Bernaldo de Claraval

santo católico e monxe cisterciense francés
(Redirección desde «Bernardo de Claraval»)

Bernard de Fontaine, nado en 1090, en Château de Fontaine-lès-Dijon (preto de Dijon) e finado o 20 de agosto de 1153 na abadía de Claraval (departamento da Aube, en Francia), foi un monxe cisterciense francés e reformista do monacato católico.

Bernaldo de Claraval
Nacemento1090, 1091 e 1091
Lugar de nacementoFontaine-lès-Dijon
Falecemento20 de agosto de 1153 e 1153
Lugar de falecementoabadía de Claraval
Causadoenza gastrointestinal
NacionalidadeReino de Francia
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónteólogo, escritor, filósofo, relixioso, escritor de himnos, místico e relixioso cristián
PaiTescelin le Roux
NaiAlèthe
IrmánsNivard of Clairvaux, Gerard of Clairvaux e Humbeline of Jully
Na rede
Musicbrainz: c3736ac5-ac6c-45ac-a0bd-2694a2519b0e Discogs: 907667 IMSLP: Category:Clairvaux,_Bernard_de Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Bernaldo de Claraval da escola de Xosé Ferreiro no mosteiro de San Martiño Pinario.

Foi abade de Claraval e fundou case 70 mosteiros por Europa, entre eles o de Sobrado dos Monxes. Apoiou ó Papa na cruzada contra os albixenses. Autor da teoría das dúas espadas. Foi canonizado pola igrexa católica no ano 1174 en san Bernaldo de Claraval[1] (saint Bernard de Clairvaux).

Traxectoria [2] editar

Inicios editar

Foi o terceiro dos sete fillos dun cabaleiro do duque de Borgoña. Segundo o que el mesmo deixou escrito, parece que na súa primeira mocidade levou unha vida disipada:

Eu era carnal e vendido ao pecado
Apoloxía 7
Apodrecín no meu propio esterco e son estúpido como as bestas
Sermón da Asunción

Aos 23 anos, en 1113 entrou como novizo na orde do Císter, que ata entón tiña poucos seguidores por mor da súa dureza. Convenceu a 4 irmáns, un tío e varios amigos para que entraran con el. Máis tarde entraría o seu propio pai e o irmán máis novo. O ano 1113 é un punto de inflexión, xa que logo, na historia da orde cisterciense.

Reforma cisterciense editar

 
Bernaldo de Claraval.

En 1115 fundaba o mosteiro de Claraval, sendo designado abade deste novo mosteiro, cargo que desempeñou ata a súa morte. A dureza da pobreza, xexún e austeridade obrigou a intervir ao bispo e Guillerme de Champeaux, que o obrigou a suavizar o réxime de vida. Durante os dez primeiros anos fundou os mosteiros de Tres Fontanas (1118), Fontanay (1119) e Foigny (1121). Xunto con Claraval "constituirían as catro abadías madre da futura e imparable expansión da renovada e extraordinariamente austera reforma cisterciense"[3]. A partir de aí a súa sona de conselleiro espiritual, predicador, místico, pacificador de conflitos e defensor dos pobres determinou a fundación de ata 68 mosteiros por toda Europa. O císter foi unha crítica aos excesos da Orde de Cluny:

A Igrexa loce por todas partes, pero os pobres pasan fame. Os muros da Igrexa están cubertos de ouro, pero os seus fillos seguen espidos. Por Deus, xa que non vos avergoñades de tantas estupideces, laiádevos polo menos de tantos gastos
Apoloxía a Guillerme

Organizativamente a reforma caracterizábase pola autonomía financeira e a autonomía para a elección democrática do abade. A dependencia directa do Papa non excluía a posible intervención dos bispos. Arquitectonicamente se fuxía da opulencia e a ornamentación e se apostaba pola austeridade e a sobriedade. Escollíanse lugares afastados dos núcleos de poboación o que supuxo a colonización de lugares improdutivos.[4]. Isto tiña moito que ver coa espiritualidade de Bernaldo de Claraval:

Podes moi ben crer na miña experiencia: atoparás bastante máis nos bosques que nos libros. As aciñeiras, as faias e as rochas ensinarante o que non poden dicirte os mestres
Carta 106

.

Actividade editar

Bernaldo de Claraval viaxou a pé por Francia e Alemaña en cumprimento das diversas misións que asumiu, chegando a ser xa en vida unha figura venerada. Rexeitou todas as dignidades que lle foron propostas malia contar coa amizade de papas e reis [5]

Redactou os estatutos da Orde do Temple para a protección dos peregrinos a Terra Santa e contribuíu ao seu recoñecemento no Concilio de Troyes en 1128. Para os templarios escribiu:

Se ti desexas matar a outro e el te mata a ti, morres como se foses un homicida. Se gañas a batalla pero matas a alguén con desexo de humillalo ou de vingarse, seguirás vivindo pero ficas como un homicida. Nin morto nin vivo nin vencedor nin vencido, merece a pena ser un homicida...Poida que haxa que matar a outro por pura autodefensa, non por ansia de vingarse nin arrogancia de triunfo. Pero eu diría que nin nese caso é perfecta a vitoria, pois entre dous males é preferible morrer corporalmente que non espiritualmente
Glorias da nova milicia aos cabaleiros templarios

Mantivo controversias fronte ao que consideraba un frío racionalismo por parte de filósofos como Pedro Abelardo.

¿Hai algo máis hostil á razón que tratar de transcender a razón mediante a razón mesma?
Contra errores Petri Abaelardi

As súas teses triunfaron no Concilio de Sens (1140). Predicou aos Cátaros no Languedoc onde foi aldraxado(1145). O rebino de Bonn, Ephraim, agradeceríalle á súa defensa dos xudeus fronte o antisemitismo.

A súa mediación evitou a guerra entre o bispo de Metz e o duque de Lorena en 1153.

Relacións co Papado editar

No momento en que apareceron dous Papas en Occidente, Anacleto II e Inocencio II, Bernaldo de Claraval emprendeu unha campaña de apoio ao segundo o que foi determinante para que este concitara a maioría das adhesións no concilio de Étampes de 1130.

A súa obra de consideratione, foi unha guía sobre a concepción do Papado, nela Bernaldo de Claraval advírtelle ao Papa:

Lembra que non és o sucesor do emperador Constantino senón o sucesor dun pescador
Reflexiona que a santa Igrexa romana non é a señora, senón a nai das Igrexas. Vós non sodes o señor dos bispos senón un deles

Por orde do Papa Uxío III, que fora discípulo seu, predicou a segunda Cruzada. O seu fracaso afectoulle fondamente.

Ordenástesmo e obedecín. A autoridade do que me mandaba fixo fecunda a miña obediencia. Abrín os meus beizos, falei e se multiplicaron os cruzados, de sorte que ficaron baleiras as cidades e castelos, e dificilmente se encontraría un home por cada sete mulleres
Cando menos culparanme a min e non a Deus

Pensamento editar

 
Pintura de Francisco Ribalta Cristo abrazado a san Bernaldo na que se reproduce o tema amplexus Bernardi.

Reformador eclesiástico editar

Bernaldo de Claraval tivo como principal cometido a renovación da vida monástica:

A nosa orde é amar o silencio, exercitarse nos xexúns, as vixilias, o traballo manual e, sobre todo, seguir o camiño excelente, que é o amor
Apoloxía

Ás autoridades eclesiásticas recomendaba:

Entendede ben que tedes que ser nais dos vosos fillos e non señores. Procurade que vos queiran e non que vos teman; cando haxa que percorrer á severidade, que esta sexa paternal e non tiránica. Amósadevos coma nais, alentando e dando ánimos; coma pais, corrixindo. Sede mansos, abandonade toda ferocidade, deixade os azoutes, mostrádevos entrañables; que os vosos peitos deiten a dozura do leite, e non se enchan coa soberbia
Cantico 23, 2

Crítico social editar

Dentro do contexto medieval, Bernaldo de Claraval fai unha crítica social á xerarquía eclesiástica defendendo aos oprimidos pola sociedade feudal[6]:

Claman os espidos, os esfameados e se queixan dicindo: decídenos pontífices ¿que fai o ouro no freo? ¿acaso o ouro serve para aplacar o frío e a fame? Cando nós morremos miserablemente de frío e de fame ¿de que vos serven tantos vestidos estendidos en longas perchas ou dobrados nas fundas?. O noso malgastádelo, a nós quitádesnos cruelmente o que gastades superficialmente
Tratado sobre os costumes e deberes dos bispos

Por estas críticas houbo bispos que o intentaron silenciar:

Anóxanse comigo se, por algún sinal, dou a entender que todas estas cousas son reprensibles. E mándanme que poña a mao na boca dicindo que son un simple monxe ao quen non toca xulgar aos bispos. Ogallá que me pecharan tamén os ollos para non ver esas cousas que me prohiben criticar. Pero, aínda que eu non fale ¿acaso non falará a cada quen a súa conciencia?
Tratado sobre os costumes e deberes dos bispos

Esa crítica social trasládase tamén ao Papa Uxío III:

En todas partes os poderosos oprimen aos pobres. Nós non podemos faltar aos oprimidos, non podemos negar xustiza aos que padecen inxustiza
De Consideratione

Misticismo especulativo editar

Marcou tamén o misticismo medieval. O amor pode obrar unha unión perfecta nunha distinción radical de seres "do mesmo xeito que o aire inundado pola luz do sol semella transformarse nesta mesma claridade luminosa, ata o punto que a consideramos, non xa iluminada, senón luz" [7]. Esta unión entre o home e Deus e entre os homes entre si ten en Bernaldo de Claraval as características paradoxais do misticismo. O amor é desinteresado e encontra en si mesmo a recompensa, aínda que Deus recompensa o amor; pero, posto que o amor exclúe intención de recompensa, é contraditorio amar a Deus buscando recompensa e amalo sen ser recompensado. No Tratado do Amor de Deus escribe:

A medida do amor é o amor sen medida

Foi, así mesmo, un conselleiro espiritual afastado do moralismo, así nas Homilías sobre o Cantar dos Cantares LXXXIII:

Toda alma aínda que estea cargada de pecados, atrapada polos vicios, seducida pola adulación, no cárcere do corpo, cos membros atados, atenazada polas preocupacións, disipada nos negocios, contraída polo temor, aflixida pola dor, confusa entre erros, peregrina en terra inimiga e mesmo corrompida entre os mortos e destinada á compañía daqueles que están no inferno, aínda que estea condenada e desesperada pode atopar en sí mesma un motivo, non soamente para respirar na esperanza do perdón, senón ata unha razón para ousar desexar ás vodas co Verbo

Filosoficamente entende que a razón ten uns límites que non poden coutar existencialmente ao home, aínda que non se poidan responder a todas as preguntas de xeito argumentativo:

Que é Deus? En canto ao universo, a súa finalidade... en canto a sí mesmo, só el o sabe
De consideratione

Para Bernaldo de Claraval, case sempre as discusións dos filósofos son locuacidade chea de vento (Sermones in cantica) e opta por un cristocentrismo existencial cuxo punto de partida á a humildade mediante a cal se chega ao reino da xustiza e se acada a verdade (De gradibus humiliatis et superbiae)[8]. Para Bernaldo de Claraval a humildade pode definirse como aquela virtude pola que o home se coñece exactamente tal cal é, deste xeito chega ao primeiro grao da verdade que é o recoñecemento da propia miseria. Deste primeiro grao pásase ao segundo: o amor, porque recoñecendo a propia miseria se acepta á do próximo e se acada a compaixón. E deste segundo grao se chega ao terceiro que consiste en arelar a xustiza de xeito que se purifica o corazón para contemplar e gozar dos dons divinos.[9]

Isto máis que un proceso intelectivo é unha actitude vital[10]

Hai algún entre vós que teña unha vontade rebelde e teimuda sobre algo en concreto? Que desgarre o seu corazón coa espada do espírito...rácheo e esnaquíceo
Coresma

Iconografía editar

Habitualmente é representado cun báculo de abade e vestido cun amplo hábito branco, ambas referentes ao Císter. Outros atributos asociados son un libro, como lembranza dos seus escritos, e unha ou varias mitras no chan, aludindo aos bispados por el rexeitados.[11] Varias pasaxes da haxiografía de Bernaldo de Claraval foron temas iconográficos tradicionais, estes son: a Lactatio Bernardi, o amplexus Bernard e o sono de Nadal.

Lactatio Bernardi editar

 
San Bernaldo e a Virxe. (1645-1652) Obra de Alonso Cano co motivo da Lactatio Bernardi ou premio de leite a Bernaldo.

O premio lácteo ou, en latín, lactatio Bernardi, é un motivo que recrea o relato de cando o novo Bernaldo de Claraval foi elixido polo abade de Citeux para predicar ante o bispo de Chalon. Temeroso de defraudar na tarefa, rezou ante unha escultura da Virxe María co neno da Colexiata de Saint Vorles en Châtillon sur Seine. Cando Bernaldo estaba rezando o Ave María Stella e pronunciou a frase "monstra te essem matrem" (amósate como nai), a Virxe apartou o neno do peito e deixou caer na boca de Bernaldo de Claraval unhas gotas do leite como premio pola dozura con que escribira dela. Deste xeito, segundo a tradición, gañou a elocuencia e, por iso, é coñecido como doctor mellifluus. Como motivo artístico, aparece documentado dende o século XIII, e adoitase presentar a un Bernando orante de xeonllos, ante unha Virxe co neno, saíndo dun seo un abundante chorro de leite ata a boca do santo.[12] Este tema foi particularmente prezado nos mosterios do Císter e, posteriormente, na sociedade española do Barroco como mostran as versións pictóricas de Murillo e Alonso Cano.[13][14]

Amplexus Bernardi editar

Outro tema artístico asociado con Bernaldo de Claraval é o amplexus Bernardi. Recollido no Flos sanctorum e noutros relatos medievais, trátase dun suceso no que Bernaldo de Claraval tivo unha visión na que Xesús de Nazaret se descravaba da cruz para que ambos os dous se apertaran. Esta representación foi típica de gravados alemáns dos séculos XV e XVI, e foi retratada por Francisco Ribalta nun cadro para a Cartuxa de Portaceli (Valencia).[15]

O sono de Nadal editar

Ademais, nos programas decorativos da tradición cisterciense tamén foi empregado o sono de Nadal. Segundo as súas haxiografías, Bernaldo de Claraval estaba nas matinas de Noiteboa preguntándose pola hora do nacemento de Xesús, cando, medio durmido, tivo unha visión do neno Xesús. Este tema é menos difundido que os anteriores mais foi empregado polos mosteiros galegos do Císter na Idade Moderna. Así, en Santa María de Oseira está presente nas pinturas do brazo sur da bóveda do cruceiro e, como relevo, na fachada. No Mosteiro de Monfero é representado no retablo maior da igrexa, tallado a finais do século XVII.[16]

Significación editar

Mediante a difusión da Orde do Císter, Bernando de Claraval, inzou Europa de mosteiros: en 1151 existían 350 abadías adheridas á reforma cisterciense. Canda os mosterios, espallouse a arquitectura cisterciense da que existen boas mostras en Galicia (mosteiros de Melón, San Clodio, Armenteira, Oseira, Meira...). Os mosteiros cistercienses foron axentes económicos fundamentais na Idade Media, e así Galicia "sentirá o seu influxo benfeitor na colonización de lugares improdutivos e inhabitados, na planificación do labor agrícola, na promoción de servos a colonos de numerosos traballadores en granxas creadas polos mosteiros".[17] Tamén xogaron un papel fundamental na expansión agraria en Austria e Alemaña desbrando bosques, ou en Flandres e a zona de París gañando terreos en humedais.[18]

Foi canonizado en 1174 por Alexandre III e declarado doutor da Igrexa en 1830. A súa festa celébrase o 20 de agosto.

É patrón de Xibraltar, Borgoña, Liguria e Xénova, das abellas, os cereiros e os apicultores (por mor do sobrenome de doctor mellifluus).[19]

Obras editar

  • Liber de gradibus humilitatis et superbiae
  • Apologia ad Guillelmum abbatem
  • Liber de diligendo Deo
  • Ad clericos de conversione
  • Liber de gratia et libero arbitrio
  • Liber ad milites templi de laude novae militiae
  • De consideratione ad Eugenium Papam
  • Liber de praecepto et dispensatione
  • Vita sancti Malachiae episcopi
  • Ad Henricum senonensem archiepiscopum
  • De baptismo (ad magistrum hugonem de Sancto Victore)
  • Ad Innocentium Papam (Erros de Pedro Abelardo)
  • In laudibus Virginis Matris
  • Officium de Sancto Victore
  • Sermones cantica canticorum

Notas editar

  1. Boullón Agrelo, A. I. (ed.). "Bernaldo". Guía de nomes galegos. Real Academia Galega. 
  2. Obras Completas de San Bernardo, introdución de Iñaki Aranguren, Madrid 2003. ISBN 978-84-7914-639-9
  3. Franco Taboada (2009). "A reforma cisterciense. San Bernardo de Claraval". Igrexas dos mosteiros e conventos de Galicia. Santiago de Compostela. p. 16. ISBN 978-84-453-4811-6. 
  4. Franco Taboada, opus cit, pax. 17
  5. Schauber/Schlinder. Diccionario ilustrado dos Santos. Munich, 1999; Barcelona, 2001, pax. 72. ISBN 84-253-3565-5
  6. González Faus, Los pobres, antología de textos de teología e espiritualidad cristiana,Barcelona, 2005. pax. 94. ISBN 84-9730-110-2.
  7. Gilson Etienne (2007). La Filosofía en la Edad Media. Madrid. p. 290. ISBN 978-84-249-2861-2. 
  8. Santidrián, Diccionario breve de pensadores cristianos. Estella, 1999 pax. 67. ISBN 84-7151-724-8
  9. Gilson, Etienne, La Filosofía en la Edad Media. Madrid, 2007 pax. 289 ISBN 978-84-249-2861-2
  10. Jaume Gabarró, San Bernardo, monje y reformador, Barcelona, 1999. ISBN 84-7467-591-X
  11. Fernández Gracia, Ricardo. "El monasterio de Tulebras. Monstra te esse matrem: la iconografia de san Bernardo". www.unav.edu. Consultado o 2021-12-25. 
  12. Lázaro Romero, Irene; González Zymla, Herbert (2019). "La iconografía del premio lácteo de San Bernardo y su presencia en el Monasterio de Piedra.". Monasterio de Piedra, un legado de 800 años. Historia, arte, naturaleza y jardín. Institución Fernando el Católico. ISBN 978-84-9911-581-8. 
  13. "Aparición de la Virgen a san Bernardo - Colección - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 2021-12-25. 
  14. "San Bernardo y la Virgen [Alonso Cano] - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 2021-12-25. 
  15. "Cristo abrazando a san Bernardo [Francisco Ribalta] - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 2021-12-26. 
  16. Cacheda Barreiro, Rosa Margarita (2009). "San Bernardo y el sueño de Navidad: tradición iconográfica de un tema cisterciense en la Galicia de los siglos XVI al XVIII". La Natividad: arte, religiosidad y tradiciones populares. Real Centro Universitario Escorial-María Cristina. pp. 469–484. ISBN 978-84-89788-77-0. 
  17. Torres Queiruga, en Los gallegos, Madrid, 1976, pax. 488
  18. Testard-Vaillant, Philippe (decembro 2003). "Agriculture, des travaux en bonne règle". Cahiers de Science & Vie: X°-Xii° Siècle, La Révolution des Monastères (78). 
  19. Schauber/Schlinder. Diccionario ilustrado de los santos. Munich, 1999; Barcelona, 2001 pax. 72 ISBN 84-253-3565-5