Coñécese como Cortes de Cádiz á Asemblea constituínte celebrada na cidade española de Cádiz (Andalucía) desde 1810 a 1814 durante a Guerra da Independencia española.

Xuramento das Cortes de Cádiz na Igrexa Maior parroquial de San Fernando
Monumento ás Cortes de Cádiz, en Cádiz

Historia editar

Durante a Guerra da Independencia (1808-1814) as revoltas populares desembocan na creación de Xuntas Locais e Rexionais de Defensa. Estas Xuntas teñen como obxectivo defenderse da invasión francesa e encher o baleiro de poder (xa que non recoñecían a figura de Xosé I). Estaban compostas por militares, representantes do alto clero, funcionarios e profesores, todos eles conservadores. En setembro outorgan a dirección suprema á Xunta Suprema Central.

Durante a profunda crise creada pola guerra, a Xunta Central Suprema, que se creou trala derrota francesa na Batalla de Bailén, ordenou a celebración das Cortes que, polo avance napoleónico, houberon de reunirse primeiro en San Fernando, entón Illa de León, e despois en Cádiz, que entón estaban sitiadas polas forzas francesas.

Participaron nas reunións representantes das provincias españolas e tamén dos territorios americanos e de Filipinas. Existían tres grandes tendencias entre os delegados: os absolutistas, que defendían o regreso da monarquía e do reinado absoluto da Casa de Borbón, os jovellanistas, ilustrados e defensores das reformas, pero non do carácter revolucionario destas, e os liberais, que defendían a adopción de reformas inspiradas nos principios da Revolución francesa.

A tarefa das Cortes de Cádiz foi crear un corpo lexislativo de carácter liberal sobre o que crear unha nova orde social que acabase coa sociedade estamental que caracterizara a España ata ese momento. O produto deste labor foi a Constitución de 1812, chamada «A Pepa», pois promulgouse na festividade de san Xosé. Esta constitución foi o primeiro texto constitucional co que contou España. No texto recollíanse os principios fundamentais do liberalismo político: proclamouse a soberanía nacional, estabeleceuse a división de poderes, o sufraxio universal masculino e a igualdade ante a lei; con isto, suprimía a monarquía absoluta.

Nas Cortes de Cádiz estaban representados os tres estamentos. Os liberais, os conservadores e os burgueses que substituíron a algúns representantes conservadores ao non poder acceder a Cádiz pola ocupación francesa.

As Cortes crearon un novo sistema político baseado no principio da soberanía nacional, coa monarquía como forma de goberno, pero con división de poderes. Tanto o Rei como as Cortes posuían a facultade para crear leis de forma conxunta. Ademais, recoñecíanse dereitos como a liberdade de imprenta, a igualdade xurídica, a inviolabilidade do domicilio etc.

Non obstante, estes adiantos foron suspendidos polo Decreto de 4 de maio de 1814 do rei Fernando VII, que declarou nula a Constitución de 1812 e todas as decisións das Cortes de Cádiz.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar