Batalla de Manzikert

Batalla trabada en 1701 entre bizantinos e selxúcidas

A batalla de Manzikert (ou ‘’Mantzikert’’, hoxe Malazgirt en Turquía) tivo lugar o 26 de agosto do 1071. Nela os turcos selxúcidas baixo o mando de Alp Arslan derrotaron ás tropas bizantinas do basileus Romano IV Dióxenes. Este enfrontamento supuxo un duro golpe para o Imperio Bizantino, xa que o interior de Anatolia quedou accesible os turcos, afastou as súas fronteiras de Armenia e permitiu o asentamento dunha numerosa poboación turca.

Batalla de Manzikert

Miniatura francesa do século XV representando a Batalla de Manzikert. (Os combatentes portan armas e armaduras occidentais contemporáneas á pintura)
Data 26 de agosto de 1071
Lugar Manzikert (actual Turquía)
Coordenadas Coordenadas: 39°08′41″N 42°32′21″L / 39.144722222222, 42.539166666667
Resultado Derrota bizantina
Belixerantes
Turcos Bizantinos
Líderes
Alp Arslan Romano IV Dióxenes
Forzas en combate
~20,000[1]- 30,000[2] 20 000[3]
(orixinariamente 40 000[2])
Baixas
Sen datos ~2 000 mortos[4]
~4 000 cativos (incluíndo o emperador)[4]

Antecedentes editar

Coa perda de Siria e Exipto, desde o século VII o Imperio Bizantino estaba reducido as súas posesión en torno ao Exeo (na península Balcánica, Asia Menor e as illas), a Magna Grecia e Crimea, sendo Anatolia o principal celeiro e fonte de tropas do exército bizantino. Durante a época de Basilio II consolidárase o dominio nestas áreas, establecéndose unha fronteira oriental co mundo musulmán que ía de Antioquía até Armenia. A defensa desta fronteira estaba encargada a homes libres recrutados na rexión.

Coa crise que seguiu ao fin da , un enfrontamento entre as dúas fontes tradicionais de poder no imperio, o exército e a burocracia imperial, levou a un período de inestabilidade e curtos reinados. Ao "burócrata" Miguel VI Estratiótico, séguelle Isaac I Comneno, que encabezou ao exército fronte ao anterior e realizou importantes esforzos deste por fortalecer os militares. Á súa pronta morte, o seu sucesor Constantino X Ducas aliñouse coa aristocracia civil de Constantinopla, recortando novamente o financiamento do exército.

Esta inestabilidade unida aos recortes ao exército, supuxo na fronteira oriental do imperio a redución do número de efectivos e o abandono de parte das defensas, que quedaron debilitadas ante as incursións dos turcos selxúcidas comandados por Alp Arslan. Así nos anos 1060 comezan os movemento de turcos e kurdos cara Armenia, ocupándoa parcialmente, e asentándose nela. A capital, Ani, sería tomada no 1064,[5] e no 1067 o resto de Armenia até Caesarea Mazaca na Capadocia bizantina.[6] Á subida ao trono (1068) de Romano IV Dióxenes, un militar de Capadocia, organizáronse tres sucesivas campañas (Siria en 1068, Armenia en 1069 e no verán de 1070 a campaña dirixida por Manuel Comneno) para recuperar o terreo perdido fronte aos turcos, empuxando a estes máis alá do Éufrates. No ano 1071 preparou unha nova campaña en Asia Menor, esta máis ambiciosa pretendía asegurar de forma definitiva a fronteira orienta fronte ao Turco. A expedición partiu de Constantinopla en marzo do 1071.

Preparativos editar

O exército reunido para a ocasión contaba cuns 10 000 soldados bizantinos (moitos deles catafractos), a metade procedente dos Balcáns, e forzas mercenarias de diferente orixe: turcos (Pechenegos e Oghuz, Uz ou turcos occidentais), búlgaros, armenios e 500 Normandos e francos (calquera occidental aos ollos dos bizantinos era un “franco”) baixo o mando de Roussel de Bailleul. Tamén formaban parte do continxente a infantaría bizantina ao mando do duque de Antioquía e parte da Garda varega (viquingos). En total as forzas de que dispuña Romano IV debían sumar uns 40 000 homes, quizais mesmo 70 000.[4][7]

Acompañando a Romano IV ía o estratego Andrónico Ducas, co-rexente e rival directo do emperador; ademais doutros xenerais coma Nicéforo Brienio de Epidamnos, o Armenio Basilakes, Teodoro Alyates e Tarcaniotes (Tarchaneiotes).

A marcha a través de Asia Menor foi longa e difícil, e o luxoso convoi de Romano non axudou. En xuño do 1071 a expedición chegou a Theodosiopolis, onde se propuxeron dous plans de acción: penetrar no territorio turco antes de que Alp Arslan puidese reforzarse ou fortificar a posición, opción que defendía o xeneral Nicéforo Brienio. Finalmente a decisión foi avanzar.

Coa a idea de que Alp Arslan estaba lonxe de máis e non pensaba acudir ao seu encontro, Romano dirixiuse cara ao Lago Van coa pretensión de retomar Manzikert rapidamente, e se fose posible, tamén a fortaleza de Khliat. Mais Alp Arslan xa reunira o seu exército e marchaba cuns 30 000 xinetes ao encontro de Romano, coa vantaxe de coñecer tódolos movementos dos bizantinos, namentres estes nada sabían do inimigo.

Romano ordenou ao seu xeneral 'Tarcaniotes' tomar a metade das tropas (incluíndo aos varegos, pechenegos e francos) e marchar cara Khliat namentres el mesmo continuaba até Manzikert. Descoñécese o destino das forzas de "Tarcaniotes", se foron derrotadas por Alp Arslan (segundo as fontes musulmás foi así, pero as bizantinas non refiren batalla ningunha) ou se desertaron ou mesmo se pasaron ao outro bando (Pechenegos e Oghuz eran turcos e mantiñan vínculos de sangue cos selxúcidas). Mais en todo caso cando chegou o momento decisivo Romano só contaba coa metade do seu exército.[4][7]

A batalla editar

 
Carga de catafractos bizantinos, Crónica de Xoán Skylitzes, Codex Graecus Matritensis, Biblioteca Nacional de España, Madrid.

Romano chegou Manzikert o 23 de agosto e tomouna facilmente.[6] Ao día seguinte (24) un grupo de exploradores que Nicéforo Brienio enviara na procura de forraxe avistaron o exército turco e retornaron rapidamente a Manzikert. O xeneral armenio Basilakes foi enviado co mando de boa parte da cabalería para rexeitar as tropas de Arslan, xa que Romano non consideraba que o exército divisado fose a totalidade do exército turco. As tropas de Basilakes foron rexeitadas, e el mesmo foi preso. Romano despregou as súas forzas e avanzou a súa á dereita (comandada por Brienio), pero esta tivo que retroceder ante o rápido avance dos turcos. Pola noite os turcos escondéronse nos montes próximos, impedindo aos bizantinos un novo contraataque.[8][9]

O 25 de agosto, varias unidades de orixe turca de Romano contactaron cos selxúcidas e desertaron. Romano rexeitou a oferta de paz dunha embaixada turca na pretensión de rematar co “problema turco” cunha grande vitoria militar, entendendo que sería moi difícil para el formar e custear outro exército máis adiante. O emperador tratou de chamar as tropas de Tarchaneiotes, pero xa non se atopaba na zona. Non houbo loita ese día, pero o 26 os bizantinos adoptaron formación de combate e avanzaron cara ás posicións turcas: na esquerda Brienio, na dereita Teodoro Alyates e no centro, con toda a infantaría baixo o seu mando, o emperador. Andrónico Ducas mantívose na retagarda ao mando das forzas da reserva de cabalería (unha decisión peculiar tendo en conta a “lealdade” dos Ducas cara ao emperador). Os selxúcidas formaban en media lúa crecente a uns catro quilómetros,[10] con Arslan observando os movementos a unha distancia segura. Segundo avanzaban os bizantinos os arqueiros turcos comezaron a disparar, e o centro da súa media lúa retrocedeu, ao tempo que as súas ás arrodeaban os bizantinos.

O centro bizantino mantívose lonxe das frechas turcas, pero as ás, conformadas por cabalería, sufríano algo máis, polo que varias unidades romperon en diversas ocasión a formación en persecución dos turcos, tratando sempre de obrigar ao inimigo a trabar batalla. Pero os turcos sempre rexeitaron, aplicando as tácticas tradicionais dos xinetes das estepas de “disparar e fuxir”. E así avanzaba o día. Para o serán os bizantinos capturaron o campo de Arslan, pero os turcos seguían a rexeitar o combate. Afastado do seu campamento, con tropas e cabalos faltos de auga e cansos tras un día de “manobras”, Romano temeu que a noite collese aos seus homes no campo, polo que ordenou a retirada cara a súa base. A mala sorte quixo que a ala dereita non comprendese a orde, e isto, unido ao comportamento da retagarda ao mando de Ducas (que se retirou completamente sen dar cobertura ao resto do exército) creou unha certa confusión entre os bizantinos, que foi aproveitada polos turcos para o seu contraataque.[8] Coa ala dereita dos bizantinos debandada a esquerda, baixo o mando de Bryennios mantívose no campo e tratou de socorrer o centro que se vía arrodeado, pero foi rexeitada e fuxiu tamén.[11] Así quedou no campo o emperador ao mando dos restos da infantaría, incluída a garda varega asediado polos turcos e separado do resto das súas tropas. A batalla continuou até a noite, e nela o emperador bateuse coma un soldado máis, primeiro a cabalo e máis tarde, cando a besta foi morta, a pé. Finalmente, e xa ferido o emperador, foi apresado. Coa noite moitos homes trataron de fuxir, e foron perseguidos, pero non máis alá do amencer. Para a alborada o núcleo profesional do exército bizantino fora destruído, namentres que moitas das tropas de leva baixo o mando de Andrónico Ducas fuxiran.[11]

Catividade de Romano Dióxenes editar

 
Alp Arslan sometendo ao emperador Romano IV. Miniatura iluminando a tradución francesa do De casibus virorum illustrium de Boccaccio. (S. XV)

A primeira noite de cativo o emperador foi tratado coma un soldado máis e xaceu entre os demais feridos e morto no campo. Ao día seguinte tal era o seu estado que cando foi levado ante o Alp Arslan este negouse a crer que algún tan ferido, sucio e esfarrapado puidese ser o Emperador dos Romanos.[11] En canto a identidade de Romano foi confirmada polos embaixadores o sultán fixo que o tombasen no chan e representou a súa vitoria pondo a súa bota na gorxa do emperador caído. Tras este xesto Romano sería tratado con excelente cortesía. Cítase frecuentemente unha suposta conversación entre o o emperador e o sultán que tería sido coma segue:

Alp Arslan: "Que teriades feito se eu fose traído a vós preso?"
Romano: "Talvez vos faría matar, ou exhibiríavos polas rúas de Constantinopla."
Alp Arslan: "A pena que vos impoño é de lonxe moito peor. Eu perdóote e déixote libre."

Romano permaneceu coma prisioneiro unha semana, durante a que se lle ofreceu un tratado de paz cunhas condicións similares as que lle expuxera a embaixada do día anterior á batalla. Finalmente acordouse que Antioquía, Edessa, Hierápolis e Manzikert pasarían aos turcos.[12] Isto deixaba o interior de Anatolia intacto, que non era mal trato para Bizancio. A continuación tratouse o tema do rescate a pagar polo emperador. Inicialmente o sultán pediu 10 millóns de pezas de ouro, chegándose finalmente a un acordo de millón e medio de pezas coma pago inicial e unha suma anual de 360 000.[12] Tamén se acordou que unha filla do emperador casaría co sultán. Na despedida Alp Arslan obsequiou a Romano con numerosos presentes e concedeulle un séquito composto por dous emires e un cento de mamelucos que o levarían a Constantinopla.

Consecuencias editar

 
Situación aproximada das fronteiras do Imperio antes da Primeira Cruzada.

A pesar de ter sido unha derrota estratéxica para os bizantinos, Manzikert non significou o masacre que os primeiros historiadores quixeron ver. Actualmente considérase que as perdas bizantinas foron relativamente pequenas,[13] considerando que moitas das unidades (as que non se situaban no centro a carón do emperador) puideron fuxir intactas e en poucos meses estaban loitando noutros puntos. Certamente, tódolos comandantes bizantinos presentes na batalla (Andrónico Ducas, Nicéforo Brienio de Epidamnos, de Bailleul e o emperador) sobreviviron e tomaron parte en acontecementos posteriores.[14]

Cando a noticia da derrota chegou á cidade, sumouse ás recentes novas da caída de Bari, a última praza bizantina en Italia, ante os normandos de Roberto Guiscardo, que aconteceu en abril do 1071 (un mes máis tarde da saída da expedición de Romano cara Armenia). A confusión das novas que chegaban de Manzikert foi aproveitada polo César Xoán Ducas (o pai de Andrónico), que obrigou á emperatriz Eudoxia a abdicar no seu fillo (do primeiro matrimonio) Miguel, que foi entronizado coma Miguel VII Ducas Parapinaces. Resolto o asunto Eudoxia foi tonsurada e enviada a un convento.

Bryennios perdeu poucos homes na batalla, e puido reagrupar os restos do exército, co que marchou a Dokeia. Aló reuniuse con emperador cando foi liberado. Romano decatouse cando retornaba dos rápidos acontecementos que sucederan na capital e comezou a reunir tropas leais para recuperar o seu trono. Pola súa banda Xoán Ducas enviou ao seu fillo Andrónico ao encontro de Romano, con boa parte da garda varega. Tras tres enfrontamentos entre ambos, o emperador deposto rendeuse coa promesa de recibir un bo trato. Na práctica Romano foi cegado, torturado e montado nun asno cruzou por última vez as terras de Anatolia, que tanto empeño puxera en defender.[12] Exiliado nun mosteiro na illa de Proti, morreu ao pouco tempo coma resultado das feridas producidas cando foi cegado.

O resultado, desde un punto de vista estratéxico, foi a perda do corazón de Anatolia para o Imperio. John Julius Norwich comenta que a derrota foi "un golpe mortal [ao Imperio], mais permaneceu séculos en pé antes de caer o resto. Os temas na Anatolia foran literalmente o corazón do Imperio, e aínda décadas despois de Manzikert, seguiron séndoo”. No seu libro máis pequeno, ‘’A Short History of Byzantium’’, Norwich describe a batalla coma "o maior desastre sufrido polo Imperio nos seus sete séculos e medio de existencia ".[15] Ana Comnena, escribindo unhas poucas décadas despois da batalla comentaba:

...A sorte do Imperio Romano tiña afondado ao seu máis baixo vazante. Os exércitos do leste dispersáronse en tódalas direccións, porque os turcos propagáronse e gañaron países entre o Mar Euxino [Mar Negro] e o Hellesponto, e illas dos mares Exeo e sirio, e as varias baías, especialmente as que bañan Panfilia, Cilicia e vacíanse no mar exipcio.[16]

Mais o desastre non foi inmediato, nin inevitábel. A batalla mostrou aos turcos que os bizantinos, (o ‘’milenario Imperio Romano’’ para turcos e bizantinos) non eran invencibles. Este punto é destacábel porque até entón os selxúcidas (musulmáns sunnitas) adicaban os seus maiores esforzos a combater o Califato fatímida defensor do Xiísmo. As grandes migracións dos turcos cara ao interior de Anatolia nos se producirían até anos despois da batalla, e foron favorecidas polo período de inestabilidade que viviu o imperio e o rexeitamento que Miguel VII Ducas Parapinaces fixo dos acordos entre Alp Arslan e Romano IV Dióxenes. Desde ese momento os turcos tamén se consideraron libres do tratado.

A cadea de eventos que seguiu á batalla e que minou o Imperio incluíu intrigas polo trono, o horroroso destino de Romano,… ou o caso de Roussel de Bailleul.[17] O xeneral Roussel de Bailleul continuou despois da batalla ao servizo do Imperio, e foi enviado polo emperador Miguel a Galatia ao mando de 3 000 cabaleiros “francos” para recuperar o control da rexión. Pero de Bailleu preferiu usar esas forzas para crear un reino propio, de modo similar ao que fixeran os normandos no Mezzogiorno. Fixou a súa capital en Ancara, e cando os bizantinos reaccionaron, levouse por diante ao exército do César Xoán Ducas (tío do emperador) e aproveitou a situación para tomar Chrysopolis. Esta nova derrota obrigou aos bizantinos a pedir axuda aos turcos, que acudiron, derrotaron a de Bailleu, a quen apresaron, e previo rescate devolveron a súa dona, polo que finalmente tivo que ser enviado un novo exército (este ao mando do xove Aleixo I Comneno) que finalmente capturou a Roussel de Bailleul.

Estes feitos relatados crearon un baleiro que os turcos encheron. A partir do 1073 os selxúcidas comezaron a invadir Anatolia, xa sen oposición. No ano 1075 toman Niceia e Nicomedia, e no 1077 Suleyman bin Kutalmish funda o Sultanato do Rûm (é dicir de Roma) en pleno centro da península, independente do estado selxúcida, e fixa a súa capital en Niceia, esperando as novas oportunidades que o Imperio lles poida ofrecer.

Así en pouco tempo, por mor da batalla e da cadea de eventos desencadeada posteriormente, os bizantinos só conservan parte das costas de Anatolia, e o Imperio Bizantino perde a metade da súa terra cultivable e dos seus recursos humanos. Os cambios na rexión serán profundos e rápidos, o que impedirá que cando algúns dos terreos sexan recuperados nada cambie: os cultivos tradicionais desaparecen, en grande medida pola destrución da maior parte dos antigos sistemas de regadío; e a poboación sedentaria é desprazada polos colonos turcos, organizados en tribos adicados ao pastoreo. Ademais a nova fronteira é absolutamente indefendible. Por todo isto os cronistas bizantinos refírense á batalla de Manzikert coma aquel terrible día.

A gran potencia militar que tiña sido o Imperio Bizantino pasou á defensiva, constituíndo aínda unha forza significativa até a batalla de Miriocéfalo, un século máis tarde, non podendo garantir por máis tempo a contención dos musulmáns. Deste modo explicase a petición formulada polo emperador Aleixo Comneno ao papa Urbano II en 1095 para que lle enviase mercenarios que lle permitiran reconquistar o terreo perdido, petición que daría orixe á Primeira Cruzada.[18] Desde outra perspectiva os occidentais viron en Manzikert un sinal de que Bizancio xa non era quen de protexer a cristiandade europea ou os peregrinos de camiño a Terra Santa.

Notas editar

  1. Paul Markham, Battle of Manzikert: Military Disaster or Political Failure? Arquivado 13 de maio de 2007 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 Haldon (2001), p. 172
  3. Haldon (2001), p. 173
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Haldon (2001), p. 180
  5. Konstam (2004), p. 40
  6. 6,0 6,1 Norwich (1997), p. 237
  7. 7,0 7,1 Norwich (1997), p. 238
  8. 8,0 8,1 Grant (2005), p. 77
  9. Konstam (2004), p. 41
  10. Norwich (1997), p. 239
  11. 11,0 11,1 11,2 Norwich (1997), p. 240
  12. 12,0 12,1 12,2 Norwich (1991), p. 241
  13. Haldon (2002), p. 46
  14. Norwich (1997), pp. 240-243
  15. Norwich (1997), p. 242
  16. Comnena, Anna (1928 (edición)). "Book I". The Alexiad. Medieval Sourcebook (Elizabeth A. S. Dawes ed.) (London). Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2008. Consultado o 14 de abril de 2009. 
  17. Norwich (1997), p. 243
  18. Madden (2005), p. 35

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar