O celoma é a cavidade xeral secundaria do corpo chea dun líquido chamado líquido celomático que se forma no mesoderma dos animais celomados ou eucelomados. A diferenza do que acontece co pseudoceloma, este está limitado por un epitelio chamado peritoneo.

O celoma é unha cavidade que se forma a partir do mesoderma.

Esta cavidade desenvolveuse inicialmente nos animais triblásticos, e dicir, con ectoderma, endoderma e mesoderma, e dise que é xeral porque non comunica co medio exterior, o cal non é estritamente certo, sobre todo no caso da enterocelia. Tamén se di que é secundaria porque, como tal cavidade xeral, é a segunda en aparecer, tralo blastocele, ao longo do desenvolvemento embrionario.

Características e funcionaliade editar

Entre as súas utilidades, nos diferentes grupos taxonómicos, están as seguintes:

  • Ten capacidade para absorber golpes
  • En ocasións, pode servir como esqueleto hidrostático.
  • Permite que os órganos crezan independentemente fóra da parede do corpo.
  • Nos mamíferos o celoma forma as cavidades peritoneal, pleural e pericárdica.
  • O líquido celómico actúa como un sistema de transporte entre a parede do corpo e a do tubo dixestivo, facilitando a distribución dos nutrientes, metabolitos e gases respiratorios e podendo almacenar temporalmente os produtos de desfeita para ser excretados posteriormente.
  • Ao mellorar o transporte das substancias polo corpo se produce unha maior eficacia fisiolóxica do corpo co que pode aumentar tamaño do animal, coas implicacións evolutivas que isto supón: mellor homeostase e independencia do ambiente, diversificación das fontes dispoñibles de alimento etc.
  • A cavidade chea de líquido dálle independencia aos órganos, favorecendo procesos fisiolóxicos tan básicos como o latexo independente do corazón ou a produción, en organismos vermiformes, de ondas peristálticas inversas na parede do corpo e do tubo dixestivo, que conta nos celomados cunha musculatura propia.
  • Ao existir un espazo común que recollle e fai circular os produtos do metabolismo, as estruturas repetidas, que nos acelomados eran abastecidas por difusión, poden agora concentrarse nun ou dous órganos máis eficaces e complexos.

Formación editar

Nos embrións dos animais deuteróstomos (equinodermos, cordados) o mesoderma e o celoma orixínase por enterocelia, fenómeno que consiste na proliferación de células do arquénteron (cavidade dixestiva embrionaria) cara ao blastocele para formar o mesoderma e o seu posterior oco para formar el celoma. Por iso, estes animais denomínanse enterocelomados.

Nos embrións dos animais protóstomos (anélidos, moluscos, artrópodos) o mesoderma e o celoma orixínanse por esquizocelia; células situadas no punto de unión do endoderma e o ectoderma proliferan e emigran cara ao blastocele e forman o mesoderma, a partir do cal fórmase o celoma. Estes animais reciben o nome de esquizocelomados.

Clasificación dos animais segundo a presenza/ausencia de celoma editar

Non todos os animais triblásticos (é dicir, con mesoderma) desenvolven un celoma. Existen 3 posibilidades:

Ata hai pouco tempo, os zoólogos agrupaban os animais segundo as características do celoma. A presenza ou ausencia de celoma e a forma en que se orixinou críase que era importante na comprensión das relacións filoxenéticas dos filos animais. Non obstante, recentes probas en filoxenia molecular suxiren que estas características non son tan informativas como se pensou anteriormente xa que se cre que o celoma puido ter xurdido dúas veces, unha en protóstomos e outra vez entre os deuteróstomos[1].

Nos adultos, o celoma persiste de forma moi variable. O celoma pódese conservar nas cavidades dos segmentos corporais, actuando entón de esqueleto hidrostático, na luz das gónadas e de gonodutos (e entón recibe o nome de gonocele), na luz dos órganos excretores, como os nefridios (nefrocele), nas cavidades pericárdicas, así como na luz de determinados sistemas circulatorios.

A existencia do celoma fixo posible un gran avance na evolución e a diversificación dos grandes grupos animais: anélidos, artrópodos, vertebrados e moluscos, grazas a que a compartimentación corporal axudou a que os diferentes sistemas e órganos do corpo tiveran unha mellor división de tarefas, coa súa conseguinte especialización.

Notas editar

  1. Xiao S., Laflamme M.(2008) On the eve of animal radiation: phylogeny, ecology and evolution of the Ediacara biota na revista Trends in Ecology & Evolution 10.1016

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar