Batalla de Haelen

A batalla de Haelen foi unha batalla da fronte occidental da primeira guerra mundial. Produciuse o 12 de agosto de 1914 no contexto da batalla das fronteiras e enfrontou a tropas alemás dirixidas por Georg von der Marwitz e o exército belga, que finalizou cunha vitoria táctica belga.

Batalla de Haelen, parte da Batalla das fronteiras
Data: 12 de agosto de 1914
Lugar: Haelen, Bélxica
Conflito: Primeira guerra mundial
Resultado: Vitoria táctica belga
Combatentes
Bélxica Imperio Alemán

Contexto da batalla editar

Haelen foi unha granxa que debían atravesar as tropas xermanas no seu avance cara a Francia. A toma permitiría unha boa visión do río Gete. Os alemáns chegaron aquí unha semana despois da invasión de Bélxica. Pola súa banda, os belgas organizaron un ataque para deter o avance alemán a través do seu país. A vitoria belga tamén permitiría unha reorganización da retagarda aliada.

Batalla editar

11 de agosto editar

O Alto Mando belga cría que os alemáns avanzarían cara Hasselt e Diest. Para deter ás tropas imperiais xermanas, o xeneral Leon de Witte foi destinado a Haelen, para protexer a ponte sobre o río Gete.

12 de agosto editar

Na mañá do 12 de agosto, o Alto Mando belga descubriu que un importante continxente xermano se dirixía cara ás posicións do xeneral Witte e enviou unha brigada de infantaría de reforzo.

A batalla iniciouse ás 8 da mañá cando tropas alemás avanzaron dende Herk-de-Stad e foron atacados polos continxentes belgas. Aproximadamente 200 belgas estableceron unha posición fortificada na cervexería de Haelen. Non obstante, tiveron que abandonar o edificio cando a artillaría alemá disparou a este edificio. Ao mesmo tempo, os enxeñeiros belgas derrubaban a ponte sobre o Gete. As cargas non foron suficientes e só cedeu unha parte da estrutura. Isto permitiulle aos alemáns cruzar a ponte e enviar uns 1 000 homes ao centro de Haelen. Os oficiais do exército imperial confiaban nunha fácil vitoria e correron moitos riscos. As defensas belgas estaban ben situadas e causaron un elevado número de baixas nas tropas inimigas, provocando a retirada das mesmas cara ao leste de Haelen.

Consecuencias editar

Para os belgas foi unha clara vitoria, pero de pouca repercusión, xa que non evitou a caída de Bélxica en mans dos alemáns. Para estes, foi un revés destacado, xa que as baixas foron moito maiores do pensado.