Bicogroso

Exemplar macho de Coccothraustes coccothraustes
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Fringillidae
Xénero: Coccothraustes
Especie: C. coccothraustes
Nome binomial
Coccothraustes coccothraustes
(Linnaeus, 1758) Hawfinch[1]
Subespecies[1]

C. c. buvryi Cabanis, 1862
C. c. coccothraustes (Linnaeus, 1758) Hawfinch
C. c. humii Sharpe, 1886
C. c. japonicus Temminck & Schlegel, 1848
C. c. nigricans Buturlin, 1908
C. c. schulpini H. Johansen, 1944

O bicogroso[2] (Coccothraustes coccothraustes, Linn. 1758) é unha especie de ave do xénero Coccothraustes dentro da familia Fringillidae. Sixiloso e difícil de observar, é un dos maiores, máis robustos e compactos frinxílidos. De cor parda alaranxada, posúe un característico "anteface" negro, e unhas ás de heteroxéneo e escuro colorido onde sobresae unha franxa branca e a cor azulada das puntas. Vive en bosques caducifolios, onde se alimenta principalmente de sementes duras que casca e abre co seu forte peteiro. Distribúese polo paleártico e pode vivir até 5 anos.[3] Carl von Linné en 1758 foi o primeiro en describir a esta especie para a ciencia.[4]

Descrición editar

O bicogroso presenta unha lonxitude que oscila entre os 16'5 e 18 centímetros, mentres que as medidas de envergadura alar van dende os 29 aos 33 centímetros. O peso corporal desta especie está entre os 48 e 62 gramos aproximadamente.[3] As femias, polo xeral presentan menores medidas, e por tanto menor tamaño e peso cós machos.

En canto á súa fisionomía, descríbese como un frinxílido típico, de figura robusta, groso pescozo, grande cabeza redonda e un ancho, forte e cónico peteiro de aspecto metálico do cal lle vén o seu nome vulgar (bicogroso). As súas patas son curtas, de cor rosácea en ton claro, e a súa cola tamén é moi curta.

Os seus ollos son de cor marrón, pero para entrar en máis detalles hai que remontarse a 1957. Mountfort observou o bicogordo e indicou que, tras manexalo para o seu anelamento, os ollos deste víranse dunha intensa cor chocolate avermellada polo estado de excitación. Ademais, apuntou que, inmediatamente despois de mortos, a cor dos seus ollos é branca, e que examinados á luz do sol poderían definirse como rosa ámbar.[5]

En canto á súa plumaxe, é moito máis rechamante a do macho cá da femia (máis pálida en tons). O macho presenta un fermoso colorido en que destacan as súas ás e cabeza. A grandes liñas, a cor xeral da súa plumaxe é parda, coa cabeza dun ton máis alaranxado, dun ton máis claro cá cara. Os ollos están delineados por un fino bordo negro intenso que se estende cara ao pico nunha franxa do tamaño do diámetro ocular, rodeando tamén todo o peteiro e baixando pola gorxa negra.[6] Dende os laterais do pescozo, así como a súa parte superior (caluga), a cor é gris clara. O ventre e as partes inferiores son pardas dunha cor marrón abrancazada, agás sobre as patas que é dun gris abrancazado. As ás son completamente heteroxéneas en canto á cor, coas partes interiores da mesma cor có lombo, marrón escuro, e as partes exteriores de negro intenso. No medio e desde o inicio cara ás puntas, as ás presentan primeiro unha franxa de plumas brancas, logo dun marrón castaño e as puntas azuis, moradas ou verdosas, en ton escuro. As plumas da cola son no seu inicio de cor parda na parte superior e cor branca na inferior, continuando nun marrón máis escuro e branco nas puntas, con plumas negras nos bordos exteriores.[3][5][7]

Distribución editar

 
Mapa de distribución de Coccothraustes coccothraustes. Nótese o carácter paleártico agás pola anomalía de Alasca

Constitúe unha especie de distribución paleártica. Atópase en toda Europa, na Asia tépeda ou oriental (incluíndo o norte do Xapón) e no norte de África (Marrocos, Tunes e Alxeria). Ocasionalmente, o bicogroso foi avistado en Alasca, onde se considera segundo a American Ornithologist Union (AOU) unha especie de presenza accidental.[8]

Malia ser unha especie moi distribuída por toda Europa, o bicogroso áchase ausente en Islandia, gran parte das Illas Británicas (non se atopa en Irlanda), a maior parte de Escandinavia e certas illas mediterráneas. Si se distribúe polo sur e centro de Europa, Inglaterra e o sur de Suecia.[9]

En Asia localízase en Asia Menor, a rexión do Cáucaso e no norte do Irán, Afganistán e de Turkestán. Tamén habita Siberia, Manchuria e Corea do Norte.

Migración editar

O bicogroso é unha ave migradora parcial. Os grupos das rexións máis setentrionais diríxense ao sur durante o inverno. O anelamento das aves permite recoller datos que demostran este feito. En 1960 o ornitólogo K. H. Voous postulou que as poboacións europeas máis setentrionais invernan nos países mediterráneos. En España chegáronse a recuperar, en campañas de estudos de poboación, doce bicogrosos anelados na Alemaña Occidental, Alemaña Oriental, Bélxica, Suíza, Checoslovaquia, Francia e Países Baixos. Con todo, o ornitólogo Paul Herroelen, apunta que algunhas poboacións centroeuropeas do bicogroso, como as belgas, son máis sedentarias ou erráticas. No entanto, Bernis sinala que os datos achados das recuperacións obtidas xa anteriormente sinaladas, corresponden a anelamentos en época de cría, o que significa que ás poboacións sedentarias da Península Ibérica, úneselles no inverno un importante continxente de bicogrosos migrantes que proceden de Centroeuropa.[10]

Taxonomía editar

A especie Coccothraustes coccothraustes foi clasificada por primeira vez en 1758 polo zoólogo Carl von Linné, quen a describiu no xénero Loxia, constando por tanto inicialmente como "Loxia coccothraustes".[4] Máis tarde, Pallas conveu que o bicogroso tratábase dunha especie fóra do xénero Loxia, e o renomeou como coccothraustes vulgaris,[11] pero finalmente, xa no século XIX, o zoólogo londiniense R. B. Sharpe deulle o seu actual nome (Coccothraustes coccothraustes),[12] pertencendo actualmente e deste xeito ao xénero Coccothraustes, que se clasifica na familia Fringillidae dentro da orde dos Passeriformes. O bicogroso unicamente comparte xénero con outras dúas especies, Coccothraustes abeillei e Coccothraustes vespertinus.[13]

Como especie propiamente dita descríbense 6 subespecies:

Hábitat editar

 
Bicogroso macho

Tipicamente o bicogroso aniña e habita durante a primavera en bosques caducifolios, con especies de árbores de gran porte e folla ancha que lles acheguen froitos ou sementes duras (como carballos, aciñeiras, faias, freixos, olmos ou pradairos. Máis raramente tamén habita parques e grandes xardíns de poboacións humanas, e localmente tamén en bosques de coníferas e mixtos. O espectro do seu hábitat pode ser aínda máis diverso, xa que se pode localizar puntualmente en sotobosques, hortas ou mesmo en espazos máis abertos, sempre que non se achen moi lonxe dalgunha fonte básica de auga. Durante o outono e o inverno buscan os bosques que lle acheguen maior cantidade de alimento, en particular aqueles con carpes, ameixeiras, cerdeiras ou teixos.

O bicogroso desenvólvese a altitudes moi dispares, dende a liña de costa até altitudes moi próximas ao límite da vexetación arbórea. A densidade de poboación desta especie é inferior a 0,1 aves por cada 10 hectáreas de hábitat, polo que se trata dun paxaro escaso.[5][25][26]

Alimentación editar

A dieta do bicogroso componse basicamente de sementes duras principalmente de grandes árbores, aínda que tamén inxere as dalgunhas froiteiras. Consegue rompelas grazas ao seu forte peteiro, que acciona por medio dunha poderosa musculatura ben desenvolvida.

 
Bicogordo nun comedeiro de Bytom, Polonia

A forza de trituración do bicogroso equivale a unha carga de 30 a 48 kg aproximadamente, aínda que para algúns autores son maiores de 50 kg.[27] Deste xeito consegue abrir os ósos de cereixas e lodoeiros, dous dos seus alimentos máis comúns e que máis cobizan. Outros alimentos comúns deste paxaro son os piñóns e faiuchos. Tamén son capaces de romper os ósos das olivas, acción para a que se necesitan (segundo probas realizadas) forzas de 53 a 80 kg.[5] Na súa dieta tamén entran certas bagas, rebentos e, durante a primavera, algunhas eirugas que captura.[3]

O bicogroso adoita formar pequenos grupos ou bandos para alimentarse, sobre todo durante o inverno.[28]

Unha relación de alimentos máis específica, tendo en conta a gran variedade de sementes que inxere, incluiría:

Coa chegada da primavera inxeren certas eirugas que localizan nas follas das árbores, como poden ser a Operophthera brumata e Tortrix viridana. Tamén cazan algúns escaravellos (Lucanus cervus ou Melolontha).[5]

Reprodución editar

En abril comeza a época de cría do bicogroso. A posta desta especie consta duns 4 a 6 ovos e prodúcese de abril a maio. A incubación, duns 12 días, é levada a cabo só pola femia, mentres que o macho lle proporciona o alimento. A miúdo crían en pequenas colonias. Presentan unha única posta ao ano, aínda que de ser moi favorable o hábitat poderían darse dúas.

Cortexo editar

Segundo a descrición de Mountfort, os machos presentan durante o principio da primavera unha plumaxe abondosa e esponxada. É entón cando están listos para o achegamento cara á femia, que se produce remolonamente e en zigzag. A miúdo a femia recíbeos hostilmente, polo que os machos deben mostrarse insistentes. Cando logra a atención da femia, o macho coloca o corpo moi dereito, desprega as plumas da cola e baixa as ás até tocar cos seus extremos o chan. É entón cando a femia empeza a mostrar interese agachándose coas plumas lisas e pegadas ao corpo. Posteriormente desprázase, ben dun salto ou en curto voo, seguida polo macho. Acto seguido, o macho leva o peteiro cara ao ventre coma se fixese unha reverencia, co que mostra a zona gris que presenta a súa plumaxe á altura da caluga. Para pechar o cortexo, o macho desprega as súas ás e vai camiñando cara á femia, que alonga o peteiro para que o macho co seu chegue a piques a rozalo.[5]

Niño editar

A nidificación comeza a finais de abril ou comezos de maio. O macho busca o lugar onde comezar a construír o niño. Faino meticulosamente, visitando a zona elixida repetidamente as semanas previas ao comezo da súa construción. Finalmente decídese a colocar as primeiras estruturas do niño, con forma de copa, aínda que será a femia quen o complete. Os materiais empregados son basicamente pequenas raíces, talos finos ou liques, revestindo o interior con pelos. Constrúen o niño a unha altura variable, dificilmente inferior aos 3 m, localizándose polo xeral entre os 7 e 20 m, en árbores grandes, así como en vellos froiteiros, aínda que tamén en arbustos frondosos.[5][8]

Ovo editar

 
Coccothraustesp. coccothraustes

A posta do bicogroso é xeralmente duns 4 ou 6 ovos. O máis común é chocaren 5, aínda que a posta pode mesmo constar de 7 ovos. Por contra, as postas de menos de 4 ovos son moi pouco frecuentes.[3][5] Poden ser descritos de azul claro ou ben dun verde agrisado, todos en tons pálidos, en ocasións simplemente agrisados, pero sempre con manchas e pintas pardas e en tons denegridos.[5][29] En canto ao tamaño, segundo os estudos do ornitólogo británico Jourdain, realizado con base en 100 ovos de bicogordo no Reino Unido, presentan medidas duns 24'2 x 17'4 mm como media, cun máximo de 27'6 x 17'1 mm e un mínimo de 19'8 x 15'7 mm.[5]

Pitos editar

Ao nacer, desprovistos de plumaxe, presentan un abondoso e longo penuxe branco. Descríbense a cavidade oral e a lingua de cor rosa, coa parte dianteira do padal de cor vermella nun ton púrpura, e uns saíntes esbrancuxados. En canto ás comisuras, aprécianse de cor amarelo. A dieta dos pitos baséase en insectos e eirugas proporcionadas polo pai e a nai. Deixan o niño aos dez ou doce días aproximadamente, aínda que fóra del son atendidos por ambos adultos polo menos durante outros quince días.[5]

Voz editar

Presenta voz débil, que se antolla como unha especie de zic explosivo, tamén descrito como un tsicc metálico, ou en ocasións como un tisc tisc repetido en intervalos irregulares. En pleno voo ten unha voz máis sonora. Tamén emite un curto e suave sib mentres se move entre as ponlas.[3]

A súa época de canto vai dende o mes de febreiro até principios de xuño. Canta pouco, realiza un canto semellante á súa voz base, curto e pouco elaborado sen apenas notas musicais. É interpretado por Tucker e Nicholson como un Tchi-tchi... ter-ui-ui. Descríbense variacións máis sonoras e case melodiosas, pero bastante básicas.[5]

Ás veces algúns exemplares tamén cantan fóra de época. Mountfort apunta observacións de machos cantando un 16 de xaneiro, un 20 de xullo e un 16 de setembro.[5]

As femias tamén cantan, aínda que máis debilmente.

En estado de alteración lanza un sibilante kíu, e ao suxeitalo na man lanza un srriiit máis penetrante e gutural.

Voo editar

O bicogroso presenta un voo rápido e de traxectoria recta en distancias curtas. En distancias longas describe no aire unha ondulación marcada e periódica. Mentres busca alimento no chan van dando chimpos, e voan para agocharse nas árbores á mínima cando intúen calquera perigo. Durante a primavera adoitan capturar insectos mesmo en pleno voo. A súa fisionomía fai del un paxaro de silueta característica en pleno voo. Dá a sensación de posuír unhas ás moi curtas para tan robusto corpo. Ademais, ao voar mostra a cor branca da punta da súa cola. Nos seus traslados dunha árbore a outra, ou desprazándose de bosque en bosque, voa a alturas superiores aos 50 e 100 metros, e comunmente mesmo a máis de 200 metros. Poden voar en solitario ou en pequenos grupos.[3][5]

Poboación, estado de conservación e ameazas editar

 
Bicogroso sobre unha rama

Aínda que non se cuantificaron as tendencias da poboación global, conforme o criterio da Lista Vermella da UICN pode asegurarse que non se producirá unha diminución de máis do 30% en dez anos ou en tres xeracións.[30]

BirdLife International estima unha poboación europea de entre 2,4 e 4,1 millóns de parellas reprodutoras.

En España, segundo Purroy en 1997, a poboación desta especie era dunhas 4.000 ou 5.000 parellas reprodutoras. Este dato é apoiado polo Atlas das aves reprodutoras de España, que en 2003 apunta unha poboación dunhas 5000 parellas. Segundo datos do programa SACRE, en 2005 a tendencia da poboación española é crecente.[8][31]

A nivel mundial a especie non se inclúe, segundo a revisión realizada en 1996, na Lista Vermella da UICN.

Dende 1988, cando a especie foi catalogada por primeira vez por Collar e Andrew, o estado de conservación do bicogroso é de preocupación menor (LC, Least Concern). Así sería catalogada en futuras revisións por BirdLife International, desde a primeira en 2000 até a de 2008.[30]

En España o bicogroso consta dende 1992 como especie Non Ameazada no Libro Vermello dos Vertebrados. Ostenta a categoría de especie de Interese Especial desde o 5 de abril de 1990 segundo o Real Decreto 439/1990. Coincide con todos os catálogos rexionais a excepción do País Vasco, onde é unha especie con categoría Vulnerable dende 1996.[32]

Os factores de ameaza sobre o bicogroso son basicamente a destrución e perda da súa hábitat, dado que é unha especie moi sensible aos cambios no mesmo. Outro posible factor de ameaza, segundo o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, é a caza por paxareiros, e mesmo tamén a caza a escopeta por cazadores.[32]

Comportamento editar

O bicogroso é unha especie tímida e fuxidía, polo que resulta difícil de observar. Co bo tempo e condicións climáticas óptimas varía a súa conduta, ao ser este o intre en que máis visible se fai. Pasa a maior parte do tempo nas polas máis altas das árbores en que se pousa, sobre todo en época de cría, cando se fai máis complicado o estudo dos seus costumes. Practicamente só baixa ao chan para buscar sementes, acción para a que raramente se afasta en exceso da árbore. Pode ser observado con maior facilidade cando se dispón a beber, e como prefire non estar demasiado tempo sobre terra firme, necesita desenvolverse en zonas cunha patente proximidade de auga.[5]

Ao comer e beber xunto a outros paxaros, o bicogroso é agresivo e dominante, tanto con exemplares da súa especie como cos doutras, mesmo de maior tamaño.[5]

A territorialidade é variable. Se as parellas de bicogroso están a criar en pequenas colonias, como acontece frecuentemente, o territorio defendido por cada parella é moi pequeno. Por contra, cando a parella non forma colonia, pode ocupar e defender até un bosque enteiro.[5] Segundo Mountfort, o comportamento de establecer colonias de cría supón un valor de supervivencia moito maior. Isto débese a que aniñar en conxunto, coa agrupación de parellas que supón, ofrece maior capacidade de defensa contra os depredadores para o niño.[33]

Miscelánea editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 ITIS report Taxonomic Serial No.: 179170
  2. Definición de bicogroso no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Eduardo Nogueras Ocaña. "O Bicogordo (Coccothraustes coccothraustes)" (en español). Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2013. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. Fichas de aves do Parque Natural "Sierra de Baza" 
  4. 4,0 4,1 AnimalBase team. "coccothraustes Linnæus, 1758 described in Loxia" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 www.pajaricos.es. "Picogordo. Coccothraustes coccothraustes" (en español). Consultado o 02/01/2012. Paxaros de España 
  6. Encarta. "Picogordo." (en español). Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2007. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. Picogordo," Enciclopedia Microsoft Encarta Online 2008 
  7. Mullarney,K.; Svensson, L.; Zetterström, D; e Grant, P.J. (2003). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Editorial Omega. ISBN 84-282-1218-X. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Juan Carlos Senar e Antoni Borrás. "Picogordo (Coccothraustes coccothraustes)" (en español). Arquivado dende o orixinal |url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  9. Hume, Rob (2002). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Editorial Omega. ISBN 84-282-1317-8. 
  10. Benigno Asensio e Consolo Antón. "Situación do picogordo (Coccothraustes coccothraustes) en España" (en español). Arquivado dende o orixinal |url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  11. Joseph Grinnell (en www.archive.org). "Library. University of California." (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  12. Mim. MMmllm. (en www.archive.org). "Library of the American Museum of Natural History." (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  13. aviarioangelcabrera. "Familia: Fringillidae (138 especies)" (en español). Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2011. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  14. Nicklas Strömberg. "Hawfinch coccothraustes" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. [Ligazón morta]
  15. A. Gil Lletget. "Aves observadas en 1932" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xullo de 2014. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  16. ITIS Report. "Coccothraustes coccothraustes buvryi Cabanis, 1862" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  17. Nicklas Strömberg. "Hawfinch nigricans" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. [Ligazón morta]
  18. ITIS Report. "Coccothraustes coccothraustes nigricans Buturlin, 1908" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  19. Nicklas Strömberg. "Hawfinch humii" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. [Ligazón morta]
  20. ITIS Report. "Coccothraustes coccothraustes humii Sharpe, 1886" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  21. Nicklas Strömberg. "Hawfinch japonicus" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. [Ligazón morta]
  22. ITIS Report. "Coccothraustes coccothraustes japonicus Temminck & Schlegel, 1848" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  23. NASK. "Katalog polskich ptaków - Grubodziób (Coccothraustes coccothraustes)" (en polaco). Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2009. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  24. ITIS Report. "Coccothraustes coccothraustes schulpini H. Johansen, 1944" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  25. Ludwik Tomia?oj?. "Distribution, breeding density and nest sites of Hawfinches Coccothraustes coccothraustes in the primeval forest of Bia?owie?a National Park" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  26. BirdGuides Ltd, PO Box 4104, Sheffield S25 9BS. "Hawfinch Coccothraustes coccothraustes" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2016. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  27. www.seovanellus.org. "O Picogordo (Coccothraustes coccothraustes)" (en español). Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  28. Tecnociencia, usando como fonte a web do Ministerio de Medio Ambiente. "Coccothraustes coccothraustes" (en español). Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2010. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. http://www.marm.es/ 
  29. Nitido. "Picogordo. Coccothraustes coccothraustes" (en español). Consultado o 2 de xaneiro de 2012. Libro Andalucía ao Natural 
  30. 30,0 30,1 The IUCN Rede List of Threatened Species (© International Union for Conservation of Nature and Natural Resources). "Coccothraustes coccothraustes" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  31. Enciclopedia de las aves de España. "Picogordo." (en español). Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2013. Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  32. 32,0 32,1 32,2 "Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (R.D. 439/1990)" (en español). Consultado o 30 de abril de 2020. 
  33. Mountfort, Guy (2008-06-28). "THE TERRITORIAL BEHAVIOUR OF THE HAWFINCH COCCOTHRAUSTES COCCOTHRAUSTES.". Ibis (en inglés) 98 (3): 490–495. doi:10.1111/j.1474-919X.1956.tb01434.x. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  34. Garrido Guil, Héctor. (Revista de Folclore). "Os nomes tradicionais das aves nas Marismas do Guadalquivir" (en español). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  35. Toni Zaragozí (Natur@licante). "Bicogroso anelado na PN da Font Vermella" (en español). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2011. Consultado o 2 de xaneiro de 2012. 
  36. Selos do mundo © 2007-08. "Coccothraustes coccothraustes" (en español). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  37. "Hawfinch stamps" (en inglés). Consultado o 2 de xaneiro de 2008. Bird Stamps 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar