Ciencia patolóxica

Denomínase ciencia patolóxica a calquera proceso na ciencia no cal se engana á xente con resultados falsos debido a efectos subxectivos, pensamento desiderativo ou interaccións sen base real.

Definición editar

 
Irving Langmuir foi quen cuñou o termo pathological science (ciencia patolóxica).

O termo foi utilizado por primeira vez por Irving Langmuir, químico gañador do premio Nobel, durante un coloquio en 1953 no Laboratorio de Investigación Knolls.

Langmuir dixo que a ciencia patolóxica é unha área de investigación que simplemente non desaparece, aínda despois de ser abandonada e tida como "falsa" pola maioría dos científicos do campo correspondente. Chamou ciencia patolóxica á "ciencia das cousas que non son tales".[1][2]

Segundo a definición de Langmuir, é un proceso psicolóxico no que un científico, que orixinalmente se axustara ao método científico, inconscientemente desvíase del, e comeza un proceso patolóxico da interpretación de datos ilusorios (máxicos).[3]

Langmuir nunca tivo a intención de que o termo fora rigorosamente definido, senón que simplemente comezou como o título da súa charla sobre algúns exemplos de ciencia rara.

Ao igual que con calquera intento de definir a actividade científica, sempre se poden encontrar exemplos e contraexemplos.

Características editar

Algunhas das características da ciencia patolóxica son:

  • O efecto observábel máximo prodúcese por un axente causante de intensidade apenas perceptíbel, e a magnitude do efecto é substancialmente independente da intensidade da causa.
  • A magnitude do efecto está próxima ao límite da detectabilidade, ou son necesarias moitas medidas debido á baixa significación estatística dos resultados.
  • Propóñense teorías fantásticas contrarias á experiencia.
  • As críticas resólvense con escusas ad hoc.

Uso do termo editar

Bart Simon inclúe entre as prácticas que pretenden ser ciencia categorías como: pseudociencia, afeccionados á ciencia ou ciencia amateur, ciencia fraudulenta, mala ciencia, ciencia lixo, ciencia popular, ciencias ocultas ou esotéricas, entre outras.[4]

Exemplos de ciencias patolóxicas poden ser, entre outras, "as canles de Marte", os raios N, poliauga, memoria da auga e a fusión fría. As teorías e as conclusións de todos estes exemplos son rexeitadas pola maioría dos científicos, con só un pequeno número de excepcións.

Henry H. Bauer, profesor emérito en estudos de química e defensor da controvertida negación da SIDA, criticou o termo dicindo que a ciencia patolóxica "non é unha mala conduta científica (nin tampouco é patolóxica)", e que carece de xustificación para o entendemento contemporáneo de estudos de ciencias como historia, filosofía e socioloxía da ciencia, polo que serían horas de abandonar a frase.[5]

Notas editar

  1. Irving Langmuir, "Colloquium on Pathological Science", contida en The Knolls Research Laboratory, do 18 de decembro, 1953. Realizouse unha gravación de dita conferencia, pero aparentemente perdeuse, aínda que unha copia da gravación foi feita por Langmuir uns meses máis tarde. Unha transcripción está dispoñible no sitio Web de Kenneth Steiglitz, Professor de Ciencia Computacional, Princeton University. Pódese ver tamén: I. Langmuir, "Pathological Science", General Electric, (Distribution Unit, Bldg. 5, Room 345, Research and Development Center, P. O. Box 8, Schenectady, NY 12301), 68-C-035 (1968); I. Langmuir, "Pathological Science", (1989) Physics Today, Volume 42, Issue 10, October 1989, pp.36–48
  2. "Limiar de interacción" refírese ao fenómeno , en análise estatístico, onde relacións inesperadas entre variables de entrada poden causar resultados imprevistos. Para exemplos ver Dusseldorp, Voorjaarsbijeenkomst 2005 Arquivado 24 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  3. Robert L. Park (2000). Voodoo Science: The Road from Foolishness to Fraud. Oxford University Press. ISBN 0-19-860443-2. Consultado o 26 de xullo de 2011. 
  4. Bart Simon, "Undead Science: Science Studies and the Afterlife of Cold Fusion" (2002) ISBN 0-8135-3154-3. Simon fai referencia a: Thomas F. Gieryn, "Cultural Boundaries of Science: Credibility on the Line" (1999) University Of Chicago Press, ISBN 0-226-29262-2
  5. Henry H. Bauer, "'Pathological Science' is not Scientific Misconduct (nor is it pathological)" HYLE—International Journal for Philosophy of Chemistry, Vol. 8, No.1 (2002), pp. 5–20

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar