A Blanca Quiroga foi a primeira embarcación de salvamento marítimo que operou en España. Leva o nome de Blanca Quiroga, filla de Emilia Pardo Bazán.

Blanca Quiroga
Historial
Características xerais

Historia editar

 
A lancha de salvamento Blanca Quiroga na actualidade, no parque de Bens, na Coruña.

O ano 1970 o pesqueiro La Isla embarrancou na pedra do Boi, a escasos metros da costa da Torre de Hércules, na Coruña, perdendo a vida catorce dos seus quince tripulantes, cuxos berros solicitando axuda non puideron ser atendidos pola falta de equipos de salvamento marítimo.

Ante semellante desgraza, Francisco Dotras Lamberti encabezou un movemento social que permitiu a chegada ao porto da Coruña, un ano despois do sinistro, de dúas embarcacións inglesas deseñadas para o rescate de vidas humanas no mar. Nacía así a primeira base da Cruz Vermella do Mar en España.

No ano 1973, grazas ás doazóns de particulares e institucións coruñesas, chegou á Coruña a lancha Blanca Quiroga.

Durante os seus 29 anos de servizos, a Blanca Quiroga participou en incontábeis salvamentos, sendo os máis recordados os dos accidentes do Urquiola (1976) e mais o do Mar Exeo (1992).

Cando a catástrofe do Prestige (novembro de 2002) a embarcación estaba xa retirada, no porto de Oza, sometida a traballos de reparación, antes de ser destinada ao seu servizo derradeiro: honrar a memoria da xente do mar.

O 12 de decembro de 2002, a Cruz Vermella entregou o barco á cidade da Coruña, que o instalou no recentemente creado parque de Bens, fronte as costas que tantas veces percorrera.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar