Colmea horizontal

tipo de colmea

A colmea horizontal é unha variante de colmea empregada para apicultura. O seu uso está recomendado en países de baixo nivel tecnolóxico, dada a facilidade da súa construción e o seu baixo prezo.

Batería de colmeas horizontais, Eslovenia.

Características editar

Actualmente a colmea horizontal é empregada con frecuencia en África, pero na Europa antiga era moi frecuente. Se ben agora non se emprega a escala industrial, non debe ser menosprezada como medio de produción de mel a escala artesanal.

En canto á exposición dos panais, atopamos que poden ser utilizados co método en frío ou en quente. Existen basicamente dous tipos de colmeas horizontais:

  • A que ten lados verticais, chamada tamén do tipo tanzano, ou TTBH (do inglés Tanzanian top-bar hive).
  • A que ten lados inclinados, chamada tamén do tipo kenyano, ou KTBH (do inglés Kennian top-bar hive).

Colmea tanzana editar

A colmea tanzana é un caixón rectangular no cal se poden albergar 30 ou 40 cadros de tipo langstroth ou doutras medidas, como pode ser Layens ou Dadant. As dimensións verticais dunha colmea de tipo vertical aplícanse aquí en horizontal. O seu manexo non difire da colmea vertical. Para aumentar ou reducir o espazo empréganse tabiques de madeira.

Este tipo de colmeas é empregado con variantes para a cría de abellas mestras, dividíndoas con reixas excluidoras. Deste xeito pódense crear dúas cámaras de cría, unha en cada extremo, e en cada unha delas unha mestra. Os cadros centrais serven para alimento e cría de celas reais.

Vantaxes:

  • Maior economía na construción da alza que na colmea vertical.
  • Facilidade de manexo da cámara de cría e dos cadros.
  • Facilidade para xerar novas colonias (poden trasladarse cadros a nucleiros ou alzas verticais).
  • Poden centrifugarse os marcos como nas colmeas verticais.
  • Poden pendurarse entre árbores para evitar a predación.

Desvantaxes:

  • Non difire da colmea vertical en custos (leva cadros móbiles).
  • Maior dificultade para a transhumancia que as colmeas verticais.
  • É necesario usar cera estampada (maior custo que a colmea kenyana.

Colmea kenyana editar

A colmea kenyana é un caixón trapezoidal con lados inclinados 60º que pode albergar 30 ou 40 cadros. Só se empregan caros móbiles nos cabezais, reforzados con algún tipo de soporte central ou con aramios dispostos de forma circular. A construción do panal queda a cargo das abellas, polo que non hai que colocar cera estampada. O ángulo das paredes laterais busca evitar que as abellas peguen os panais aos lados da caixa.

Vantaxes:

  • Economía na construción da alza e, sobre todo, nos cadros, para os que só se utiliza un listón como cabezal superior.
  • Non se utiliza cera estampada.
  • Facilidade no manexo da cámara de cría e dos cadros.
  • Poden pendurarse entre árbores para evitar a predación.
  • Facilmente transportable (dúas persoas pódena cargar).

Desvantaxes:

  • Imposibilidade de centrifugar os cadros.
  • Maior dificultade para trasladar as colmeas en vehículos.
  • Menor produción de mel, porque na extracción os panais rompen.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar