Concerto para orquestra (Bartók)

O Concerto para orquestra, Sz. 116, BB 123, é unha composición en cinco movementos escrita polo compositor húngaro Béla Bartók en 1943. Trátase dunha das súas composicións máis coñecidas, populares e accesibles.[1] A partitura foi datada en "15 de agosto – 8 de outubro de 1943". É quizais a máis coñecida do gran número de pezas coa aparentemente ambigua denominación de Concerto para orquestra. Isto está en contraste coa forma concerto tradicional, onde hai un instrumento solista con acompañamento orquestral. Bartók dixo que chamara á peza concerto en lugar de sinfonía polo tratamento de cada sección de instrumentos, que é tratada dun xeito solístico e virtuosístico.[2]

Composición editar

A obra foi escrita como resposta a un encargo da Koussevitzky Foundation (dirixida por Serge Koussevitzky) seguido ao traslado de Bartók aos Estados Unidos dende a súa Hungría natal, da cal fuxira a causa da segunda guerra mundial. Especulouse con que a anterior peza de Bartók, o Cuarteto de Corda Nº6 (1939), puido ter sido a súa derradeira composición se non fora por este encargo, que conduciu a un pequeno número doutras composicións, incluíndo a súa Sonata para Violín Só e Concerto para Piano Nº 3.[1] Bartók revisou a obra en 1945, o maior cambio realizouno no último movemento, no cal escribiu un final máis longo. As dúas versión do final foron publicadas, e ambas son interpretadas hoxe en día.

Foi estreada o 1 de decembro de 1944 no Symphony Hall de Boston pola Boston Symphony Orchestra baixo a dirección de Serge Koussevitzky. Tivo un grande éxito e tense interpretado regularmente dende aquela.[1] Bartók non puido gozar moito tempo deste éxito, xa que dez meses despois da estrea da obra morría en Nova York aos 64 anos, vítima da leucemia.

Movementos editar

  1. Introduzione. Andante non troppo – Allegro vivace
  2. "Giuoco delle coppie". Allegretto scherzando
  3. "Elegia". Andante non troppo
  4. "Intermezzo interrotto". Allegretto
  5. Finale. Presto

Análise musical editar

Bartók fai un uso extensivo de elementos clásicos na obra;[1] por exemplo, o primeiro e o quinto movementos son unha forma sonata. A obra combina estes elementos clásicos con música folk do leste de Europa, especialmente do folclore húngaro, e apártase da tonalidade tradicional, empregando frecuentemente modos non tradicionais e escalas artificiais.[1] Bartók investigou melodías populares, e a súa influencia faise sentir en toda a obra. Por exemplo, o segundo tema do primeiro movemento, interpretado polo primeiro óboe, aseméllase a unha melodía popular, co seu estreito rango e ritmo case ao azar. O ton monótono das trompas e as cordas tamén indican a influencia popular.[1]

Estrutura editar

O Concerto para orquestra de Bartók está estruturado en cinco movementos, os cales forman sen arco: vivo-lento-moderato-moderato-vivo. O movemento central, Elegia, vai precedido e seguido de dous movementos curtos, a modo de scherzos, que son, de feito, interludios dentro do conxunto da obra, que ten unha estrutura esencialmente sinfónica.

I. Introduzione. Andante non troppo – Allegro vivace editar

O primeiro movemento, Introduzione, é unha lenta introdución ao estilo música nocturna que dá paso a un allegro con numerosas pasaxes fugato. Este movemento está escrito en compás de 3/4 e é unha forma sonata.[2]

II. "Giuoco delle coppie". Allegretto scherzando editar

O segundo movemento, chamado "Xogo de Pares", está estruturado en cinco seccións, todas elas distintas tematicamente entre elas, cun par diferente de instrumentos que tocan xuntos en cada sección.[2] En cada pasaxe un intervalo diferente separa o par de fagots nunha sexta menor, os óboes en terceiras menores, os clarinetes en sétimas menores, as frautas en quintas, e as trompetas con xordina en segundas maiores.[3] O movemento conta cun lugar destacado da caixa que golpea lixeiramente un ritmo ao principio e ao final do movemento.

Mentres que a edición impresa titula ao segundo movemento "Giuoco delle coppie" ou "Xogo das parellas", o manuscrito de Bartók non presenta ningún título para este movemento no momento no que o gravado-copia foi programado polo editor. Posteriormente, Bartók engadiu as palabras "Presentando le coppie" ou "Presentación das parellas" ao manuscrito, e a adición deste título foi engadida na lista de correccións para realizar a edición. Con todo, no arquivo do proxecto final de Bartók se encontra o título, e por iso pénsase que foi un pensamento posterior do compositor, que se conserva na edición revisada da partitura.[4] A edición orixinal de 1946 tamén ten unha marca incorrecta de metrónomo para este movemento. Este erro saíu á luz cando Sir Georg Solti se preparaba para gravar o Concerto para orquestra e a Suite de Danzas:

Cando preparaba estas dúas obras para a gravación decidín que os tempi debían ser exactamente os que Bartók escribira e esto levoume a algúns descubrimentos extraordinarios, o maior deles foi no segundo movemento do Concerto para orquestra. A partitura impresa marcaba unha negra igual a 74, que é extremadamente lento, mais pensei que debía seguir o que indicaba. Cando a ensaiamos puiden ver que aos músicos non lles gustaba nada e no descanso o timbaleiro (que comeza o movemento cun solo) veu canda min e dixo "Maestro, a miña parte está marcada con negra igual a 94", que eu pensei que debía ser un erro, xa que ningunha das outras partes tiñan unha indicación de tempo. O único xeito de comprobalo era procurar o manuscrito e por cortesía da Biblioteca do Congreso en Washington conseguimos unha copia da páxina correspondente, que non só amosaba claramente a negra igual a 94, senón que tamén indicaba "Allegro scherzando" (a partitura impresa indicaba "Allegretto scherzando"). Ademais Bartók encabezouna con "Presentando le coppie" (Presentación das parellas), non "Giuoco delle coppie" (Xogo de parellas). Eu estaba emocionado con esto, porque se converte nunha peza moi diferente. O programa da primeira interpretación en Boston marcaba claramente "Allegro scherzando" e o gardián dos arquivos de Bartók foi quen de darnos unha proba aínda máis concluínte de que o tempo máis rápido debía ser correcto. Non teño ningunha dúbida de que miles de actuacións, incluída a miña ata agora, foron realizadas a velocidade equivocada![5]

III. "Elegia". Andante non troppo editar

O terceiro movemento, "Elegia", é outro movemento lento, típico da chamada "Música nocturna" de Bartók. O movemento xira en torno a tres temas que derivan principalmente do primeiro movemento.[2] Está escrito en compás de 3/4.

IV. "Intermezzo interrotto". Allegretto editar

O cuarto movemento, "Intermezzo interrotto", consiste nunha melodía fluída con cambios de compás, mesturada cun tema que parodia a canción "Da geh' ich zu Maxim" da opereta de Franz Lehár Die lustige Witwe, como o pianista amigo do compositor György Sándor deixou claro.[6] A idea posterior de que Bartók estaba a ridiculizar a marcha da Sinfonía Nº 7 "Leningrado" de Dmitrii Shostakovich[7] vén dunha reclamación mal interpretada do fillo do compositor, Peter.[8] É máis probable, non obstante, que os dous compositores estaban a parodiar a universalmente coñecida canción de Lehár. O tema en si é interrompido polos glissandi nos trombóns e as madeiras. Neste movemento, os timbais preséntanse cando se introduce o segundo tema, que require 12 diferentes tons distintos no curso de 20 segundos. A estrutura xeral é "ABA–interrupción–BA."[2]

V. Finale. Presto editar

O quinto movemento, "Finale", marcado como presto, consiste nun axitado perpetuum mobile principal que rivaliza con melodías populares de artificio fugato. A súa música caracterízase polo seu virtuosismo e a presenza do contrapunto coas seccións fugato. Comeza cunha brillante música con aires de danza, con interludios suaves a modo de contraste e pasaxes fugados baseados nun tema presentado polas trompetas. O movemento tamén está escrito en forma sonata e en compás de 2/4.[2]

Instrumentación editar

Instrumentación do Concerto para Orquestra[3]
Madeiras
3 frautas (unha dobra con piccolo), 3 óboes (un dobra con corno inglés), 3 clarinetes (un dobra co clarinete baixo), 3 fagots (un dobra con contrafagot)
Metais
4 trompas, 3 trompetas, 3 trombóns, tuba
Percusión
Timpani, caixa, bombo, pratos, ferriños, tam-tam
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, arpas

Gravacións editar

Ano Director Orquestra Selo Lugar Características
1946[9] Fritz Reiner Pittsburgh Symphony Orchestra Columbia Records Nova York 12-inch LP recording. Columbia ML 4102 (monaural)
1953 Herbert von Karajan Philharmonia Orchestra Angel Records Hollywood 12-inch LP recording. ANG 35003
1954[10] Eugene Ormandy Philadelphia Orchestra Columbia Records Nova York 12-inch LP recording. Columbia ML 4973
1955[11] Fritz Reiner Chicago Symphony Orchestra RCA Victor 12-inch LP recording
1956[12] Ernest Ansermet Orchestre de la Suisse Romande Decca Records Londres Decca LXT 5305; London CS-6086; Decca Eclipse (stereo)
1958[13] Rafael Kubelik Royal Philharmonic Orchestra Capitol Records Nova York 12-inch LP recording
1960 Leonard Bernstein New York Philharmonic Orchestra Columbia Records Nova York 12-inch LP recording. Columbia MS 6140 (stereo)
1962[14] Erich Leinsdorf Boston Symphony Orchestra RCA Records Nova York 12-inch LP recording. RCA Victor LM-2643 (monaural)
1965 Fritz Reiner Chicago Symphony Orchestra RCA Victor 12-inch LP recording. Victrola VICS-1110 (stereo). Casete. Victrola VICS-1110 (stereo).
É a mesma gravación que en 1955.
1965[15] George Szell Cleveland Orchestra Columbia Records Nova York 12-inch LP recording. Columbia ML 6215 (stereo)
1965 Georg Solti London Symphony Orchestra Decca Records 12-inch LP recording. Decca SXL 6212 (stereo).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Cooper, David (1996). Bartók: Concerto for Orchestra. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-48505-3. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Bartók, Béla. "Explanation to Concerto for Orchestra," for the Boston premiere at Symphony Hall.
  3. 3,0 3,1 Bartók, Béla (2004). Concerto for Orchestra (Score). New York: Boosey & Hawkes. ISBN 0-85162-189-9. 
  4. Peter Bartók, "Preface to the Revised Edition, 1993", in Béla Bartók, Concerto for Orchestra: Full Score, revised edition, [iii–v] (London, New York, Bonn, Sydney, Tokyo: Boosey & Hawkes, 1993). A cita está na p. iv.
  5. Sir Georg Solti, notas ao disco. London LP LDR 71036, Bartók Concerto for Orchestra and Dance Suite, Chicago Symphony Orchestra, gravado en xaneiro de 1980.
  6. Cooper, David (2015). Bela Bartók (en inglés). Yale University Press. p. 352. ISBN 9780300148770. 
  7. Griffiths, Paul (February 22, 1999). "A Peacetime Hearing of the Shostakovich 'Leningrad,' Forged in War". The New York Times. Consultado o 30 March 2010. 
  8. Stevens, Halsey. 1964. The Life and Music of Béla Bartók, second edition. New York: Oxford University Press. ASIN: B000NZ54ZS (Third edition 1993, ISBN 978-0-19-816349-7).
  9. Gravado os días 4 e 5 de febreiro de 1946: Columbia Masterworks M-793 (78 rpm)
  10. Gravado o 14 de febreiro de 1954
  11. Gravado o 22 de outubro de 1955
  12. Gravado os días 11–12/15 de novembro de 1956
  13. Gravado o 1 de novembro de 1958
  14. Gravado en setembro de 1962
  15. Gravado os días 15–16 de xaneiro de 1965

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bartók, Béla: Explanation to Concerto for Orchestra, notas á estrea en Boston.
  • Bartók, Peter: «Preface to the Revised Edition, 1993» en Béla Bartók. Concerto for Orchestra: Full Score, revised edition. Boosey & Hawkes, 1993.
  • Batt, András: notas ó álbum SLPD 31.167, Béla Bartók. Concerto for Orchestra, Dance Suite. Hungaroton, Budapest Festival Orchestra, 1990.
  • Burton, Anthony: notas ao álbum Béla Bartók. Concierto para orquesta. Dos imágenes op. 10. Deutsche Grammophon, 1981.
  • Cooper, David: Bartók: Concerto for Orchestra. Cambridge University Press, 1996. ISBN 0-521-48505-3
  • Solti, Sir Georg: notas ao álbum LP LDR 71036, Bartók Concerto for Orchestra and Dance Suite, Chicago Symphony Orchestra, 1980.

Ligazóns externas editar