A Copa Galicia de Baloncesto nace en 1986 coa primeira edición da competición sénior masculina. Na súa xestación participaron os equipos galegos que daquela formaban parte da chamada Primeira División Nacional de Baloncesto: eran o OAR Ferrol, o Club Ourense Baloncesto, o Obradoirocompostelán e mais o Breogán de Lugo. Francisco García Sánchez era entón o presidente da FGB.
O primeiro vencedor foi o Club Baloncesto Breogán, que na actualidade é o club máis laureado da competición ao quedar campión en trece ocasións. Dende aquel ano, o torneo sénior masculino celebrouse ano tras ano, agás no ano 2020 no que non se celebrou a final por mor da pandemia de COVID-19. En 1989 naceu o torneo feminino, se ben a súa celebración non se estabilizou ata mediados dos anos noventa.
Co correr do tempo, a Copa Galicia foi medrando e abranguendo cada vez máis categorías, ata se converter no torneo galego non ligueiro de referencia que é hoxe. Ao se celebraren as eliminatorias en distintas vilas e cidades a Copa é, ademais, un dos grandes puntos de unión entre clubs, xogadores e seareiros de todos os recantos da nosa xeografía.