Batallón Británico

O Batallón Británico foi o XVI batallón das Brigadas Internacionais durante a guerra civil española. Aproximadamente 2200 británicos combateron en España.

Lugares onde loitou o Batallón Británico.

Antecedentes editar

Os primeiros británicos en combater en España foron cidadáns británicos que estaban en España como Nat Cohen, o Partido Laborista Independente enviou un pequeno continxente que se uniu ás milicias do POUM ademais os británicos que chegaron entre agosto e setembro formaron a Centuria Tom Mann que se disolveu para integrarse na Columna Thälmann.

Jock Cunningham, John Cornford e outros británicos compuñan a sección de metralladoras do Batallón Comuna de París.

En decembro de 1936, 145 británicos formaron a Compañía Nº I da XIV Brigada que loitaron en Córdoba e desde xaneiro de 1937 en Madrid.

Formación do Batallón Británico editar

En xaneiro de 1937 os superviventes da Iª Compañía instaláronse en Madrigueras, preto de Albacete, xunto con outros 450 británicos, irlandeses e dos dominios formando un batallón anglofalante de nome oficial, batallón Saklatvala nome que apenas foi utilizado nunca. Formaban o batallón tres compañías de infantaría e unha de artillaría e numerado como o XVI batallón adscrito á XV Brigada das Brigadas Internacionais. A partir do 9 de xaneiro de 1937 a chegada de novos voluntarios británicos viuse dificultada ao aplicar o goberno británico a lei que prohibía aos seus cidadáns en exércitos estranxeiros. Con todo seguiron chegando británicos recrutados polo Partido Comunista de Gran Bretaña que chegaban a través de París.

Guerra editar

En febreiro de 1937 o Batallón Británico tivo o seu bautizo de fogo na batalla do Jarama defendendo as súas posicións con gran custo humano, ao final da batalla apenas formaban o batallón 140 homes.

Reforzada por novos homes o Batallón participou a partir do 6 de xullo de 1937 na batalla de Brunete que pretendía cercar pola retagarda ás tropas franquistas. Os británicos con combates corpo a corpo tomaron Villanueva de la Cañada e avanzaron cara Romanillos, pero detidos no cumio do Mosquitos sufriron gran número de baixas, quedando só 110 homes aptos para o servizo. O día 28 produciuse un conato de rebelión ao ordenárselle con algúns homes máis chegados de Albacete iniciar un novo ataque, orde que foi ignorada polo comisario político alegando o cansazo nos seus homes e aínda que o ataque foi suspendido ao estabilizarse as liñas, os mandos do batallón foron enviados a Londres para que o secretario xeral do Partido Comunista Británico tomase unha resolución.

En 1937 o goberno Negrín decretou a entrada de españois nos batallón das Brigadas Internacionais e na campaña de Aragón en agosto de 1937 o batallón incluía 150 españois, o batallón chegou a 10 quilómetros de Zaragoza pero aí foron retidos pola defensa franquista.

O 27 de setembro as Brigadas Internacionais integráronse no exército republicano, oficialmente o Batallón Británico foi coñecido como o 57 Batallón.

O Batallón Británico interveu na segunda fase da batalla de Teruel, na contención dos nacionais e foron os últimos en deixar a cidade o 22 de febreiro de 1938. Os británicos defenderon Belchite ata o último momento.

Na batalla do Ebro, os británicos cruzaron o 25 de xullo de 1938 o río Ebro entrando en Mora de Ebro chegando ata Corbera entrando nunha batalla de desgaste co bando nacional.

O 24 de setembro o goberno republicano ordenou a retirada das tropas estranxeiras da guerra, os británicos entre eles, 305 británicos volveron en decembro a Gran Bretaña mentres uns 200 quedaban nos cárceres franquistas que eran intercambiados por prisioneiros italianos e que estaban concentrados en San Pedro de Cardeña, nas proximidades de Burgos. En abril de 1939 todos os prisioneiros volveran xa a Gran Bretaña agás Tom Jones, un mineiro galés que sería liberado en marzo de 1940.