Corpúsculo de Pacini

Os corpúsculos de Pacini ou corpúsculos de Vater-Pacini son un dos catro tipos de mecanorreceptores táctiles principais da pel. Son terminacións nerviosas situadas na pel responsables da sensibilidade á vibración e presión. Permiten, por exemplo, distinguir entre superficies lisas e rugosas.

Corpúsculo de Pacini.
Micrografía óptica que mostra tres corpúsculos de Vater-Pacini no centro da imaxe.

Ten unha fisioloxía similar á do corpúsculo de Meissner, pero o de Pacini é máis grande. Son menos numerosos ca as células de Merkel e os corpúsculos de Meissner.[1]

Estrutura editar

O corpúsculo de Pacini ou de Vater-Pacini ten forma oval e unha lonxitude de aproximadamente 1 mm. Todo o corpúsculo está envolto nunha capa de tecido conectivo. Presenta de 20 a 60 láminas concéntricas compostas de tecido conectivo fibroso e fibroblastos, separadas por material xelatinoso. As láminas están formadas por células de Schwann modificadas delgadas e planas. No centro do corpúsculo está o bulbo interno, unha cavidade chea de fluído que contén unha soa terminación nerviosa aferente non mielinizada (pero fóra da cuberta do corpúsculo a fibra está mielinizada).

Funcións editar

Os corpúsculos de Vater-Pacini detectan cambios de presión fortes e vibracións e son receptores de adaptación rápida (fásicos). Calquera deformación no corpúsculo causa a xeración dun potencial de acción, ao provocarse a apertura de canles de sodio sensibles á presión na membrana do axón. Isto permite aos ións sodio fluír, creando un potencial receptor.

Estes corpúsculos son especialmente sensibles ás vibracións, que poden percibir mesmo a centímetros de distancia.[1] O seu óptimo de sensibilidade é para as vibracións de 250 Hz e este é o rango de frecuencia xerado nas xemas dos dedos polas texturas formadas por elementos menores de 200 µm.[2] Os corpúsculos de Vater-Pacini causan potenciais de acción cando a pel é presionada rapidamente pero non se a presión se mantén constante, debido ás capas de tecido conectivo que cobren a terminación nerviosa.[1]

Os corpúsculos de Pacini teñen un gran campo receptivo (área arredor na que poden percibir estímulos) na superficie da pel, coa parte central do campo especialmente sensitiva.[1]

Funcionamento editar

Os corpúsculos de Pacini perciben os estímulos debido á deformación dos seus aneis de láminas, que fan presión sobre o extremo superior da neurona sensitiva e causan que dobre.[3] Cando as láminas se deforman, debido á presión ou á liberación da presión, xérase un potencial de acción pola deformación física da membrana plasmática do extremo da neurona, facendo que esta deixe escapar ións Na+. Se este potencial atingue certo nivel limiar, os impulsos nerviosos ou os potenciais de acción fórmanse debido ás canles de sodio sensibles á presión situados no primeiro nódulo de Ranvier da neurona, é dicir o primeiro nódulo da neurona sensitiva mielinizada (fóra da cuberta do receptor). Este impulso é agora transferido ao longo do axón pola acción das canles de sodio e as bombas de sodio/potasio da membrana do axón.

Unha vez que se despolariza o extremo da neurona, despolarízase o primeiro nódulo de Ranvier, pero como é unha fibra de adaptación rápida, isto non continúa por moito tempo e a propagación do sinal cesa. É unha resposta gradual, é dicir, canto maior é a deformación do corpúsculo maior é o potencial xerador. Esta información está codificada na frecuencia dos impulsos, xa que unha deformación máis grande ou máis rápida induce unha maior frecuencia do impulso. Os potenciais de acción fórmanse cando a pel é deformada rapidamente pero non cando a presión é continua. As frecuencias dos impulsos decrecen rapidamente e axiña paran debido ás capas de tecido conectivo que cobren a terminación nerviosa. Esta adaptación é útil, porque evita que o sistema nervioso sexa sobrecargado con información innecesaria como por exemplo a presión exercida pola nosa roupa.

Nome editar

O nome do corpúsculo de Vater-Pacini procede do nome do anatomista italiano Filippo Pacini (1812-1883) e do anatomista alemán Abraham Vater (1684-1715).

O termo "corpúsculo de Golgi-Mazzoni" (distinto do órgano de Golgi) utilízase para describir unha estrutura similar á dos corpúsculos de Vater-Pacini, que só se atopa na xema dos dedos, pero que é máis pequena e sinxela.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Eric Kandel, J. H. Schwartz, T. M. Jessel (2000). McGraw-Hill, Health Professions Division, ed. Principles of neural science (4th ed.). New York. ISBN 0-8385-7701-6. ISBN 0-8385-7701-6
  2. Scheibert J, Leurent S, Prevost A, Debrégeas G. (2009). The role of fingerprints in the coding of tactile information probed with a biomimetic sensor. Science. 323(5920):1503-6. PMID 19179493 DOI 10.1126/science.1166467
  3. Biological Psychology. 
  4. (WhoNamedIt - synd|2423 [1])

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • AnatomyAtlasesMicroscopic - 06|124 [2]