Casa de Lancaster

A Casa de Lancaster é unha das ramas da casa de Plantagenet. Participou na Guerra das Dúas Rosas, un conflito intermitente que asolou Inglaterra e Gales durante o século XV. A Casa de Lancaster deu a Inglaterra tres reis:

Rosa Vermella dos Lancaster, o emblema da familia.

Orixes editar

 
Xoán de Gante, I Duque de Lancaster.

A Casa de Lancaster foi fundada polo cuarto fillo, pero terceiro supervivente, do rei Henrique III, Xoán de Gante. Xoán non recibira unha herdanza demasiado importante, polo que fixo fortuna a través do seu matrimonio coa súa prima Branca de Lancaster, quen levaba en dote os extensos territorios dos condados de Lancaster e Leicester. Esta xuntanza converteuno de súpeto nun dos máis importantes terratenentes de Inglaterra, logo do rei. Nomeado duque polo seu sobriño Ricardo II, gozou en vida dunha grande influencia política. Malia isto, tras a súa morte, acaecida no ano 1399, as súas terras foron confiscadas. O fillo exiliado e herdeiro de Xoán, Henrique de Bolingbroke, retornou ese mesmo ano a casa comandando un exército co obxectivo de recuperar os estados de Lancaster. Acabou liderando unha rebelión popular contra o rei Ricardo II, que se fixera co control do Reino. Finalmente, o monarca foi deposto, morrendo anos despois en catividade. O de Bolingbroke converteuse entón no rei Henrique IV de Inglaterra. Ao facer isto, Henrique obviou os dereitos de Leonel de Antwerpen, I Duque de Clarence, o segundo fillo supervivente do rei Eduardo III de Inglaterra. Isto ocasionou que Leonel se convertese, tempo despois, no rival pola banda da Casa de York da Casa de Lancaster. Henrique IV foi sucedido polo seu fillo Henrique V e, máis tarde, polo seu neto Henrique VI no 1422.

A cuestión francesa editar

 
Henrique VI.

Henrique V volveu á antiga reclamación do trono de Francia por parte de Eduardo III, retomando entón a Guerra dos Cen Anos. Conseguiu varias vitorias contra os franceses, sendo a máis destacable a obtida en Azincourt, no ano 1415. Logo converteuse en aliado de Borgoña, unha das ramas da Casa Real de Valois. No ano 1420 firmouse o Tratado de Troyes, sendo o Duque de Borgoña o que actuou de intermediario entre Henrique V e Carlos VI de Francia. Por este acordo Henrique casaría coa filla de Carlos IV, Catarina, asumindo así a rexencia de Francia e negando de paso o dereito ao trono do fillo herdeiro do monarca francés, o Delfín Carlos. Así e todo, a sorte quixo que Henrique V morrese antes que o monarca francés. Cando este morreu, a coroa francesa foi herdada por Henrique VI, o infante de Henrique V de Inglaterra e Catarina de Francia, en cuxos nomes os rexentes gobernaron Inglaterra e Francia.

A situación do novo monarca Henrique VI, que buscaba a súa xustificación no Tratado de Troyes, só foi recoñecida naqueles territorios franceses baixo dominio inglés ou dalgún dos seus aliados. Baixo a liña marcada polo Loira os franceses recoñecían ao Delfín Carlos, fillo do finado Carlos VI, como Carlos VII de Francia. Ao principio, o novo monarca dos Valois intentará aumentar o seu control sobre Francia. O momento decisivo chegou coa intervención de Xoana de Arco, que fará que o Valois estenda o seu poder a todo o territorio francés, culminando este proceso na coroación real de 1429 en Reims. Foi neste momento cando os rexentes ingleses en París reaccionaron nomeando, no ano 1431, a Henrique VI como rei de Francia. De tódolos xeitos os renovados esforzos dos Valois, incluíndo importantes reformas militares, xunto coa crecente debilidade da monarquía inglesa (o rei comezaba a ter problemas coa nobreza), fixeron que Inglaterra, no ano 1453, perdese tódolos territorios franceses a excepción do porto de Calais. O goberno da Casa de Lancaster en Francia tocara ao seu fin.

A Guerra das Dúas Rosas editar

Henrique VI foi un monarca marcado pola súa delicada saúde mental, sufrindo ao longo do seu reinado varias crises. No ano de 1461 o seu primo, Eduardo de York, decidiu arrebatarlle a coroa e proclamarse a si mesmo Eduardo IV de Inglaterra. Henrique, tan pronto como foi quen de volver a loitar, recuperou o seu trono en 1470, aínda que Eduardo lograría recuperalo tan só un ano despois. Finalmente, o antigo monarca morreu en catividade en 1471, xusto catorce días despois do seu fillo e herdeiro, Eduardo de Westminster, na Batalla de Tewkesbury. Deste xeito, a Casa dos Lancaster atopábase sen herdeiro directo do famoso Xoán de Gante.

Ámbalas dúas casas nobiliarias empregan nos seus emblemas unha rosa, vermella para os Lancaster e branca para os York. Deste xeito, o conflito establecido entre as dúas familias coñécese co nome de "Guerra das Dúas Rosas".

Os herdeiros Tudor editar

Entre os máis firmes apoios dos Lancaster contábanse os membros da familia de Beaufort, descendentes tamén de Xoán de Gante e a súa amante Catarina Swynford. Cando por fin Xoán conseguiu casar con Catarina, algo máis de 25 anos despois do nacemento do seu primeiro fillo, a Igrexa recomendoulle que lexitimase ao seu descendente mediante unha bula papal. Por fin, o herdeiro foi recoñecido nun acto do Parlamento inglés ao ano seguinte, aínda que non había acordo con respecto a se o novo Beaufort podía ou non facer valer os seus dereitos ao trono.

Coa Casa de Lancaster extinta, o relativamente descoñecido Henrique Tudor proclamouse a si mesmo o herdeiro dos Lancaster dende o seu exilio na Bretaña, alegando descender por parte da súa nai, Lady Margarida Beaufort, de Xoán de Gante.No ano de 1485 o Tudor foi quen de aproveitarse da impopularidade do rei Ricardo III para proclamarse a si mesmo Henrique VII, Rei de Inglaterra.Non intentou resucitar á extinta Casa de Lancaster, xa que casou con Elizabeth, muller da Casa dos York, creando así unha nova dinastía, a dos Tudor, coa raizame nas dúas casas antigamente opostas.

A herdanza dos Lancaster na actualidade editar

A herdanza dos Lancaster, coñecida co nome do Ducado de Lancaster, rematou nas mans dos gobernantes da Casa Real Inglesa, que ostentan o título de Duques de Lancaster. No 2007 o patrimonio do Ducado foi valorado en 397 millóns de libras, sendo así a principal fonte de recursos da coroa.

Por outra banda, a rosa vermella, icona da antiga familia real, é aínda hoxe o emblema da cidade inglesa de Lancaster, ademais de representar tamén á cidade estadounidense homónima no estado de Pennsylvania, coñecida como a Cidade da Rosa Vermella.

Hoxe en día, aínda que con bases pacifistas, as cidades de Lancaster e York manteñen certas rivalidades. Deste xeito, o campionato deportivo entre as universidades de ámbalas dúas cidades é coñecido co nome de "Roses Tournament" (Torneo das Rosas).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Predecesor:
Casa de Plantagenet
Casa vixente no trono de Inglaterra
1399 - 1471
Sucesor:
Casa de York