Cason

cargueiro panameño

O Cason (pronunciado Casón) foi un cargueiro panameño que o 5 de decembro de 1987, mentres navegaba fronte ás costas galegas, sufriu un accidente por mor dun temporal que fixo que a carga se correse e provocase un incendio.[1] O barco terminou varando nas costas de Fisterra, na punta do Castelo da praia do Rostro, e morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa.

Cason
Historial Panamá
Estaleiro Flensburger Schiffbau-Gesellschaft, Flensburg, Alemaña Alemaña
Tipo Cargueiro
Asignado 1969
Destino Galicia afundido
Características xerais
Desprazamento 9.191 toneladas
Eslora 136,84 m
Manga 21,06 m
Tripulación 31

IMO número: 6916976

Características editar

 
Áncora do Cason en Fisterra
 
Placa da áncora da imaxe anterior

O barco fora botado en 1969. Tiña unhas dimensións de 136,84 metros de eslora e 21.06 metros de manga. Navegaba desde Rotterdam ó porto chinés de Shangai transportando unha carga de case 10.000 toneladas de produtos químicos, distribuídos en 5.000 bidóns, sacos e contedores, clasificados como inflamables (xileno, butanol, butil de acrilato, ciclohexanona, sodio), tóxicos (aceite de anilina, difenilmetano, ortocresol, dibutilfalato, formaldehido) e corrosivos (ácido fosfórico, anhídrido alifático), que se embarcaran nos portos de Hamburgo e Antuerpen e a propia Rotterdam.

O accidente editar

A solicitude de socorro foi lanzada ás 7:45 horas da mañá e atendida pola Axudantía de Mariña de Corcubión. Ás 10:30 chegaron xunto ó barco os servizos de salvamento, cando xa estaba a unhas cinco millas da costa, e observaron unha columna de fume que xurdía dunha das súas bodegas. Os mariñeiros saltaran á auga e comezaron a recollerse os primeiros oito cadáveres.

Ás 8 da tarde embarrancaba preto da praia do Rostro, na contorna da Punta do Castelo[2]. Sospeitouse que o barco foi encallado deliberadamente polo remolcador español Remolcanosa 5, despois de que o armador se negase a responder economicamente do custo do rescate[3].

Nas poboacións costeiras xurdiu inmediatamente a inquietude ante o descoñecemento das características da carga que transportaba. O capitán, único membro da tripulación que coñecía esta información, morrera nas primeiras horas do accidente. O xefe de máquinas advertiu da existencia de bidóns marcados co símbolo de produto tóxico da clase 6[4]. O feito de que os mariñeiros saltasen ao mar en vez de permanecer a bordo, tendo en conta que o incendio era local e non semellaba de gravidade, facía pensar nun grave perigo da posible explosión do barco e da súa carga. Todo o anterior, unido á falta de información oficial e ó confusa que era a información existente, fixo que nas vilas próximas se sucedesen as asembleas populares pero non serviron para dar a información que esixían os veciños nin moito menos para tranquilizalos. O gobernador civil da Coruña, Andrés Moreno Aguilar, insistía en que a situación estaba controlada pero, simultaneamente, a Consellería de Educación ordenaba suspender as clases nos colexios da zona.

A mesma falta de información sobre as características da carga e sobre as causas do incendio afectou tamén as autoridades, que non tiñan elementos para adoptar decisións sobre o rescate. O que publicaban os medios, moitas veces contraditorio, tamén colaboraba en fomentar a confusión e a desconfianza entre os veciños.

Algúns dos produtos transportados, segundo consta no Manifesto de carga:
Cresoles, 110,5 toneladas.
Aceite de anilina, 109 tn.
Cemento líquido, 32 tn.
Aldehidos e cetonas, 4.730 kg.
Etilenos, 1.200 kg.
Vernices e esmaltes, un contedor.
Acetatos, 20 bidóns.
Alcohois, 212.000 kg.
Xilol, 1.123 bidóns.
Xilenos, 253 tn.
Butoxilos, 430 bidóns.
Alcatráns, 36 bidóns.
Sodio metálico, 132 tn.
Ácido fosfórico, 12 bolsas.
Pentanona, 188 kg.
Ciclohexanona, 8,8 tn
Trióxido de fósforo, 50 tn.
Ácido sulfúrico e derivados, 2.200 kg.
Formaldehidos, 46 barrís.
Adhesivos, 3 tn.
Líquidos inflamables, 4 tn.

Cando por fin se coñeceu o manifesto de carga, o día 7, cos produtos transportados e as súas cantidades exactas, tampouco se conseguiu tranquilizar a poboación, estendéndose os rumores da posible existencia de armas químicas ou materiais para fabricalas, ou mesmo material radioactivo. Anos despois, o propio Xosé Manuel Beiras Torrado, daquela parlamentario do BNG, dixo nun programa de televisión que "Aínda hoxe non se sabe se había elementos radioactivos dentro do Casón" (TVG: A caixa negra, 2009). Para xestionar a recollida da carga, acudiron varios expertos neerlandeses enviados pola Unión Europea,[5] pero os políticos locais[6] e algúns medios de comunicación cuestionaron a súa experiencia e a veracidade da información que proporcionaban.

Durante os días 9 e 10, os remolcadores Punta Salinas e Alonso de Chaves comezaron a retirar bidóns das bodegas do barco. O día 10 empeorou o tempo e as ondas terminaron por mollar a carga que aínda permanecía no barco e, con ela, os bidóns de sodio. O sodio, en contacto coa auga, dá lugar a sosa cáustica e libera hidróxeno, que é inflamable e explosivo. Iso explica que comezaran a producirse numerosas explosións no barco e un violento incendio que provocou unha grande alarma social ante a posibilidade de que a nube tóxica que se formou sobre o barco e que avanzaba cara á costa puidese caer sobre os habitantes dos lugares costeiros. A TVG retransmitiu o momento en directo.

Inmediatamente, o medo ante as explosións e a densa nube que se levantaba do barco apoderouse da maioría dos veciños e moitos deles abandonaron a zona cara ó interior. As informacións confusas que daban as autoridades nacionais, autonómicas e locais e os medios contribuíron a crear unha situación que se deu en chamar de "histeria colectiva".

"A incerteza sementada polas autoridades, o encubrimento e o total descoñecemento da carga do buque provocaron unha histeria colectiva nos lugares próximos ó encallamento"
Gran Enciclopedia Galega s. v. marea.

Por fin, na noite do día 10, o Goberno central, presidido por Felipe González, e mais o galego, presidido por Fernando González Laxe, que acababa de tomar posesión había poucas semanas, decidiron evacuar as poboacións de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15 000 persoas) cara á Coruña, Santiago de Compostela etc.[7]. Domingo García-Sabell, Delegado do Goberno en Galicia, afirmou que non se sabía a toxicidade das emisións que saían do barco pero que a posibilidade de que fose tóxico aconsellaba tomar esa medida, e anunciou o envío de 300 autobuses (cifra que prometeu aumentar a 700 se fixese falta). En calquera caso, os veciños de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía, Camariñas etc. comezaron a abandonar as súas casas polos seus propios medios cara a distintas poboacións do interior, nunha fuxida masiva durante unha noite caótica que provocou numerosos problemas de circulación; mesmo houbo quen escapou nos barcos pesqueiros. Só tres horas despois de comunicar a necesidade de evacuar a zona, o Goberno anulouna explicando que novas análises demostraran que non existía ningún perigo para as persoas: os niveis de contaminación non eran tóxicos, asegurou. Como era esperable, a coexistencia destas mensaxes contraditorias por parte das autoridades non fixo senón incrementar a desconfianza.

Nos días seguintes foise recuperando a tranquilidade e os veciños foron regresando paulatinamente ás súas casas, aínda que primeiro o fixeron os adultos, deixando os meniños nos distintos puntos de acollida [8].

"Estou contenta por poder volver a casa. Cando marchamos o meu home e mais eu, tiñamos a sensación de que non iamos poder volver á nosa casa. Pensabamos que o barco podería estourar e que esta zona podía quedar contaminada, e que non poderiamos volver en varios anos. Non entendo como non houbo autoridade ningunha que informase claramente do que podiamos e do que non podiamos facer"
El País, 13.12.1987.[9]

Anos despois correron os rumores de que aumentaran considerablemente os casos de cancro entre os habitantes da zona, especialmente o cancro de estómago, pero ningún estudo conseguiu evidenciar nin o incremento desta patoloxía nin que os casos que se deron tivesen relación co Cason.

Retirada dos bidóns recollidos editar

Durante os primeiros días sacáronse do barco 255 bidóns de distintos produtos[10] que se almacenaron no porto de Brens, en Cee, pero o Goberno central decidiu levar a carga lonxe, ante a sensibilización da poboación. O destino inicialmente previsto foi unha base que o Exército tiña en Parga, no concello de Guitiriz, unhas antigas instalacións militares nas que a carga tóxica estaría segura.

Os veciños de Guitiriz tampouco aceptaron ser o depósito dos bidóns tóxicos e interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camións[11], polo que se decidiu entón trasladar a carga ó peirao de Alumina-Aluminio (hoxe Alcoa) en San Cibrao.

Ó ser rexeitada a carga en Alúmina-Aluminio, os camións foron descargar ó porto de Morás, en Xove, onde se repetiron as protestas e as concentracións de veciños. Finalmente a carga foi embarcada o día 12 no barco Galerna e trasladada a Antuerpen, onde foi descargada sen que se producise conflito ningún[12]. A citada reportaxe sobre o informe da Comisión parlamentaria concluía dicindo que "a comisión, con todos os seus parlamentarios, que son os nosos representantes democráticos, descoñece hoxe en día a carga exacta do Cason e dubida que a Administración saiba máis ca eles".[13].

Conflito laboral en Alúmina-Aluminio editar

Na noite do día 11, o Gobernador Civil de Lugo comunicou ó director da empresa que ía recibir unha "carga reservada" que sería cargada nun barco á medianoite dese mesmo día. Os camións non chegaron ata as 8:45 horas do día 12 e do barco non se sabía aínda nada, e o director da planta, cando comprobou que o que transportaban os camións se trataba da carga do Cason prohibiu a súa entrada nas instalacións, e quedaron aparcados a uns 600 metros da entrada, cerca do porto de Morás.

Na factoría reproducíronse os enfrontamentos e o Comité de Empresa acordou rexeitar a entrada dos camións, para o que colocou maquinaria pesada obstruíndo os accesos, á vez que ameazaba con impedir que o Goberno Civil usase o porto con este fin e co abandono das instalacións polos traballadores.[14] Os intentos da dirección, de membros de Protección Civil e do mesmo Gobernador Civil en persoa, desprazado ante o Comité, de obxectivizar o risco (os produtos transportados nos bidóns non representaban perigo ningún) foron infrutuosos, así como as propostas ó gobernador de efectuar a carga no porto de Morás ou noutros portos próximos (ó que se opuxeron terminantemente as autoridades locais correspondentes).

Finalmente, na mañá do día 13 pareceu chegarse ó acordo de facer a carga en Morás, sen entrar na factoría nin usar o porto da empresa, sen necesitar que ningún dos operarios da empresa tivesen que intervir na operación da carga no barco. Non obstante, na mañá do día 14, cando os camións se puxeron en marcha, os traballadores abandonaron a fábrica sen cubrir os servizos mínimos. Os mandos da planta intentaron manter as cubas en funcionamento.

Con toda a rapidez posible o Galerna entrou no porto de Morás e rematouse a carga ás 21:30 horas, para abandonar o porto menos dunha hora despois. O xefe de Protección Civil expediu un certificado de non contaminación. Pero aínda así, os traballadores non se reincorporaron ós seus postos pois esixían que non se tomasen represalias nin se lles descontasen as horas non traballadas, condicións que a dirección da empresa non aceptaba, á vez que advertía de que a situación das cubas era crítica e que existía o perigo de paralización. As negociacións sucedéronse durante toda a mañá do día 15, sen que ninguén se reincorporase ó traballo, e produciuse a paralización, apagándose liñas que alimentaban as cubas de electrólise sen aplicar o procedemento de parada establecido, polo que o aluminio se solidificou no seu interior.

O custo da avaría provocada e os derivados de poñer de novo a factoría en funcionamento estimouse en máis de 20 000 millóns de pesetas, aínda que a aseguradora estatal Musini só recoñeceu 3 300 millóns. Unha vez paralizada irreversiblemente a liña de fabricación, a empresa endureceu a súa postura e adoptou medidas disciplinarias: o despedimento de 111 traballadores por non prestaren os servizos mínimos necesarios[15] e apertura de expediente disciplinario ós 23 membros do Comité de Empresa, que tamén se resolveu no seu despedimento, neste caso, procedente.

Un dos membros do Comité explicou anos despois que a empresa aproveitou a ocasión para desfacerse do Comité e acabar co conflito laboral que viña xestándose desde un ano antes para evitar unha reconversión[16].

En 2008, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa proposta polo BNG un recoñecemento explícito do labor sindical dos 23 despedidos[17].

Final do Cason editar

O barco foi parcialmente despezado no lugar onde varou, aínda que boa parte da súa estrutura permanece aínda baixo as augas da praia do Rostro. Unha áncora do Cason foi colocada no peirao de Fisterra.

Notas editar

  1. Pereiro, Xosé Manuel (06/12/1987). El País, ed. "23 personas fallecidas tras incendiarse un barco panameño frente a las costas gallegas" (en castelán). A Coruña. Consultado o 5 de marzo de 2017. 
  2. Esta punta mariña recibe o nome de "Punta do Castelo" por atoparse nas inmediacións do castelo ou castro de Castromiñán.
  3. El País, 1.03.1989 [1] fíxose eco dun informe elaborado por unha comisión parlamentaria presidida por Joaquín Ruíz Giménez. O xornal dicía que "El informe recoge la sospecha de que el buque fue dejado a la deriva por falta de interés en evitarlo, de suerte que la recompensa por el salvamento sería 10 veces mayor si el barco embarrancaba. O sea, que lo embarrancaron voluntariamente".
  4. Teñen esta categoría as materias que, en cantidade relativamente pequenas, por inhalación, contacto ou inxestión, poden danar a saúde humana ou causar a morte. Moitas delas desprenden gases tóxicos se lles afecta un incendio ou se quentan suficientemente.
  5. Daquela, aínda Comunidade Económica Europea.
  6. Entre os que destacaba Rafael Mouzo, daquela alcalde nacionalista de Corcubión.
  7. Case 12 000 persoas abandonaron as súas casas. A modo de exemplo, o número de veciños acollidos en centros oficiais foi de 2 253 en Santiago, 2 000 en Noia e 1 688 na Coruña.
  8. El País, 13.12.1987 [2].
  9. Desaparece el diario de navegación del buque 'Cason'
  10. Posteriormente, o mar botou máis bidóns ás costas.
  11. Tres camións que transportaban ortocresol e formaldehido, substancias cuxo transporte non representa ningún perigo.
  12. As sospeitas non desapareceron, e quince anos despois aínda escribía a prensa que "Son muchas las voces que aún desconfían de la versión oficial e incluso hai quien asegura que los bidones nunca llegaron al puerto de Rotterdam" (La Voz de Galicia: ola negra, px. 69.)
  13. Orixinal en castelán: "la comisión, con todos sus parlamentarios, que son nuestros representantes democráticos, desconoce hoy día la carga exacta del Cason y duda que la Administración sepa más que ellos", El País, 1.03.1989.
  14. O Comité baseaba esta medida no artigo 19.5 do Estatuto dos Traballadores: "Los órganos internos de la empresa competentes en materia de seguridad y, en su defecto, los representantes legales de los trabajadores en el centro de trabajo, que aprecien una probabilidad seria y grave de accidente por la inobservancia de la legislación aplicable en la materia, requerirán al empresario por escrito para que adopte las medidas oportunas que hagan desaparecer el estado de riesgo; si la petición no fuese atendida en un plazo de cuatro días, se dirigirán a la autoridad competente; ésta, si apreciase las circunstancias alegadas, mediante resolución fundada, requerirá al empresario para que adopte las medidas de seguridad apropiadas o que suspenda sus actividades en la zona o local de trabajo o con el material en peligro. También podrá ordenar, con los informes técnicos precisos, la paralización inmediata del trabajo si se estima un riesgo grave de accidente. Si el riesgo de accidente fuera inminente, la paralización de las actividades podrá ser acordada por decisión de los órganos competentes de la empresa en materia de seguridad o por el setenta y cinco por 100 de los representantes de los trabajadores en empresas con procesos discontinuos y de la totalidad de los mismos en aquéllas cuyo proceso sea continuo; tal acuerdo será comunicado de inmediato a la empresa y a la autoridad laboral, la cual, en veinticuatro horas, anulará o ratificará la paralización acordada" (Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, BOE nº 75, de 29.03.1995 [3].
  15. En realidade, os operarios citados para tales servizos ascendeu a case 500 empregados, pero os 111 despedidos eran os que traballaban nas instalacións onde se produciran os danos máis graves. Esta discriminación foi a base de que eses despidos fosen declarados nulos.
  16. "Alúmina-Aluminio: unha carga inesperada", en Galiciae.com, 5.07.2012 [4] Arquivado 05 de marzo de 2010 en Wayback Machine..
  17. "Recoñecemento para os traballadores de Alúmina-Aluminio despedidos polo conflito do 'Casón'", en Galiciae.com, 12.03.2008 [5] Arquivado 16 de marzo de 2012 en Wayback Machine..

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar