O cambón ou bimbastro é un aparello simple para extraer auga desde un pozo ou río. Consta dun poste vertical, de forma gallada (gancha, forquita), unha vara longa (pértega, cambón), atravesada con respecto ao anterior e que descansa sobre el (unida polo pecho), dotada dun peso nun extremo (polo xeral, unha pedra) e un gancho noutro extremo, no que se colga un recipiente que recolle a auga. Ao alzar o extremo da pértega co peso, baixa a punta co recipiente, que se afunde na auga; a manobra contraria levanta a auga que se verque nun estanque, canle etc. Tense calculado que un home só pode extraer uns 2.500 litros de auga por día.

O cambón na Galiza foi sobre todo usado na zona de influencia climática mediterránea, como a provincia de Ourense. Aínda que agora está en desuso, até os anos da década de 1970 era corrente observalo en comarcas como Valdeorras, Viana, Verín ou no Bierzo.

Nomes editar

 
Shaduf en Kom Ombo, Exipto.

A pesar de ter nomes vernáculos en varios idiomas europeos, é corrente ver na literatura especializada o seu nome árabe (habitualmente transcrito shaduf), así en francés cigognole ou en inglés crankshaft e winch. En galego un dos nomes máis espallados é o de cambón, pero úsase tamén balde, angarilla e bimbastro. Noutras zonas da Península Ibérica temos: en portugués cegonha, cegonho, burra, gastalho e outros; en castelán os máis estendidos son cigoñal, cigüeñal e aínda cigüeño; en catalán cigonya. Como se pode observar predomina a comparación cunha ave de longo pico, a cegoña, imaxe moi similar á doutro instrumento para erguer pesos, a grúa (aquí compárase co grou).

Historia editar

O cambón aparece en representacións mesopotámicas desde comezos do terceiro milenio a.C., polo que se supón que foi o centro de invención e difusión. Despois tamén figura no val do río Indo, cara ao 2500 a.C.. En Exipto algo máis tarde, durante o Imperio Medio.

Onomástica en Galicia editar

Debido a que ten tamén outros significados (unha peza do carro; un pau que serve para apoiar a cabeza do carro; unha ferramenta de labranza (forqueta, angazo); unha peza para soster os caldeiros na lareira[1]), Cambón aparece en Galicia como apelido, concentrado especialmente na Laracha, Carballo e Ponteceso [2], e no nome de Manuel García Cambón (nado en Negreira). Dálle nome tamén ó edificio do Centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Como topónimo aparece tamén maioritariamente na provincia da Coruña[3], recollido de momento en Arteixo, Val do Dubra, Ames, Boqueixón e Melide, aínda que tamén na provincia de Ourense en Ribadavia e Manzaneda. En todos estes concellos son nomes de terras, aínda que con este nome tamén hai un accidente costeiro e unha poboación en Arteixo e unha localidade en Manzaneda.

Notas editar

  1. Cambón no Dicionario de Dicionarios.
  2. Cambón en Cartografía dos Apelidos de Galicia.
  3. "Buscador de toponimia da Xunta". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2012. Consultado o 15 de decembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Krüger, F. (1947): El léxico rural del Noroeste ibérico. Madrid, Anexo XXXVI da Revista de Filología Española.
  • Taboada Chivite, X. (1976): "Cultura material e espiritual", in VV. AA., Los Gallegos. Madrid, Istmo.