Birimbao (instrumento musical)

(Redirección desde «Berimbau»)

O birimbao[1], birimbau[2], trompa galega[3] ou arpa de boca[4], é un instrumento musical, da categoría dos idiófonos punteados, consistente nunha lámina vibratoria fixada a un marco en forma de 'U'.

Birimbao
Birimbau. Trompa galega. Arpa de boca
Información
ClasificaciónIdiófono punteado
Lamelófono
Músicos notablesEmilio do Pando

Orixe e emprego editar

 
Birimbaos no centro de música tradicional Soinuenea.

O birimbao atópase en múltiples culturas musicais de toda Europa, Asia e Oceanía. Nun debuxo chinés do século IV adC aparece a que puidera ser a primeira representación dun instrumento similar[5]. Malia non existiren evidencias, asúmese en xeral a súa orixe é asiática, relacionando a súa expansión coas rutas comercias entre Asia e Oriente Próximo polas que chegaría a Europa no século XIII. O birimbao asóciase, nalgúns ambiente culturais, á maxia e é un instrumento común en rituais xamánicos dado que o seu son facilita os estados de transo. Unha coñecida variante do instrumento é o Dan Moi vietnamita, moi empregado por varias minorías étnicas do país.

Historicamente atópanse algúns exemplos do seu uso na música clásica de orixe europea: arredor de 1765 Johann Georg Albrechtsberger, profesor de Ludwig van Beethoven, compuxo, cando menos, sete concerti para trompa, mandora e cordas, dos que se conservan tres. A obra Holidays Symphony do compositor americano Charles Ives contén un pequeno solo para o instrumento no primeiro movemento ('Washington's Birthday').

Máis modernamente atopamos exemplos dentro da música folk, country e o bluegrass. Pode escoitarse o birimbao en cancións de Leonard Cohen do disco Songs from a Room. Ten certo predicamento na música rock; chamou a atención do público cando Roger Daltrey, membro de The Who, tocouno na introdución de "Join Together". Tamén está presente na introdución de "Blaze of Glory" de Bon Jovi, na canción "The Guns of Brixton" do grupo The Clash e en "Country Sad Ballad Man" dos Blur. Ten especial presenza nas cancións de "Lion in a Coma" de Animal Collective, e "Chicken Train" de Ozark Mountain Daredevils. John Lennon toca o berimbau na canción "The Fool on the Hill" dos Beatles. No cine aparece na banda sonora de Black Cat, White Cat de Emir Kusturica (1998).

Características editar

O birimbao é un lamelófono. Posúe unha lámina de metal ou de bambú chamada palleta[6] fixada a un marco alongado en forma de ferradura. Este marco é colocado na boca do intérprete contra os dentes, de xeito que á palleta poida vibrar libremente sen tocar nas partes carnosas da boca. A mandíbula e a cavidade bucal empréganse como caixa de resonancia, modulando o son emitido pola lamela. A nota producida deste xeito ten ton constante, pero cambiando a forma da boca (e nalgunhas tradicións pechando a glote), o instrumentista pode variar o volume dos harmónicos da nota fundamental e crear melodías apoiándose nela. O volume da nota pode modificarse tamén respirando dentro e fóra. Nalgunhas variantes do instrumento utilízanse varios marcos e palletas a un tempo, e noutras tócase diante da boca aberta.

O birimbao en Galiza editar

O birimbao estivo presente en todo o territorio galego, onde se empregaba en solitario, sen asociarse a outros instrumentos. Era tradicionalmente fabricado polos ferreiros, que manufacturaban por separado os marcos e as lingüetas.[7] O instrumento tivo unha forte presenza nas montañas orientais de Galiza, A Fonsagrada, Ozcos, Taramundi etc. Alí é denominado trompa, e o seu uso foi conservado e transmitido até hoxe por trompeiros como César Fernández de Leitoego ou Emilio do Pando[8]. Na actualidade existen diferentes artesáns, como Xosé Vázquez (O Che da Luaña)[9], que continúan coa tradición construtiva, e que conseguiron fabricar birimbaos en diferentes tonalidades, fito que permite a súa afinación con outros instrumentos e que facilita a súa integración en agrupacións musicais.[10]

Notas editar

  1. "Birimbao". Dicionario de dicionarios. Consultado o 2021-07-24. 
  2. "Birimbau". Dicionario de dicionarios. Consultado o 2021-07-24. 
  3. "O obradoiro do Che » A Trompa Galega". Consultado o 2021-08-05. 
  4. Camafeita, Olga (2001). "Birimbao". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  5. Wright, Michael. "The Search for the Origins of the Jew’s Harp". Consultado o 20 de xuño de 2010. 
  6. Carpintero, Pablo (2009). Instrumentos tradicionais galegos. Difusora de artes, letras e ideas, S.L. ISBN 978-84-937421-1-9. 
  7. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Trompa ou birimbau". Consultado o 2021-08-05. 
  8. "Emilio do Pando". www.crtvg.es. Consultado o 2021-08-05. 
  9. "Che da Luaña". www.crtvg.es. Consultado o 2021-08-05. 
  10. Orquestra SonDeSeu. "Folerpas (Directo)". Consultado o 2021-08-05. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar