Cadeas para a neve

As cadeas para a nieve son un sistema antiesvarante que se coloca nas rodas motrices dun vehículo automóbil para que estas non esvaren debido á existencia de neve ou xeo na estrada.

Sinal de tráfico que obriga ao uso de cadeas na estrada.

Poden non ser cadeas propiamente ditas, xa que hai sistemas que van desde unha peza de plástico até unha funda de tea.

O seu uso limita a velocidade a 50 km/h.

Colocación editar

 
Cadeas en rombo, que proporcionan unha maior eficacia e rendemento.

Segundo a motricidade do vehículo:

  • Tracción dianteira: sempre e cando o grosor da neve non supere 1,5 cm, nas rodas dianteiras (se excede este grosor, é obrigatorio colocalas nas 4 rodas). A maioría dos coches actuais son de tracción dianteira.
  • Tracción traseira: sempre e cando o grosor da neve non supere 1 cm, só nas rodas traseiras (se excede este grosor, é obrigatorio colocalas nas 4 rodas). Os coches antigos, de altas prestacións, e os vehículos de carga, adoitan seren de propulsión traseira.
  • Tracción ás catro rodas: por lei é obrigatorio o uso das catro cadeas neste tipo de vehículos. En caso de avaría dunha das catro, adoitan colocarse dúas detrás, pero é posíbel facelo diante para mellorar en dirección e freada, aínda que en ningún caso se circulará con tres.

Sexa cal for o tipo de automóbil é conveniente equipar cadeas nas catro rodas, excepto se o fabricante indica o contrario, como é o caso de vehículos deportivos de propulsión traseira e gran cilindrada.

Tamén hai que ter en conta que as cadeas están deseñadas para un tamaño específico de roda, polo que hai que ler as instrucións para ver o tamaño de rodas para as que están deseñadas.

Funcionamento editar

 
Furgón ruso equipado con cadeas en escaleira.

É sinxelo comprender o funcionamento das cadeas. O principio do seu funcionamento baséase nun aumento do coeficiente de rozamento, ou de fricción, entre o pneumático e o pavimento cuberto de neve ou xeo. En condicións normais, o coeficiente de rozamento entre pneumático e asfalto é idóneo entre 0,4 e 0,6, pero ao producírense nevadas ou xeadas, o coeficiente de rozamento diminúe substancialmente, xerando perda de tracción e manobrabilidade, e a conseguiente perda de control sobre o vehículo:

  • No caso de cadeas de elos sobre xeo, cuxo coeficiente de rozamento é moi elevado, pero só nos puntos onde cada elo entra en contacto co pavimento, ao circular sobre un pavimento xeado, os elos da cadea incrústanse na placa de xeo aumentando o coeficiente de rozamento, e a capacidade de tracción do vehículo. Ao mesmo tempo, libérase así unha porción de xeo húmido que, aínda que segue sendo esvarante, ofrece maior agarre ao pneumático.
  • No caso de cadeas de elos sobre neve, a cadea interponse entre o pneumático e o asfalto e actúa como unha escaleira e produce máis fricción, debido ao aceiro en contacto co pavimento.
  • No caso de cadeas téxtiles sobre neve, estas presentan un menor coeficiente de rozamento por unidade de superficie, pero o rozamento esténdese por toda a superficie do pneumático en contacto co pavimento, conseguindo un mellor agarre.

Posíbeis fallos e roturas editar

  • Condución demasiado rápida: as cadeas non soportan circular a máis de 50 km/h.
  • Condución sobre asfalto seco: as cadeas deterióranse rapidamente sobre superficies inadecuadas.
  • Axuste pouco firme: débense reaxustar os tensores das cadeas despois de percorrer uns poucos metros tras a súa colocación, movendo o coche a modiño. De non facer isto, as cadeas poderíanse enrolar no eixe de transmisión causando unha custosa avaría.
  • Tensores necesarios ou innecesarios: a maioría das cadeas necesitan tensores e, se non se usan, descolócanse. Nas que non os necesitan, se se poñen, poden resultar gravemente danadas.
  • Desgaste natural: algunhas fontes citan que a eficacia das cadeas redúcese apreciabelmente despois de utilizalas durante uns 500 km.

Coidados tras o seu uso editar

As cadeas clásicas hai que procurar limpalas posteriormente ao seu uso o antes posíbel, con auga quente, con obxecto de eliminar o sal que se adoita esparexer polas estradas en época invernal, xa que o cloruro sódico ataca e corroe o aceiro. Despois, hai que empaquetalas ben na súa caixa e gardar esta nun lugar seco e accesíbel no maleteiro do vehículo.

Alternativas editar

Existen no mercado alternativas ás tradicionais cadeas. As máis coñecidas son as fundas de tea (téxtiles). Legalmente substitúen ás cadeas, pero deben retirarse inmediatamente despois de desaparecer a neve.

Tamén existe un dispositivo en forma de araña, que se suxeita ao parafuso da lamia e que se abraza ao pneumático. Colócanse en poucos segundos e a súa eficacia é moi boa.

Tamén hai algunhas que susbtitúen a cadea por un cable de aceiro; o seu funcionamento é idéntico.

Finalmente, existen tamén uns aerosois antiesvarantes, que son moi baratos. Pero os mesmos fabricantes advirten que son só para saír dun apuro puntual.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar