A chula[1] é unha torta elaborada con fariña, ovos e leite, que se frixe na tixola e á que se lle pode engadir azucre. É un doce semellante á filloa, porén máis pequeno e groso. É unha sobremesa tradicional de Galiza e das súas zonas de influencia, porén existen variantes en todo o mundo coñecidas coma pancakes en inglés, tortitas en español, e blini (Блины) en ruso.

Chulas americanas con arandos (Blueberry pancakes)

O termo galego chula é moi xenérico, e refírese a calquera masa feita na tixola con ovo: pan rebozado en ovo, frito en aceite; torta de arroz; e as máis das veces defínese coma unha albóndega esmagada de carne ou peixe picado que se forma con ovo batido e especias, o que se coñece hoxe como unha hamburguesa[2][3].

Orixe editar

Xa os antigos gregos facían tortas semellantes ás chulas e filloas.

En Galiza seica a súa orixe proveña da celebración do Samaín[4] a festa celta do final da colleita; que derivou no actual Entroido. Nalgúns concellos galegos, o mesmo que ocorre coas filloas, realízanse certames gastronómicos dedicados ás chulas coma o da parroquia de Moscoso no Concello de Pazos de Borbén.[5][6]

Preparación editar

A chula máis sinxela leva como ingredientes leite, fermento, ovo e azucre. O xeito de preparación consiste en preparar a masa e deixala repousar polo menos unha hora para que levede. Vértese o aceite na tixola para a masa aboie, e empézase a cociñar no intre no que estea moi quente. Finalmente adóitase servir con azucre ou canela por riba.[7] É a receita típica de Ourense, ou en lugares como Casfigueiro ou Xegunde en Lugo.

Segundo a zona varía a receita; algunhas inclúen calacú, arroz, grelos, canela ou reladura de limón.

Variantes editar

 
Pancakes (chulas canadenses) con xarope de pradairo.

Doces semellantes ás chulas existen hoxe en día en todo o mundo, sendo zonas de orixe Rusia e Gran Bretaña. En ruso coñécense coma blini (Блины) e cómense polo almorzo con crema agria. En inglés coñécense coma pancakes (nos Estados Unidos tamén hotcakes, griddlecakes ou flapjacks). En castelán coñécense coma tortitas (España), panqueques ou panquecas (América Latina)[8], e en todos os casos consiste nun pan plano redondo doce, cuxa masa base contén usualmente leite, manteiga, ovos, fariña, fermento, azucre e quizais unha especia, esencia ou extracto (canela, por exemplo).

 
Chulas con nata montada e amorodos.

Acompáñanse normalmente de nata, marmelada, crema inglesa, compota e xaropes (amorodo, chocolate, pradairo, caramelo etc.), doce de leite (América latina). Adóitanse tomar de sobremesa, aínda que ás veces se toman polo almorzo ou a merenda. En América Latina os canelóns tamén se preparan coa masa de panqueque enrolándoa e enchéndoa de acelga, ricota ou polo. En México chámanse hotcakes, sendo almorzos populares nos restaurantes de todo o país. En Australia e Nova Zelandia, pequenas chulas (de aproximadamente 75 mm de diámetro), coñecidas como pikelets tamén son de alto consumo, servidas con marmelada ou unicamente con manteiga durante o do serán ou da mañá.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chula.
  2. X. L. Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo.
  3. Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004.
  4. "Web sobre un tipo de Chula". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2014. 
  5. "Noticia da XI Festa da Chula". Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 23 de febreiro de 2014. 
  6. "Artigo sobre as chulas na páxina web do Concello". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 23 de febreiro de 2014. 
  7. Receita sinxela
  8. DRAE: Panqueca

Véxase tamén editar

Outros artigos editar