Beira Alta

antiga provincia portuguesa (1936-1976)

A Beira Alta é unha antiga provincia portuguesa, creada, en 1832, pola subdivisión da antiga provincia da Beira, pasando a ser constituída polas comarcas de Viseu, Lamego e Trancoso. A provincia dispuña dun representante do goberno central - o prefecto - e dun órgano electo localmente - a xunta xeral de provincia. Nas comarcas que non acollían a capital de provincia, existían subprefectos, que representaban o prefecto.

Provincia da Beira Alta en 1936

Na reforma administrativa de 1835, o país foi dividido en distritos. A Provincia da Beira Alta mantívose, aínda que só como unidade estatística e de referencia rexional. Os seus límites correspondíanse cos do distrito de Viseu.

A Beira Alta foi restaurada como unidade administrativa en 1936, incluíndo, ademais do distrito de Viseu, o distrito da Guarda. Esta nova división en provincias baseouse nun estudo xeográfico que dividía, Portugal Continental, en 13 "rexións naturais", entre elas, a Beira Alta e a Beira Transmontana. A nova provincia da Beira Alta foi creada pola unión daquelas dúas rexións naturais.

As provincias de 1936 practicamente nunca tiveron qualquer atribucións prácticas, e desapareceron do vocabulario administrativo (aínda que non do vocabulario cotián dos seus habitantes) coa entrada en vigor da Constitución de 1976.

Limitaba ao norte con Tras os Montes e Alto Douro, ao noroeste co Douro Litoral, ao oeste e suroeste coa Beira Litoral, ao sur coa Beira Baixa e ao leste co estado español, concretamente coa provincia de Salamanca, na actual comunidade de Castela e León.

Estaba constituída por 32 concellos, integrando a práctica totalidade dos distritos da Guarda e Viseu e tamén dous concellos do leste do distrito de Coímbra. Tiña a súa capital na cidade de Viseu.Cidades principais: Guarda e Viseu.

Para algúns xeógrafos, esta provincia, xunto á Beira Baixa, e por veces até, coa inclusión da Beira Trasmontana, formaba unha unidade xeográfica maior: a Beira Interior.

Actualmente, o seu territorio atópase repartido polas rexións Norte e Centro, pertencendo á primeira parte da subrexión do Douro (concellos de Moimenta da Beira, Penedono, Sernancelhe e Tarouca), e á segunda a totalidade das subrexións da Beira Interior Norte, a Cova da Beira, o Dão-Lafões así como unha pequena parte do Piñal Interior Norte (por abarcar no seu territorio os dous concellos do distrito de Coímbra pertencentes á Beira Alta).