Cruceiro de Piquetes

construción relixiosa en Piquetes (Mañufe, Gondomar)

Coordenadas: 42°06′09″N 8°46′11″O / 42.102375, -8.7698222222222

O cruceiro de Piquetes é un cruceiro situado no lugar de Piquetes, na encrucillada do camiño Real Tui-Baiona co camiño de Cristillón que leva ao cemiterio de Mañufe. Antigamente foi lugar de culto e procesión da festividade de San Brais.[1] Esta partía da capela do Pazo de Moldes cara a este cruceiro onde daba volta e retornaba ao templo.[2] Non ten data de creación acreditada documentalmente, mais os estudos da súa fábrica polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso a fan estimar sobre o século XVII.[2]

Cruceiro de Piquetes
Vista do cruceiro
Presentación
LocalizaciónGondomar
DirecciónPiquetes (Mañufe)
TipoCruceiro

No estudo desta peza por Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, tampouco constata data de construción, mais coincide en que se trata dun cruceiro "primitivo".[3] Cumpre coa fisionomía típica do cruceiro: plataforma, base, fuste, capitel e cruz.[4]

Dimensións editar

A plataforma mide 0,20 m de alto, 0,30 m o pedestal, e fuste e cruz suman 2,50 metros;[1] o que o sitúa por debaixo da media dos da comarca do Val Miñor situada entre 4 e 6 metros segundo José Espinosa Rodríguez.[5]

Arte editar

A plataforma consta de tres banzos de pedra que nivelan a peza sobre o terreo. Eríxese sobre esta base o varal onde o traballo de cantería o tallou en tres terzos dunha soa peza: primeiro cuadrangular, logo octogonal e finalmente cilíndrico.[4][3]

O capitel liso forma parte da mesma peza do fuste.  Finalmente, a cruz presenta un cristo baixo cartel INRI,  na cara que mira ao oeste. No reverso unha virxe das Angustias coa cabeza do meniño Xesús á súa dereita con trazos bastante sinxelos.[4][3][2]

As tipoloxías das figuracións na cruz, moi pegadas aos paus e sen perspectivas, o baixo vulto, trazos apenas marcados e as dimensións e o tipo de capitel dan pé á datación sobre o século XVII de Soliño Troncoso e ao seu carácter primitivo segundo Fernández de la Cigoña Núñez.[3][2]

Para Soliño Troncoso, trátase dunha notable peza que representa "as máis xenuínas manifestacións da cultura popular do campesiñado galego".[2]

Conservación editar

A peza atópase en bo estado para os especialistas citados, máis Soliño Troncoso advirte da situación caótica da contorna, que arrodea o monumento de postes e tendidos eléctricos. O cruceiro atópase catalogado pola Xunta de Galicia e máis nos documentos do futuro Plan Xeral de Ordenamento de Gondomar.[6][4][3][2][1]

Na actualidade o ben non cumpre a antiga función relixiosa pois a celebración de San Brais trasladouse ao contorno da Igrexa de Mañufe.[3][2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar historia, arte y territorio (en Castelán). Ir Indo. p. 212-213. ISBN 84-7680-225-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 109-110. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2013). Cruces, cruceiros e petos do concello de Gondomar. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE). pp. 59–60. ISBN 978-84-92867-09-7. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Freiría, Eduardo. "Cruceiro de Piquetes". Patrimonio.net. Páxina colaborativa. Consultado o 15/06/2020. 
  5. Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y cosas del Valle Miñor (en Castelán). Vigo: Imprenta Gutenberg. p. 94. OCLC 432013119. 
  6. "Planeamento urbanístico Xunta de Galicia" (PDF). Xunta de Galicia. Consultado o 15/06/2020.