O cornizó (Claviceps purpurea)[1] é un fungo do grupo dos ascomicetos que parasita diversos cereais, especialmente o centeo. Aparece adherido ás espigas coa forma dunha excrecencia alongada de 1 a 5 cm e de cor negra ou púrpura, unha ou dúas por espiga infectada. Tamén recibe os nomes de caruncho, cornecello, cornello, cornicelo, cornilló, cornizolo, dente de can, dentón, gornicelo ou gran de corvo [2]. A denominación caruncho dáselle tamén a outro fungo distinto, que ataca o millo, o Ustilago zeae.[3]

O fungo segrega diversas substancias bioquímicas, das que caben destacar o ácido lisérxico e os seus alcaloides derivados: ergotamina, ergocristina, ergocriptina e ergometrina, de acción farmacolóxica diversa e combinada (vasoconstritora, psicoactiva etc.).

Distribución editar

O cornizó é de distribución ubicua, pero, no caso de España, parece ser especialmente abundante en Galicia (tamén en Asturias e norte de Portugal). O farmacéutico catalán Pío Font Quer fíxoo notar sen lugar a dúbidas:

Podo dicir tamén que sen telo observado nas miñas xa longas peregrinacións por España, non fixen senón asomarme a Galicia por Pedrafita e no primeiro campo de centeo do propio porto vino copiosísimo (Font Quer:25).
En Galicia, o cornizó vendíase libremente; eu mesmo vino en mans das aldeás, colocado en saquiños abertos, no mercado de Sarria, en 1935 (idem, 25).

De feito, ata mediados do século pasado era habitual recollelo nos campos de pan para vendelo nas feiras ou gardalo na casa entre outros remedios caseiros; hoxe é moi escaso porque tamén o é o propio centeo.

Neira Vilas cóntao así, cando describe as actividades de Balbino en Memorias dun neno labrego:

No tempo da sega adicámonos a xuntar cornello. Andivémolo agro todo. Con tal de non tripar o centeo, ós donos non lles importaba que sacásemos o grao de corvo. Dempois de mollalo chegamos ás tres libras. Tamén fixemos angazos de pau, para vendelos no Sanmartiño, e algunhas ravelas. Lelo gardaba os cartos que iamos gañando, nunha caixiña con pecho.[4]

Eladio Rodríguez recolleu este refrán: Chuvia na semana da Ascensión, cría nos trigos mourón.

Uso medicinal editar

 
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Tradicionalmente usouse o cornizó polas súas propiedades oxitócicas e vasoconstritoras, por exemplo para acelerar os partos lentos ou para coutar as hemorraxias posparto; mesmo, noutras ocasións, como abortivo. En calquera caso, o seu uso en mans inexpertas é moi perigoso. Noutra liña terapéutica, tamén se usou como fonte de LSD, droga alucinóxena.

Intoxicación editar

 
Estromas do fungo.
Artigo principal: Ergotismo.

Desde a Idade Media coñécese a intoxicación por consumo de pan elaborado co cereal contaminado con cornello. Esta intoxicación, que cursaba de forma epidémica, coñécese hoxe como ergotismo e, na antigüidade, como lume sagrado ou lume de santo Antonio. Precisamente, na illa de San Antón (A Coruña) houbo ata o século XVI un lazareto para acoller estes enfermos, do que só queda a capela:

"Parece ser que a capela era parte dun pequeno lazareto onde se mantiñan illados os doentes de "ergotismo gangrenoso", unha doenza provocada pola inxestión de alimentos contaminados que afectou especialmente os mariñeiros"

A intoxicación cursaba dunha forma gangrenosa (con forte proído e ardentía nas extremidades, que chegaba á necrose e perda de dedos, mans ou pés) ou de forma convulsiva (con violentas e dolorosas convulsións musculares e alteracións psíquicas).

A relación entre esta intoxicación e o cornello do centeo foi establecida por vez primeira polo médico francés Thuillier, en 1670, ao descartar unha orixe infecciosa, xa que afectaba principalmente aos campesiños máis pobres (que comían máis pan centeo e aproveitaban absolutamente todo o gran, san ou enfermo) e non resultaba contaxiosa: unha persoa podía morrer intoxicada e os seus familiares, que convivían con el, non mostrar síntoma ningún. Finalmente, comprobou que aqueles anos nos que os campos estaban especialmente infestados, a epidemia era moito máis virulenta, así como que os labregos coas leiras máis inzadas, enfermaban sempre con máis intensidade.

Séculos despois, o experto en fungos Louis-René Tulasne, tamén francés, demostrou que a orixe do cornizó era un fungo que medraba no cereal.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • FONT QUER, Pío: Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Labor, Barcelona, 1978.
  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, Antonio e outros: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, 1996.

Ligazóns externas editar