A cefalea en acios, tamén denominada cefalea de agrupamento ou en inglés, cluster headache, é unha cefalxia caracterizada por unha dor moi intensa e sempre unilateral, é dicir, só nunha das dúas metades da cabeza, sobre todo na rexión orbitaria. A cefalea en acios denomínase dese xeito porque aparece a brotes, isto é, xéranse unha ou varias crises ao día durante un período de tempo de entre 1 e 2 meses, para posteriormente remitir a dor durante períodos máis longos de tempo. A cefalea en acios é máis frecuente en homes ca en mulleres, ao contrario que na xaqueca[1]. Adoita debutar entre os 20 e os 50 anos, e está relacionada con doentes fumadores e consumidores de alcol. Non é hereditaria, mais aproximadamente un 10% dos doentes teñen antecedentes familiares. É considerada unha das doenzas quen de inducir ao suicidio, por mor da intensísima dor que provoca. O estudo desta cefalxia adoita realizarse nos servizos de neuroloxía.

Sintomatoloxía editar

Caracterízase por unha dor de cabeza unilateral[2] (sobre todo na rexión orbitaria), moi intensa, que típicamente aparece a intervalos regulares de entre 12 e 48 horas durante períodos de tempo determinados (habitualmente de 1 a 3 meses), desaparecendo o resto do ano. Porén, os períodos de actividade e os períodos de remisión poden varias segundo a persoa, o sexo e a idade: hai doentes que a padecen de xeito crónico durante o ano todo, e hainos que teñen períodos de remisión máis prolongados, de até catro anos. É frecuente que apareza durante o sono nocturno (na fase REM) ou pola mañá ao acordar, e adoita aparecer case que sempre ás mesmas horas do día. Na meirande parte dos casos, a cefalea acompáñase de lacrimación e rinorrea acuosa (caída de pingas polo nariz) e poden, como as outras cefalxias, acompañarse de fotofobia, sonofobia, edema palpebral, suoración na cara, miose, ptose palpebral e náuseas, aínda que, contrariamente á xaqueca, non cursan con alteracións visuales nin outros síntomas neurolóxicos que habitualmente compoñen o aura da xaqueca. Ao contrario que todas as demais cefaleas, a cefalea en acios adoita acompañarse de axitación (inquedanza psicomotriz). A literatura médica describe a dor coma o máis intenso que un ser humano pode sufrir sen perder a consciencia. É, polo tanto, unha doenza grandemente incapacitante, xa que impide ao paciente realizar calquera actividade mentres estean presentes os ataques (que teñen unha duración entre media hora e 3 horas). Ademais deixa secuelas coma o esgotamento ou a depresión. É un importante factor de risco para o suicidio. A cefalea en acios aparece bruscamente entre a adolescencia e os 50 anos, e desaparece bruscamente cando o paciente chega arredor dos 70 anos. Non se coñecen as causas, mais semella estar relacionado cos ritmos circadiáns e algunhas interaccións do hipotálamo[3].

Diagnóstico editar

O diagnóstico da cefalea en acios é estritamente clínico. Non hai probas diagnósticas que establezan con certeza a doenza. As probas diagnósticas coma a TAC ou a resonancia só serven para descartar outras patoloxías. Así, a Clasificación Internacional de Cefaleas establece que para diagnosticar unha serie de criterios diagnósticos[4].

Criterio Características
A Polo menos 5 ataques que satisfagan os criterios B-D.
B Dor de intensidade severa ou moi severa, na rexión orbitaria, supraorbitaria e/ou temporal, cunha duración de 15 a 180 minutos sen tratamento.
C A cefalea está asociada a polo menos un dos seguintes signos, que han de estar presentes no mesmo lado da dor:
A. Lacrimación
B. Obstución nasal/Rinorrea
C. Edema palpebral
D. Suoración da cara ou fronte/miose/Ptose
E. Axitación psicomotriz
D A frecuencia dos ataque varía entre un ataque cada dous días e 8 ataques ao día.
E A dor e a sintomatoloxía non son atribuíbeis a outra doenza.

Tratamento editar

Nos doentes con cefalea en acios adoitan pasar anos antes de diagnosticárenlles a doenza correctamente, xa que habitualmente confúndense con xaquecas e outras cefalxias[5]. Medicamente, as cefaleas en acios son consideradas benignas, mais ao ser a dor tan intensa, un ataque severo trátase coma emerxencia médica. Os fármacos que se empregan habitualmente para tratar as cefaleas (AINEs e paracetamol) non melloran a dor nestes pacientes. O tratamento de elección nestes casos é o triptano, neuroléptico que tamén se emprega na xaqueca. Ademais, o osíxeno pode axudar a mellorar a dor durante as crises, polo que esta doenza é un dos motivos de pautar oxixenoterapia domiciliaria[6]. Nos períodos onde non hai crises, o que se procura e alongar o máximo posíbel os períodos sen crises. Para iso, emprégase bloqueantes dos canais de calcio coma o verapamilo, corticoides e, nos caos onde este tratamento non funcione, o litio.

Notas editar

  1. Migraine Headache Treatment Clinics, Chicago Migraine Specialists Arquivado 02 de decembro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
  2. Beck E, Sieber WJ, Trejo R (2005). "Management of cluster headache". Am Fam Physician 71 (4): 717–24. PMID 15742909. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008.  (en inglés)
  3. Cefaleas e alxias craneofaciais. J.J. Zarranz, Neuroloxía, 4º Edición
  4. The International Classification Of Headache Disorders, Cephalalgia 2004 Volume 24 Supplement 1: 1-160
  5. "Vast Majority of Cluster Headache Patients Are Initially Misdiagnosed, Dutch Researchers Report". World Headache Alliance. 2003-08-21. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2007. Consultado o 2006-10-08.  (en inglés)
  6. May A, Leone M, Afra J, Linde M, Sándor P, Evers S, Goadsby P (2006). "EFNS guidelines on the treatment of cluster headache and other trigeminal-autonomic cephalalgias" (PDF). Eur J Neurol (en inglés) 13 (10): 1066–77. PMID 16987158. doi:10.1111/j.1468-1331.2006.01566.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 16 de febreiro de 2013.