Conmemoración da Paz de Hiroshima

A Conmemoración da Paz de Hiroshima ou Memorial da Paz de Hiroshima, chamada tamén Cúpula Genbaku (原爆ドーム; Genbaku Dōmu?) ou Cúpula da Bomba Atómica polos xaponeses, atópase en Hiroshima, Xapón.

Conmemoración da Paz de Hiroshima
Memorial da Paz de Hiroshima
Hiroshima en Xapón
Hiroshima
Hiroshima
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País Xapón
LocalizaciónHiroshima, Xapón
TipoCultural
CriteriosVI
Inscrición1996 (20ª Sesión)
Rexión da UNESCOAsia e o Pacífico
Identificador775
O edificio iñantes do bombardeo, no seu estado orixinal.

Historia editar

O edificio foi orixinalmente proxectado polo arquitecto checo Jan Letzel para a Exposición Comercial da Prefectura de Hiroshima.[1] Foi terminado en abril de 1915 e inaugurado oficialmente en agosto dese ano.[2] O edificio tiña como obxectivo promover a venda de bens producidos en Hiroshima.[1] É unha construción de ladrillo e formigón, cunha cúpula de estrutura de aceiro e 25 metros de altura.

En 1944, o edificio deixou de ser usado para a promoción industrial e foi convertido na sede de varias oficinas locais.[1]

O hipocentro da explosión da primeira bomba atómica lanzada sobre unha poboación civil o 6 de agosto de 1945 situouse a unha distancia de apenas 150 metros na horizontal e 600 metros na vertical do edificio, sendo a estrutura máis próxima que resistiu ao impacto. O edificio foi inmediatamente preservado exactamente como se atopaba despois do bombardeo. Serve hoxe como un monumento conmemorativo da devastación nuclear e un símbolo de esperanza na paz mundial e a eliminación de todas as armas nucleares.

Dende 1996 está na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.[3]

Parque Conmemorativo da Paz de Hiroshima editar

A Cúpula Genbaku sitúase no Parque Conmemorativo da Paz de Hiroshima que contén outros monumentos levantados posteriormente:

  • Estatua dos Nenos da Bomba Atómica, en memoria dos nenos que morreron vítimas da bomba.
  • Monte Conmemorativo da Bomba Atómica, coas cinzas de 70 mil vítimas non identificadas.
  • Cenotafio das Vítimas Coreanas, en homenaxe aos preto de 20 mil coreanos mortos no bombardeo.
  • Cenotafio Conmemorativo, coa inscrición «Descansade en paz, pois o erro xamais se repetirá».
  • Chama da Paz, que permanecerá alumando ata que a ameaza de aniquilación nuclear deixe o planeta Terra.
  • Campá da Paz, que os visitantes poden tocar en honra á paz mundial.
  • Sala Nacional Conmemorativa da Paz de Hiroshima, que inclúe a Sala da Memoria cunha reconstrución de 360º de Hiroshima despois da bomba, formada por 140 mil ladrillos (o número de vítimas até o final de 1945).
  • Museo Conmemorativo da Paz de Hiroshima.
  • Portas da Paz, cinco portas de cinco metros de altura coa palabra «paz» escrita en varios idiomas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 La historia del edificio que sobrevivió a la bomba atómica de Hiroshima (en castelán). ABC.
  2. Cúpula Genbaku. El Correo Gallego.
  3. "Hiroshima Peace Memorial (Genbaku Dome)". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Unesco. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar