vulgar. Colsman, que foi o primeiro director xeral da aeroliña, logrou obter a colaboración de Albert Ballin, o xefe da Hamburg-Amerikanische Packetfahrt-Actien-Gesellschaft (HAPAG) que ofreceu 100.000 marcos por ano para promocionar a empresa coa condición de que as súas oficinas tivesen dereitos exclusivos para vender os billetes, e Colsman, que sería o primeiro director xeral, tivo poucas dificultades para recadar os 3 millóns de marcos de capital necesarios. Gran parte deste capital inicial chegou das cidades de Frankfurt am Main e Düsseldorf, e varias cidades construíron hangares para dirixibles pola súa conta.

 
LZ 7 Deutschland

O primeiro cepelín en ser fabricado para a compañía foi o LZ 7, que foi bautizado Deutschland. O seu primeiro voo foi o 19 de xuño de 1919, cunha carga útil de 5.000 quilos e espazo para 24 pasaxeiros. A súa velocidade de cruceiro era de 51 km/h. Con estas características decatáronse de que os servizos programados entre as cidades non serían factibles, e a compañía limitaríase a ofrecer cruceiros de pracer pola veciñanza das súas bases. Porén, o Deutschland resultou destruído o 28 de xuño de 1910 mentres levaba a un grupo de xornalistas nunha viaxe programada para xerar publicidade. Ao dirixible impedíuselle primeiro regresar á súa base en Düsseldorf e despois, atrapado por unha treboada, subiu por vez primeira a unha altura de 1.100 m o que provocou unha perda de hidóxeno polo rápido ascenso e pola auga de chuvia na cuberta, véndose forzado a descender ao bosque de Teutoburgo. Afortunadamente só houbo un ferido. Isto deixou a DELAG con só un dirixible, o LZ 6, que fora fabricado o ano anterior coa esperanza de que fose mercado polo exército e posteriormente foi ampliado e modificado para o transporte de pasaxeiros. Operando dende Baden-Baden realizou exitosos voos case diariamente entre finais de agosto e mediados de setembro, pero o día 14 dese mes foi destruído por un incendio mentres estaba no seu hangar. O aparello estaba asegurado e DELAG puido completar o seu seguinte dirixible, o LZ 8 Deutschland II.

Para a nova tempada ofrecéronse voos que duraban entre 90 minutos e dúas horas por 200 marcos. O Deutschland II estivo completado o 30 de marzo de 1910, e chegou a Düsseldorf o 11 de abril, pero pouco despois dun mes de servizo foi collido por un refacho mentres o estaban sacando do hangar o 16 de maio: este empurrouno cara a un protector de vento de 15 metros de alto e rompeu a súa parte posterior. Os pasaxeiros tiveron que ser rescatados usando escaleiras de incendios. Hugo Eckener, o capitán, culpou do accidente á súa decisión de permitir que a impaciencia dos pasaxeiros levase a voar o aparello coas condicións meteorolóxicas existentes. A sorte da compañía cambiou co seguinte dirixible, o LZ 10 Schwaben. Completado o 26 de xuño e entregado a DELAG o 17 de xullo, este transportou 1.553 pasaxeiros de pago durante a súa carreira. Inicialmente baseado en Baden Baden, ademais de realizar cruceiros de pracer realizou un feixe de voos de longa distancia, levando pasaxeiros a Frankfurt, Düsseldorf e finalmente ata Berlín. O LZ 11 Viktora Luise, chamada así pola filla do Kaiser, entrou en servizo o 4 de marzo de 1912. O 28 de xuño dese ano o Schwaben foi destruído nun incendio no hangar atribuído á electricidade estática producida polas bolsas de gas de algodón e caucho, pero pouco despois foi substituído polo LZ 13 Hansa, rematado o 30 de xullo. Estes dirixibles tamén foron usados pola Mariña Imperial Alemá para adestrar tripulacións, operando os militares voos de pasaxeiros. En 1913 o LZ 17 Sachsen sumouse á frota.

ara xullo de 1914, un mes antes do inicio da primeira guerra mundial, os dirixibles de DELAG transportaran 34.028 pasaxeiros en 1.588 voos comerciais; a súa frota voara 172.535 quilómetros en 3.176 horas.

Impacto da primeira guerra mundial editar

Os dirixibles LZ 11, LZ 13 e LZ 17 entrarían en servizo co exército alemán. Porén, tras a guerra os LZ 120 Bodensee e LZ 121 Nordstern de DELAG axudaron a reconectar a cidades de Europa. O LZ 120 voou entre Friedrichshafen e Berlín-Staaken cunha escala en Múnic, pero ámbolos dous aparellos foron entregados en 1921 como reparación de guerra: o LZ 120 foi a Italia onde pasou a chamarse "Esperia", mentres o LZ 121 acabou en Francia co nome Méditerranée antes de entrar en servizo con DELAG.

Servizo transatlántico editar

En setembro de 1928 DELAG comezou a operar o exitoso dirixible ríxido LZ 127 Graf Zeppelin, que realizou voos transatlánticos sen escalas regulares antes de que os avións tivesen alcance suficiente para cruzar o océano sen paradas. Para a primeira viaxe transatlántica de DELAG o Dr. Eckener comandou o Graf Zeppelin deixando Friedrichshafen o día 11 de outubro de 1928 ás 07:54 e chegando ao aeródromo Lakehurst, en Nova Jersey, o 15 de outubro. En 1931 o Graf Zeppelin comezou a ofrecer voos regulares de pasaxeiros entre Alemaña e Suramérica que continuaron ata 1937. Durante a súa carreira o Graf Zeppelin cruzou o Altántico Sur 136 veces. En 1936 entrou en servizo o dirixible Hindenburg que cruzou exitosamente o Atlántico 36 veces antes de incendiarse en Lakehurst o 6 de maio de 1937.

Evolución editar

O Graf Zeppelin foi o derradeiro dirixible voado por DELAG. En 1935 fundouse a sucesora da aeroliña, a Deutsche Zeppelin-Reederei (DZR) patrocinada polo estado. A súa frota incluía ao LZ 127 Graf Zeppelin, ao LZ 129 Hindenburg e ao LZ 130 Graf Zeppelin.

En 2001 creouse unha compañía tamén co nome Deutsche Zeppelin Reederei como subsidiaria de Zeppelin Luftschifftechnik GmbH (ZLT). Opera os dirixibles Zeppelin NT dende Friedrichshafen no lago Constanza, principalmente para voos turísticos por Alemaña.

Bibliografía editar

  • "Delag" Encyclopædia Britannica (2009).
  • Robinson, Douglas H. Giants in the Sky: History of the Rigid Airship. Henley-on-Thames, Reino Unido: Foulis, 1973. ISBN 978-0-85429-145-8.