Cruceiro Prinz Eugen

O Prinz Eugen foi un cruceiro pesado da clase Admiral Hipper (o terceiro da súa clase) que serviu coa Kriegsmarine alemá durante a segunda guerra mundial. Ao igual que os seus barcos irmáns, Admiral Hipper e Blücher, construíuse a mediados dos anos 30. Durante a etapa de planificación e deseño foi coñecido como "Kreuzer J" (Cruceiro J). A súa quilla foi posta no estaleiro Krupp Germania en Kiel o 23 de abril de 1936, e custou un total de 104,5 millóns de reichsmarks. O Prinz Eugen foi botado o 22 de agosto de 1938 e comisionado o 1 de agosto de 1940. Considerado un "buque afortunado", sobreviviu ao final da guerra (aínda que só participou en dúas grandes accións no mar). O barco afundíuse despois da Operación Crossroads, un ensaio con armas nucleares no atol Bikini en 1946.

Prinz Eugen
Historial
Estaleiro Krupp Germaniawerft, Kiel
Clase Clase Admiral Hipper
Tipo cruceiro pesado
Posta en grella 23 de abril de 1936
Botado 22 de agosto de 1938
Asignado 1 de agosto de 1940
Baixa decembro de 1946
Destino remolcado ata o atol Kwajalein para probas de armamento nuclear e afundido en decembro de 1946
Características xerais
Desprazamento 15.000 t
Eslora 212,5 metros
Manga 21,8 metros
Calado 7,2 metros
Blindaxe • Cintura: 70-80 mm
• Torretas: 105 mm
• Cuberta protectora: 20-50 mm
Tripulación 42 oficiais
1.340 mariñeiros
Aeronaves 3 hidroavións Arado Ar 196
Equipamento aeronaves 1 catapulta

Historial operacional editar

Antes do seu despregue o Prinz Eugen sufrira varios danos. O 2 de xullo de 1940 nun bombardeo da RAF sufriu danos menores, e un ano despois, o 23 de abril de 1941, o barco chocou cunha mina magnética.

Operación Rheinübung editar

O 24 de maio de 1941, o Prinz Eugen loitou xunto co Bismarck na Batalla do Estreito de Dinamarca contra o cruceiro de batalla HMS Hood, alcanzándoo tres veces e iniciando un grande incendio. Na batalla o Prinz Eugen tamén danou ao acoirazado HMS Prince of Wales, ao cal impactou catro veces. O Hood foi afundido durante o encontro, mentres que o Prince of Wales foi danado gravemente, aínda que conseguiu alcanzar o tanque de combustible dianteiro do Bismarck.

Posteriormente ese día, debido á perda de combustible, o Bismarck viuse obrigado a abandonar a misión de atacar mercantes, polo que o Prinz Eugen separouse para continuar en solitario mentres o Bismarck se dirixía cara a Francia. O Prinz Eugen escapou dos barcos británicos que aínda permanecían axexando na zona, e encamiñouse cara ao sur para atoparse co petroleiro Spichern e prepararse así para atacar convois mercantes no Atlántico. Despois de ter problemas de motor debido a que os seus condensadores non funcionaban ben nas augas cálidas, o barco dirixiuse cara a un porto francés o 29 de maio. Despois de evitar varias unidades pesadas británicas que estiveran buscando ao Bismarck (xa afundido), o Prinz Eugen chegou a Brest o 1 de xuño. O porto foi atacado regularmente polo Mando de Bombardeiros da RAF e, na noite do 1 de xullo, o Prinz Eugen foi alcanzado por unha bomba en babor por detrás da ponte. A bomba estoupou no centro de mando principal da artillaría, matando 60 tripulantes.

Operación Cerberus editar

Despois da perda do Bismarck, Hitler roibiu máis incursións de superficie no Atlántico. Temendo unha invasión aliada de Noruega, quería a todos os seus buques capitais de volta nas augas alemás, Xunto cos acoirazados Scharnhorst e Gneisenau, o Prinz Eugen realizou a Operación Cerberus (a volta a Alemaña) os días 11 e 12 de febreiro de 1942.

O Prinz Eugen deixou Alemaña para ir a Noruega ese mesmo mes, e o 23 de febreiro foi torpedeado polo submarino británico HMS Trident, que destruíu a súa popa. Despois dunhas primeiras reparacións provisionais en Trondheim, o cruceiro regresou a Kiel o 16 de maio para recibir unha nova popa. O Prinz Eugen non estivo operativo novamente ata xaneiro de 1943. Dous intentos de trasladalo a Noruega, onde podería ameazar aos convois aliados, fallaron e finalmente foi asignado a labores de adestramento en augas alemás.

Despregue no Báltico editar

Dende agosto de 1944 en diante, o Prinz Eugen foi despregado para bombardear a concentración de tropas do avance soviético nas costas do Báltico, e para transportar refuxiados alemáns cara ao oeste. O 15 de outubro, colisionou co cruceiro lixeiro Leipzig entre a densa brétema do mar Báltico, e estivo a piques de partir o pequeno barco en dous. Durante 14 horas os dous barcos estiveron á deriva encaixados, ata que puideron ser separados. O Prinz Eugen foi reparado en Gotenhafen (actual Gdynia) e continuou os seus labores de bombardear ás forzas de terra soviéticas durante o sitio de Danzig, e evacuando refuxiados alemáns. O 29 de marzo de 1945 deixou Gotenhafen por última vez cunha carga de refuxiados, chegando a Swinemünde o 8 de abril. O barco entón partiu cara Copenhagen, a onde chegou o 20 de abril. A falta de combustible fixo que non volvese a saír do porto novamente.

Despois da guerra editar

Rendición editar

 
Hélice de babor do Prinz Eugen en Laboe

Ao final da guerra, era un dos dous únicos cruceiros alemáns operativos (o outro era o cruceiro lixeiro Nürnberg), e rendeuse ás forzas británicas en Copenhagen o 8 de maio de 1945. O 26 de maio o Prinz Eugen deixou esta cidade co Nürnberg, e navegou cara Wilhelmshaven escoltado polos británicos. O Prinz Eugen chegou o 28 de maio, quedando no dique seco ata decembro dese ano. O 5 de xaneiro de 1946 o barco foi entregado á Armada dos Estados Unidos.

USS Prinz Eugen editar

O buque foi comisionado á Armada estadounidense e pasou a designarse USS Prinz Eugen (IX-300). O seu enorme sónar pasivo GHG foi retirado e instalado no submarino USS Flying Fish para realizar probas. Hai algunhas evidencias de que o interese dos estadounidenses polos amplificadores magnéticos incementáronse novamente despois dos achados nas investigacións do sistema de control de fogo do Prinz Eugen. Despois das exploracións e as probas, foi asignado á frota que sería obxectivo nas probas de bombas atómicas da Operación Crossroads. O barco sobreviviu ás probas "Able" e "Baker", realizadas en xullo de 1946, pero a radioactividade impediu que se reparasen as fugas producidas. En setembro de 1946 foi remolcado ao atol Kwajalein e afundíuse o 22 de decembro dese ano sobre os arrecifes Enubuj, onde permanece ata a actualidade. No ano 1978, a súa hélice de babor foi rescatada e consérvase no Memorial Naval Alemán de Laboe. Parte dos seus restos eran aínda visibles por riba da auga no ano 2010.

Antes das probas atómicas, a campá do barco foi retirada polos mariñeiros estadounidenses. Na actualidade a campá atópase no Museo da Armada situado en Washington, D.C.