As castañola ou castañeta[1] é un idiófono, composto de dúas pezas atadas entre si, empregado en diversas culturas musicais con distintas variacións en canto a forma, tamaño, e materiais.

Castañolas

Historia editar

Instrumentos semellantes a castañola atópanse en moitas culturas antigas. Cítase con frecuencia como orixe a crusmata ibérica, un instrumento formado por dúas cunchas ou dúas pezas de madeira que se facían soar baténdoas cos dedos e a palma da man.[2]. As súas características (tamaño e facilidade de interpretación) fixeron que se espallase incluso ata na música culta. Durante o renacemento e posteriormente as castañolas aparecen cítaas na literatura asociándoas á música das clases baixas.[2]

Características editar

As castañolas compóñense dun par de pezas cóncavas de madeira dura (buxo, uz, teixo, nogueira, ébano ou semellante) ou máis modernamente de granadillo, pau santo, o materiais sintéticos. Na parte superior ten dúas extensións furadas, chamadas "orellas". Polos furos pásase unha baraza (na antigüidade fabricada con tendóns de porco ou de cabalo), por onde se introducen un ou máis dedos, deixando a dúas pezas da castañola frouxas. O instrumento tócase repenicando cos dedos nel, ou axitando as mans. O son producido e oco e seco. Normalmente tócanse cunha castañola en cada man, sendo unha delas de ton máis alto ca outra, recibindo o nome de "femia" e "macho" respectivamente.

Dentro do ámbito da música culta adóitase a suxeitalas nun mango de madeira, facilitando a interpretación, pero modificando en parte o seu son.

Uso popular editar

 
Grupo Köçek na celebración da circuncisión dos fillo do Sultán Ahmed en 1720

O seu uso dentro da música popular española está moi estendido, e pódense atopar en toda a xeografía, onde reciben diversos nomes. Tócanse tradicionalmente en Valencia (onde se chaman postizas), Andalucía, Asturias, Cataluña (esclafidors), León, Cantabria, Galicia, Aragón (jotaneos ou pulgaretes), País Vasco (Krisket), nas Illas Baleares e nas Illas Canarias (Chácaras).

As castañolas adoitan a ser tocadas polos bailadores, remarcando os pases de baile con elas. É habitual, por exemplo, que acompañen o baile da xota, onde se empregan cando se bailan danzas non puramente flamencas como sevillanas e fandangos[3].

O xeito de tocalas tamén varía segundo as zonas; en Aragón ou en Galicia cólganse dos dedos medio e índice e tócanse cun golpe seco ou axitando as mans. En Andalucía pendúranse do polgar, e se golpean con toda a man ou repenicando cos catro dedos restantes, producindo unha gran variedade de ritmos.

Con todo, non é un instrumento exclusivo da cultura peninsular. Amais de España e Portugal, atópase na música árabe, , na Roma Antiga, en Italia e en Latinoamérica. No Imperio Otomán os köçeks non só bailaban, senón que tamén tocaban instrumentos de percusión, especialmente un tipo de castañolas coñecidos como çarpare, que posteriormente foron substituídos por címbalos de metal chamados zills.

Uso na música culta editar

Durante o barroco, as castañolas tamén foron empregadas principalmente na danza. Compositores como Jean-Baptiste Lully as incluíron nas súas pezas, ben fosen de inspiración española (Ballet des Nations), exipcia (Persée, Phaëton), etíope (Persée, Phaëton), o mitolóxica (Atys). Foron tamén empregadas en danzas de temática menos amable, como en personaxes de demos (Alceste) ou evocando pesadelos (Atys). A súa asociación coas danzas africanas aparece no ballet Flore (1669) de Lully; "...les Africains inventeurs des danses de Castagnettes entrent d’un air plus gai..."

As castañolas foron empregadas evocando atmosferas españolas na ópera Carmen de Georges Bizet ou na obra orquestral de Emmanuel Chabrier titulada España. Pódense atopar na "Danza dos sete veos" da ópera Salome de Richard Strauss e na ópera Tannhäuser de Richard Wagner. Unha variación pouco común son as que aparecen na obra Les Choëphores de Darius Milhaud, onde as castañolas están feitas de metal. Outras obras como o Capricho Español de e Rimsky-Korsakov, a Rapsodia española de Maurice Ravel, o Concerto for Two Pianos and Orchestra in D minor de Francis Poulenc e a obra Tangollen de Karl Jenkins.

Como instrumento acompañante, raramente ten papel solista. Como excepción pódense mencionar o Concertino for Castanets and Orchestra Three Anecdotes de Leonardo Balada, o Conciertino für Kastagnetten und Orchester do compositor alemán Helmut M. Timpelan, en cooperación co virtuoso José de Udaeta e a Tocatta festiva for castanets de Allan Stephenson. Sonia Amelio tamén interpreta arranxos solistas.

As castañolas en Galicia editar

Fabricadas polos zoqueiros ou polos propios bailadores, áchanse castañetas baixo variadas morfoloxías por toda a xeografía galega. Malia que é posíbel que tamén fosen empregadas ocasionalmente na música instrumental, o seu uso tradicional en Galicia foi o acompañamento de danzas e bailes soltos. Os bailadores úsanas como reforzo rítmico da peza, realizando toques simples (un golpe) ou compostos (repenique) ao compás da melodía.[4] Nas castañolas galegas diferenciase entre a que se porta na man esquerda (macho), que emite un son máis grave, e a da dereita (femia), máis aguda e que nalgúns bailes "repenica" en solitario.[5] É habitual que esta última leve unha marca na parte superior para distinguila a simple vista.

Imaxes editar

Notas editar

  1. Albán Laxe, Calixto (2003). O saber do pobo. Enciclopedia do traxe, danza e música tradicionais. Vigo. Xerais. ISBN 84-8302-235-4. 
  2. 2,0 2,1 "Palillos, tejoletas y castañuelas (A. Payno, Luis)". Construcción de instrumentos tradicionales. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2010. Consultado o 9 de xuño de 2010.  (en castelán)
  3. López Ruiz, Luis (2007). Guia del Flamenco. Ediciones Akal. ISBN 978-84-460-2670-9. 
  4. Carpintero Arias, Pablo. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Castañetas, castañolas". Consultado o 2021-10-29. 
  5. Quintas Suárez, Moisés. "Entrechocados (Castañolas)". instrumentosgalegos.gal. Consultado o 2021-10-29. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar