Brachiosaurus
Rango fósil: Xurásico

Imaxe reconstruída

Esqueleto de Brachiosaurus
Esqueleto de Brachiosaurus

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Saurischia
Familia: Brachiosauridae
Xénero: †Brachiosaurus
Especie: †B. altithorax

O brachiosaurus (nome latino que significa literalmente réptil-brazo) foi unha especie de dinosauro que viviu no nordeste do continente africano e en Norteamérica hai uns 152 a 145 millóns de anos.

Características editar

 
Brachiosaurus no Museo de Historia Natural de Londres.

As dimensións deste saurópodo eran considerables: medía, de cabeza a cola, 23 metros, e de 12 metros de altitude. Toda esta masa adoitaba ser nutrida por brotes e follas de árbores nada espléndidos: normalmente coníferas. Por iso, necesitaba inxerir grandes cantidades de alimentos para obter suficiente enerxía e nutrientes: ata unha tonelada e media ao día. Para un animal sociable coma este, que vivía en mandas, era moi difícil atopar suficientes vexetais que puideran manter a todo o grupo, polo que se cre que se desprazaban enormes distancias na procura de bosques unha vez que esgotaban un.

O pescozo do brachiosaurus era moi alongado, duns 10 metros de lonxitude, e posuía un total de 12 vértebras, cada unha dun tamaño duns 88'5 centímetros. Esta lonxitude servíalle para poder chegar ás follas máis altas das árbores, que cortaba con gran facilidade grazas a uns dentes afiados e con forma de pa.

Os órganos deste dinosauro debían ser de tan grandes magnitudes coma el para poder mantelo. O seu corazón tiña que ser especialmente potente, para poder achegar o sangue até a súa cabeza.

Son curiosas as extremidades deste saurópodo, diferentes ás da maioría dos saurópodos e do resto dos dinosauros, pois as patas dianteiras eran máis longas que as traseiras, mentres que estas eran máis pesadas, o cal lle servía para apoiarse cando intentaba chegar ás copas de árbores que incluso un dinosauro tan alto coma el non chegara en posición normal, isto é, sen apoiar todas as patas.

As magnitudes do brachiosaurus permitíanlle non ter medo de ningún carnívoro. Desta especie, quizais só debían andar con coidado as crías, pois mentres eran pequenas estaban a mercé dos depredadores.

Antigamente críase que estes dinosauros vivían en lugares inundados pola auga (no mar e en lagos), baseándose en xustificar a súa altitude co fin de respirar tendo o resto do corpo afundido na auga. Esta teoría tamén se apoiaba en que os orificios nasais do saurópodo estaban nunha especie de crista que tiña no final da cabeza, que lle serviría para o mesmo que o anteriormente descrito. Mais, hoxe en día descártase esta teoría, e pénsase que vivía en terra firme.