O Citröen 2CV (do francés: deux chevaux vapeur, literalmente «dous cabalos de vapor»; chamado popularmente Dous Cabalos) foi un modelo de automóbil de baixo custo creado pola compañía francesa Citroën. Foi presentado á prensa no Salón do Automóbil de París en 1948 cun motor de 375 cc. Máis adiante tivo melloras, como un novo motor de 425 cc en 1955 e outro de 602 cc en 1966. O derradeiro 2CV fabricouse o 27 de xullo de 1990. Na factoría de Citroën en Vigo estivo en produción entre os anos 1959 e 1984.

Citroën 2CV

Datos xerais
Fabricante Citroën
País Francia
Deseñador André Lefèbvre
Flaminio Bertoni
Produción 5 114 969 unidades[1]
Montaxe Levallois-Perret, Francia
Forest/Vorst, Bélxica
Liexa, Bélxica
Slough, Reino Unido
Jeppener, Arxentina
Buenos Aires, Arxentina
Montevideo, Uruguai
Arica , Chile
Mangualde, Portugal
Vigo, Galicia Galicia
Koper, Iugoslavia
Período 1948-1990[2]
Configuración
Tipo Coche de baixo custo
Segmento Segmento B
Configuración Motor dianteiro, tracción dianteira ou total
Dimensións
Lonxitude 3860 mm
Anchura 1480 mm
Altura 1600 mm
Distancia eixes 2400 mm
Peso 600 kg
Características técnicas
Motor 375 cc, 425 cc e 602 cc
Potencia 9, 12 e 21 CV
Modelos relacionados
Sucesor Citroën Dyane

Vendéronse un total de 5 114 969 unidades.[1]

Historia editar

A creación do Citroën 2CV débese primeiramente ao enxeñeiro francés Pierre Jules Boulanger, que iniciara o desenvolvemento do TPV, acrónimo en francés de Très Petite Voiture (Vehículo moi pequeno).

A idea de creación, baseábase nun "vehículo polo campo que tivese espazo dabondo para dous agricultores, coas súas botas, un saco de 50 kg de patacas, capaz de chegar a 60 km/h e consumir como moito 3 L de combustíbel".

Os creadores, baixo a dirección de André Lefebre, foron o italiano Flaminio Bertoni, responsábel do deseño da carrozaría, e o enxeñeiro Alphonse Forceau, deseñador da suspensión que é unha parte esencial na filosofía dos "dous cabalos". No ano 1939 fabricáronse 250 prototipos do TPV.

Durante a ocupación alemá de Francia na Segunda Guerra Mundial mantívose o proxecto en segredo.

O 8 de outubro de 1948 no Salón do Automóbil de París presentouse por primeira vez a versión do TPV tal como se coñece hoxe en día, cun motor de dous cilindros refrixerado por ar de aproximadamente 350 cc e unha potencia de 9 CV.

En España, empezouse a montar en xaneiro de 1959 cun motor de 425 cc que tiña 12,5 CV SAE. Cos anos, foi evolucionando até chegar a unha potencia de 18 CV en 1963.

No ano 1988, a produción dos 2CV parouse na planta francesa de Levallois-Perret. O derradeiro exemplar do 2CV, un Charleston co número de bastidor VF7AZKA00KA376002, fabricouse o 27 de xullo de 1990 na planta portuguesa de Mangualde, un feito que marcou a fin da historia da produción do Citroën 2CV.

Citroën 2CV furgoneta editar

 
Unha furgoneta Citroën 2CV AK400 de 1978.

Citroën comercializou o 2 CV tamén en versión industrial. Comezou coa fabricación entre 1951 e 1956 da versión AU, con motor de 375 cc. En 1954 apareceu a AZU (250) cun motor de 425 cc desenvolvendo numerosos cambios até 1978, mentres que paralelamente, en 1963 comezouse a fabricar a AK350, sendo unha das maiores diferenzas na caixa, con máis volume e cos paneis lisos ideados para inserir publicidade.

A AZU (250) foi o primeiro modelo fabricado na factoría de Vigo. Fabricáronse 106.005 unidades que se vendían por un prezo aproximado de 91.000 pesetas.[3]

A súa fabricación durou até 1970, cando foi substituída pola AK400, con maior capacidade de carga, sendo finalizada a súa fabricación en 1978 coa aparición da súa substituta entre 1978 e 1987 do modelo AYU (Dyane 6-400 ou Acadiane), que non era máis que a versión industrial do Dyane 6.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 El Citroën 2CV cumple 75 años, ¿conocés su historia?. Parabrisas.perfil.com.
  2. La historia del Citroën 2CV. Motor.es.
  3. Navarro Fortuño, Javier (abril de 2017). Nuestros automóviles clásicos en imágenes (1950-1990) (en español) (Segunda ed.). Temporae. ISBN 978-84-15801-43-6. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar