Célula de Sertoli

tipo de células que dan soporte ás células dos túbulos seminíferos dos testículos

As células de Sertoli son un tipo de células que dan soporte estrutural e metabólico ás células dos túbulos seminíferos dos testículos. Encóntranse no interior dos túbulos seminíferos, envolvendo as células xerminais e formando a barreira hematotesticular. As súas funcións coñecidas inclúen a fagocitose dos restos celulares producidos durante a diferenciación das células xerminais, sustento físico do proceso de diferenciación, formación da mencionada barreira hematotesticular e mantemento do microambiente tubular para a axeitada proliferación e diferenciación das espermatogonias primitivas e para a produción de espermatozoides.

Epitelio xerminal do testículo.
1: lámina basal
2: espermatogonia
3: espermatocito primario
4: espermatocito secundario
5: espermátida
6: espermátida madura
7: célula de Sertoli
8: unión hermética (barreira hematotesticular)
Sección histolóxica a través do parénquima testicular do porco.
1 lumen do túbulo seminífero contorto
2 espermátidas
3 espermatocitos
4 espermatogonias
5 célula de Sertoli
6 miofibroblastos
7 células de Leydig
8 capilares.

A célula é activada pola hormona estimulante dos folículos (FSH), xa que ten na súa membrana o receptor FSH.

As células de Sertoli levan o nome do seu descubridor, o fisiólogo italiano Enrico Sertoli,

Funcións editar

A súa principal misión é a nutrición das células espermáticas en desenvolvemento que están experimentando a espermatoxénese. Durante a fase de maduración da espermioxénese, as células de Sertoli actúan tamén como fagocitos consumindo as porcións citoplasmáticas residuais innecesarias dos espermatozoides en maduración. O desprazamento das células xerminais desde a base ao lume dos túbulos seminíferos ten lugar grazas a cambios conformacionais das marxes laterais das células de Sertoli. As células de Sertoli únense ás espermatogonias por medio de N-cadherinas.

As células de Sertoli secretan tamén varias proteínas.

Función secretora editar

As células de Sertoli secretan as seguintes substancias:

Barreira hematotesticular editar

A barreira hematotesticular está formada por unións herméticas de células de Sertoli que illan inmunoloxicamente os compartimentos nos que ten lugar a espermatoxénese. Esta barreira é dinámica, xa que se remodela, e permite a migración de espermatocitos desde a zona basal á adluminal, e non pode ser atravesada por células pertencentes ao sistema inmunitario como os linfocitos. Os complexos de unión que forman parte desta barreira empezan a aparecer na puberdade, cando as células de Sertoli deixaron de se dividir e comezaron a actividade meiótica, o que inclúe a aparición dos antíxenos específicos de células meióticas e haploides que o sistema inmunitario pode recoñecer, polo que cómpre o seu illamento. O túbulo queda dividido en dous compartimentos: un basal coas espermatogonias e espermatocitos preleptoteno (de leptoteno, fase da meiose) e outro adluminal coas células xerminais postmeióticas. Como a barreira é dinámica, as células xerminais poden migrar. Ademais estas van depender unicamente das células de Sertoli para a súa nutrición, debido ao seu illamento.

O proceso de diferenciación dunha espermatogonia en espermatozoide tarda aproximadamente 74 días. Durante este tempo as células de Sertoli verten nutrientes e metabolitos ao lume dos cales dependen as células xerminais, xa que non teñen contacto ningún con vasos sanguíneos e intersticios debido ao seu illamento pola barreira hematotesticular. As células de Sertoli controlan a entrada e saída dos túbulos do testículo de nutrientes, hormonas e outras substancias, ademais de illar inmunoloxicamente a zona.

Orixe editar

Suxeriuse que as células de Sertoli poden derivar do mesonefros.[2]

Unha vez completamente diferenciadas, as células de Sertoli xa non poden proliferar. Por tanto, cando empeza a espermatoxénese non se poden formar máis células de Sertoli.

Porén, atopouse recentemente un modo de cultivar estas células fóra do corpo. Isto pode dar lugar á posibilidade de reparar algúns defectos que causan infertilidade masculina.

Histoloxía editar

 
Sección transversal dun túbulo seminífero do testículo de rata a 250 aumentos.

Nas preparacións con tinguiduras estándar, é fácil confundir as células de Sertoli coas outras células do epitelio xerminal. A característica máis distintiva das células de Sertoli é o seu nucléolo intensamente tinguido.[3]

A célula de Sertoli apoia na lámina basal e esténdese ao longo de todo o epitelio do túbulo seminífero ata a superficie do mesmo. Presenta moitas prolongacións delgadas laterais que rodean as células espermáticas e enchen os intersticios entre elas. Núcleo ovoide ás veces con pregamentos e nucléolo moi grande. Citoplasma con numerosas mitocondrias alongadas, retículo endoplasmático liso grande en posición basal e o rugoso é menor, aparato de Golgi grande e lisosomas e algunhas gotas lipídicas ou gránulos de lipofuscina. Filamentos e microtúbulos do citoesqueleto abundantes. As células de Sertoli humanas presentan unhas inclusións características chamadas cristaloides de Charcot-Böttcher, que son estruturas finas fusiformes formadas por filamentos densos [4].

Patoloxía editar

Existe un tipo de tumor chamado tumor de células de Sertoli-Leydig.

Historia editar

As células de Sertoli reciben ese nome polo seu descubridor o fisiólogo italiano Enrico Sertoli, que as describiu en 1865 cando estaba estudando medicina na Universidade de Pavia, Italia.[5]

Na súa publicación de 1865, utilizou o termo "células arbóreas" ou "células fibrosas" e describiunas como células nutritivas. A utilización por outros científicos do nome "célula de Sertoli" en publicacións comezou en 1888.

Notas editar

  1. Xiong X, Wang A, Liu G, Liu H, Wang C, Xia T, Chen X, Yang K (2006). "Effects of p,p'-dichlorodiphenyldichloroethylene on the expressions of transferrin and androgen-binding protein in rat Sertoli cells". Environ Res 101 (3): 334–9. PMID 16380112. doi:10.1016/j.envres.2005.11.003. 
  2. Peter D. Vize, Adrian S. Woolf, Jonathan Bard (2003). Academic Press, ed. The kidney: from normal development to congenital disease. pp. 82–. ISBN 9780127224411. Consultado o 15 decembro 2011. 
  3. "OSU Center for Veterinary Health Sciences - OSU-CVHS Home". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2006. Consultado o 15 de decembro de 2011. 
  4. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 804-809. ISBN 84-7605-361-4
  5. WhoNamedIt - synd|518 Sertoli cell

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • BUHistology - 17805loa [1]
  • BUHistology - 17806loa [2]