Catedral de Lugo

Templo católico en Lugo

A catedral de Santa María é a catedral da cidade galega de Lugo. Está adicada á Virxe María e atópase situada a rentes da muralla, concretamente diante da porta de Santiago, preto da Praza Maior. Foi comezada no século XII, e ten trazas de estilo románico, con engadidos góticos, barrocos e neoclásicos. Desde o ano 2015 é considerada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como parte dos Camiños Primitivo e Norte.[1]

Catedral de Santa María
Catedral de Santa María
Datos xerais
PaísEspaña
RexiónGalicia Galicia
TipoCatedral
AdvocaciónVirxe María
LocalizaciónLugo
Coordenadas43°00′33″N 7°33′30″O / 43.0092, -7.5583Coordenadas: 43°00′33″N 7°33′30″O / 43.0092, -7.5583
CatalogaciónBen de Interese Cultural
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseLugo
Arquitectura
Construción755-1273 (Antigo Reino de Galiza )
EstiloRománico, barroco, gótico, renacentista
Páxina webhttp://www.diocesisdelugo.org/diocesis/catedral/
Catedral de Lugo en Galicia
Catedral de Lugo
Catedral de Lugo
Localización da Catedral de Lugo.
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
Vista dende a Muralla, á altura da Porta do Bispo Odoario.

Mandada construír no 755 polo bispo Odoario, ás deficiencias de construción e aos asedios das guerras seica se debeu o que no primeiro terzo do século XII se achase o edificio nunhas condicións tales que obrigaron ao bispo Pedro III co seu cabido e outras persoas notábeis da cidade a concertar en 1129 co mestre Raimundo a construción dun novo templo conforme ao estilo arquitectónico entón imperante, o románico, e que se finalizou en 1273. Con posterioridade, as reformas e ampliacións realizadas fixéronse en estilos gótico, barroco e neoclásico.

Unha das súas xoias artísticas é o retablo renacentista que estaba no altar maior, obra de Cornielles de Holanda, e que se partiu a consecuencia do terremoto de Lisboa de 1755. Tras iso decidiuse dividilo en varios fragmentos, os dous maiores dos cales atópanse actualmente en ambos extremos da nave de cruceiro.

A catedral posúe o privilexio papal de exposición permanente do Santísimo Sacramento que é sacado en procesión, de aí o cáliz e a hostia que aparecen no escudo da cidade coa lenda "Hic hoc misterivm fidei firmiter profitemvr" (Cremos con fidelidade neste misterio), en referencia ao misterio da consagración do corpo de Cristo e que se trasladou ao propio escudo de Galicia. Este feito fai que se denomine a Lugo a cidade do Sacramento.

En 2010 restaurouse gran parte da catedral. A fachada principal foi limpada e impermeabilizada. A cuberta das naves do cruceiro e o presbiterio foi completamente cambiado, así como o musgo dos contrafortes. No interior limpouse integramente o altar maior, deixando á vista as vistosas cores orixinais do teito. As obras remataron a mediados do 2012.

 
Fachada.

Estrutura editar

A igrexa ten planta de cruz latina cunha lonxitude de 85 m. Ten tres naves, cruceiro e deambulatorio con cinco capelas absidais. A cabeceira é triabsidal.

A nave maior cóbrese con bóveda de canón apuntado e os laterais con bóveda de canón e aresta, de nervios no cruceiro, e bóveda de canón con lunetos no triforio. As fiestras do triforio son de arco agudo ou apuntado ao interior e ao exterior.

Á esquerda da entrada á catedral está a Torre Vella, gótica, rematada por un corpo de campás renacentista, terminado por Gaspar de Arce en 1580.

No adro da catedral de Lugo sitúase un cruceiro de data descoñecida, sitúase en cabeceira da catedral, á beira das ábsidas, no tramo que vai entre a torre-campanario e a capela da Virxe dos Ollos Grandes.

Estilos editar

Son románicos os paramentos verticais e bóveda da nave do cruceiro, os mesmo que a maior parte da nave maior, laterais e triforio, cuxas bóvedas foron refeitas no século XVIII.

Pertencen ao gótico o primeiro corpo da capela maior e o deambulatorio coas súas capelas absidais encostadas (1320-1360), exceptuada a central, así como as antigas de San Domingos dos Reis (1370) e San Froilán (1480), que actualmente forman a chamada do Pilar, ademais do primeiro corpo da torre das campás (cara a 1570 ou antes) e o nártice ou pórtico norte (1510-1530), non a portada.

Ao barroco adxudícase a sancristía (1678), a sala capitular e os seus arredores (1683), o claustro (1714) e a capela central do deambulatorio, chamada dos Ollos Grandes (1726).

No neoclásico, enmarcan os estudosos o segundo corpo da capela maior, a actual capela de San Foilán e a fachada, todo iso obra da segunda metade do século XVIII.

 
Lateral, onde se atopa a porta co Pantocrátor.

Porta Norte editar

É o máis destacado do estilo románico da catedral, está acubillada por un pórtico de principios do século XVI, cuberto dunha bóveda estrelada, mandado levantar polo bispo Pedro Ribeira.

Está formada por tres arquivoltas e gardapó de arcos de medio punto e lintel bilobulado coa améndoa mística cun espléndido Pantocrátor sedente, colgando da améndoa un pendurante con forma de capitel onde se representa a Última Cea. Está tallada en mármore e data do século XII, sendo as súas ferraxes do século XIII. Ilústrase a escena cun precioso dístico en latín nas tres caras visibles do ábaco, cuxa transcrición é:

DISCIPULUS DOMINI PLACIDE DANS / MEMBRA QUIETI DUM CUBAT IN CEA / CELESTA VIDIT AMENA

É unha evidente alusión á eucarística ao relato do Evanxeo de Xoán (13, 22-25) cuxa tradución podería ser: Recostado no colo do Señor durante a cea, o discípulo amado albiscou a fermosura das cousas celestiais. Este pendurante foi reproducido nunha serie de selos de correos de España en 1969 con motivo do tricentenario da Ofrenda do Reino de Galicia a Cristo Sacramentado nesta catedral.

 
Vista traseira, na Praza de Santa María.

Interior editar

Tesouro editar

Do Tesouro, só quedan algúns restos despois do saqueo napoleónico en 1809. Posúe unha destacada colección de cálices dos séculos XV ao XIX entre os que destaca o Cáliz de Vaamonde (doado polo bispo Martínez de Vaamonde). Destaca a custodia do século XVII de Xoán de Arce, a coroa da Virxe dos Ollos Grandes e o relicario de San Froilán.

Coro editar

Unha das súas xoias máis destacables é o coro construído por Francisco de Moure, construído a principios do século XVII. A selería está composta de 27 postos no nivel baixo e 37 no nivel alto.

Hai ademais seis fragmentos de táboas de recheo que separan a cadeira prelaticia das inmediatas onde se le:

FRANCISCUS A MOURE GALLECUS CIVITATIS AURIENSIS INCOLA SCULTOR ET ARCHITECTUS INVENIEBAT ET SCULPEBAT HOC OPUS CUI ULTIMA MANUS ACCESI ANNO DOMINI 1624

Ou sexa: O arquitecto e escultor galego Francisco de Moure, avecindado en Ourense, deseñou e esculpiu esta obra, terminada no ano 1624. Destaca a imaxinería que se desenvolve nos medallóns do apoio dos postos baixos e nos rectángulos dos altos. Así mesmo obsérvanse innumerables elementos naturalistas. Ademais é a única catedral galega que conserva a súa coro na nave central.

 
Virxe dos Ollos Grandes.

Capela da Virxe dos Ollos Grandes editar

A capela, data do século XVIII e é obra de Fernando de Casas Novoa e puxo a súa primeira pedra o Bispo Santa María Salazar, o 7 de decembro de 1726. Foi coroada canonicamente o 15 de agosto de 1904 e foille imposta a Medalla de Ouro da Cidade o 15 de agosto de 1954. A imaxe da Virxe dos Ollos Grandes atópase nesta capela e está considerada unha obra mestra do barroco.

Descoñécese ao autor da talla, de pedra policromada. Algúns entendidos sitúana cronoloxicamente no século XII, aínda que outros postergan a súa factura ao XV.

A Virxe dos Ollos Grandes é a patroa da cidade de Lugo e a catedral está consagrada ao seu nome. A súa festividade é o 15 de agosto. Afonso X o Sabio dedicoulle a súa cantiga LXXVII, na que describe a curación dunha muller que pediu á Virxe a saúde, que recobrou na propia catedral de Lugo, aos pés da Virxe.

Capela de San Froilán editar

Encostada ao muro norte, a capela de San Froilán é de estilo renacentista e foi construída en 1780. Ten a imaxe do santo tallada en madeira representado como Bispo en acto de bendicir obra de Francisco de Moure. Na cabeceira hai un sepulcro coñecido como o de Santa Froila (nai de San Froilán); a tumba é do século IX e o sepulcro do XII, pero non se sabe se o destinatario é Santa Froila ou o Bispo Odoario.[2]

San Froilán é o patrón da cidade de Lugo. Naceu nos arrabaldes de Lugo no ano 833. A súa festividade celébrase o 5 de outubro. Segundo conta a lenda, o santo introduciu na súa boca brasas ardentes para aceptar o xuízo divino a seguir pola súa vocación: a de eremita ou a de predicador.

Mestres editar

A catedral foi iniciada polo mestre Raimundo a petición do bispo Pedro III co seu cabido e outras persoas notábeis da cidade en 1129 conforme ao estilo arquitectónico entón imperante, o románico.

O claustro cuxa planta foi comezada polo monxe beneditino Gabriel de Casas foi finalizada polo arquitecto galego Casas Novoa autor tamén da capela da Virxe dos Ollos Grandes. A fachada foi iniciada polo enxeñeiro Sánchez Bort e redeseñada e executada por Miguel Ferro Caaveiro, a quen se deben así mesmo a traza da capela de San Froilán e do seu retablo pétreo, executado polo escultor lucense Manuel Luaces.

A sancristía e sala capitular é obra do galego Domingo Antonio de Andrade. O último corpo das torres da fachada foi proxectado polo arquitecto provincial Nemesio Cobreros Cuevillas, e todas as estatuas da mesma obra son de Santiago Quatrigas Baamonde.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "A Catedral de Lugo, Patrimonio da Humanidade". A Nosa Voz. 6 de xullo de 2015. Consultado o 24 de novembro de 2015. 
  2. Cabana, Darío Xohán (2006). Mulleres en Lugo, un paseo pola cidade (PDF). Concello de Lugo. Arquivado dende o orixinal (maquetado para impresión) o 07 de marzo de 2017. Consultado o 06 de marzo de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar