Os corneocitos son as células resultantes da diferenciación terminal dos queratinocitos da pel e compoñen o estrato córneo da epiderme, que é a súa capa máis externa. Os corneocitos despréndense continuamente por desescamación e son decote substituídos por outros procedentes da diferenciación de queratinocitos de capas máis profundas. Son esenciais para darlle á pel as súas propiedades de barreira protectora.

Estrutura editar

Os corneocitos son células poliédricas, anucleadas sen orgánulos citoplásmicos, fortemente unidas unhas con outras e organizadas en columnas verticais de 10–30 células. Están situados nunha matriz lipídica moi hidrofóbica formando o estrato córneo da epiderme. Son células mortas, pero a pesar diso son bioloxicamente activas, debido a que están cheas de queratina e lípidos, como ácidos graxos e ceramidas.[1][2]

Os corneocitos das capas inferiores do estrato córneo están unidos uns a outros por medio dunhas unións celulares eseciais, que son un tipo de desmosoma chamado corneodesmosoma. Estas unións celulares vanse desintegrando a medida que migran cara á superficie da pel, o que facilita a descamación.[1] Ao mesmo tempo que perden estas unións, hidrátanse máis e expándense, formando poros que son unha potencial vía de entrada de microorganismos no estrato córneo.[2]

A capa de corneocitos do estrato córneo pode absorber ata tres veces o seu peso en auga, pero se o seu contido en auga baixa do 10 % deixa de ser flexible e agrétase.

A secreción de lípidos na superficie da pel é unha parte fundamental da función de barreira da pel.

Formación editar

Os corneocitos son queratinocitos que chegaron ao seu último estado de diferenciación. Os queratinocitos situados no estrato basal da epiderme multiplícanse por mitose e migran cara á superficie da pel á vez que se van diferenciando. Durante esta migración sofren diversos cambios, entre os que destacan os seguintes:[3]

  • Aumenta o seu contido de queratina, que chega a ser o 85% da proteína celular total cando chega ao estrato córneo.
  • Cambia o tipo de queratina producida. Nas capas basais son queratinas de baixo peso molecular, e nas capas superiores son queratinas máis grandes e enlazadas transversalmente por pontes disulfuro.
  • Vai adquirindo unha capa proteica insoluble e grosa situada na superficie celular preto da capa interna da membrana plasmática.
  • Segréganse lípidos que se acumulan extracelularmente.
  • A célula vaise facendo máis aplanada.
  • A célula finalmente morre e desaparecen o núcleo e os orgánulos.

Cando os queratinocitos chegan ao estrato córneo xa están no estado de corneocito e van sendo descamados polo frotamento da pel, limpeza, deterxentes etc. á vez que son substituídos por outros.[1] O tempo medio de renovación da pel é duns 21 días.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2017. Consultado o 03 de setembro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Elias, P.M. (2007). "The skin barrier as an innate immune element". Seminars in Immunopathology 29 (1): 3–14. PMID 17621950. doi:10.1007/s00281-007-0060-9. 
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 556-558. ISBN 84-7605-361-4.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar