Balenoptéridos

familia máis diversa e máis abundante en especies dos cetáceos misticetos
Balenoptéridos
Balaenopteridae
Rorcuais

Rango fósil: mioceno medio - presente [1]

Xibardo.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenopteridae [1]
Gray, 1864
Subfamilias e Xéneros

A dos balenoptéridos (Balaenopteridae) é a familia máis diversa e máis abundante en especies dos cetáceos misticetos.

Esta familia inclúe os denominados rorcuais,[2] entre eles baleas tan coñecidas como o rorcual azul ou balea azul e o xibardo.[1]

Taxonomía editar

Descrición editar

A familia foi descrita en 1864 polo zoólogo británico John Edward Gray, en Proc. Zool. Soc. Lond., 1864: 203.[3][4]

Etimoloxías editar

Nome científico editar

Gray formou o seu nome, como é habital, engadíndolle a desinencia do latín científico -ĭdae, propio das familias de animais, ao nome do xénero tipo, Balaenoptera, que fora definido polo francés Bernard-Germain de Lacépède en 1804.

Lacépède derivou este nome do latín bālæna, 'balea', que á súa vez deriva do grego antigo φάλαινα phálaina, e o grego antigo πτερόν pterón, 'á', en alusión ás longas aletas pectorais das súas especies (literalmente: 'as baleas con ás').

Nome común editar

En canto ao nome común, rorcual, procede do francés rorqual, un préstano do noruegués røyrkval. Polo que respecta á orixe desta voz norueguesa, hai varias opinións; segundo algúns etimoloxistas estaría formado por reyðr 'suco' e hvalr 'balea', literalmente 'balea con sucos', aludindo ás dobras gulares destes animais, mentres que outros opinan que deriva do nórdico antigo reytharhvalr, de reyth 'rorcual' (de raurthr 'vermello') e hvalr 'balea', ou do islandés antigo reyöarhvalr, de reyör, 'rorcual', e hvalr 'balea'.

Clasificación editar

A familia dos balenoptéridos está formada por 8 especies (para algúns autores, 9) repartidas en 2 subfamilias con cadanseu xénero:[5][6]

 
Balea azul femia co seu baleato.
 
Rorcual común.
 
Balaenoptera acutorostrata saltando.

Familia Balaenopteridae Gray, 1864

Nota taxonómica sobre o rorcual de Bryde editar

O rorcual de Bryde é de aparencia moi similar a Balaenoptera borealis e case de igual tamaño. Non foi descrito como especie independente até 1878 a partir dun exemplar varado na costa de Birmania, ao que se lle deu o nome binomial de Balaenoptera edeni.

En 1913 describíronse baleas avistadas mar a fóra de Suráfrica, que se clasificaron co nome Balaenoptera brydei, en honor de Johann Bryde, cónsul noruegués e pioneiro da industria baleeira surafricana.

Na década de 1950 pensouse que se trataban dunha soa especie, co que quedou B. edeni en razón de ser a clasificación primeira e, por tanto, prioritaria, pero permaneceu rorcual de Bryde como nome vernáculo (e sinónimo).

Pero os máis recentes estudos xenéticos indican, porén, que se trataba de dúas especies diferenciadas:

  • Rorcual de Bryde (Balaenoptera brydei), con distribución tropical e subtropical en todos os mares, e que pesa até 26 t e alcanza os 15 m de lonxitude.
  • Rorcual tropical (Balaenoptera edeni), que habita nas augas costeiras do leste do océano Índico e o oeste do océano Pacífico.

O rorcual de Bryde presenta considerábeis variacións morfolóxicas, e téñense identificado 5 subtipos que inclúen dúas variantes de pequeno tamaño que tenden a vivir cerca das costas. Desde o punto de vista da simplicidade taxonómica, as probas de ADN mostran que a nova especie de rorcual anano do sueste asiático non é igual á variación visualmente similar encontrada no mar Caribe. As probas complicaron a evolución do ordenamento taxonómico, xa que apareceron exemplares que mostran seren intermedios xeneticamente entre o rorcual de Bryde e o chamado rorcual boreal ou rorcual sei (Balaenoptera borealis).

Porén, na actualidade, nin o World Register of Marine Species nin a Unión Internacional para a Conservación da Natureza admiten como válidas estas dúas especies,[6][7] o que si fai, en cambio, o Sistema Integrado de Información Taxonómica.[8]

Características editar

 
Vista das dobras gulares.
 
Xibardos alimentándose.

A familia dos balenoptéridos distínguese das demais familias de misticetos pola presenza de pregaduras na garganta e na rexión ventral (as dobras gulares), que expanden enormemente a garganta cando se alimentan ao tragaren auga que se filtra polas barbas.

Todas as especies deste grupo miden máis de 10 m de lonxitude e, normalmente, son moito máis grandes. Unha delas, a balea azul, é o animal máis grande que xamais existiu sobre a Terra. Habitualmente, as femias son maiores que os machos.

Son animais de corpo longo e fino, hidrodinámico, o que lles permite movementos rápidos, e posúen de 12 a 120 dobras gulares, que posibilitan a dilatación da cavidade bucal —a modo dun acordeón— e inxerir grandes volumes de auga, da que filtran o seu alimento. Entre as outras baleas, só a balea gris posúe algo semellante, pero reducido a dous sucos curtos.

Posúen unha aleta dorsal, de forma e tamaño variábeis segundo as especies, situada sempre no terzo posterior.

O perfil do cranio, visto lateralmente, é relativamente rectilíneo e plano, coa mandíbula inferior arqueada cara a fóra. As barbas son relativamente curtas pero moi numerosas (até 500 en cada lado). Na cabeza obsérvase unha crista medial, desde a altura dos ollos até o fociño; no rorcual tropical hai 3 cristas.[9]

A maioría das especies crían en augas temperadas durante o inverno, e logo volven ás zonas de alimentación cerca dos polos, ricas en plancto e krill, durante o curto verán polar.

Dentro deste grupo cómpre destacar, pola súa singularidade, a balea xibardo, caracterizada polas enormes aletas pectorais.

Todas as baleas desta familia, polo seu gran tamaño, foron obxecto prioritario da industria baleeira e a caza comercial á que foron sometidas levounas case á súa extinción.

En Galicia editar

 
Balaenoptera borealis.
 
Balaenoptera edeni.
 
Balaenoptera bonaerensis.
 
Balaenoptera omurai.

Sociedade Galega de Historia Natural editar

A Sociedade Galega de Historia Natural menciona, na súa Lista padrón (provisoria) dos verberados de Galicia, publicada no Tomo I: O medio da Xeografía de Galicia de Pérez Alberti,[10] a cinco das sete especies de rorcuais, cos nomes galegos que se indican:

  • Balaenoptera physalusrorcual de Bryl [?] [11]
  • Balaenoptera borealisrorcual boreal
  • Balaenoptera acutorostratarorcual alibranco
  • Megaptera novaeangliaerorcual xibarte
  • Sibbaldus musculus (sinónimo de Balaenoptera musculus)[12]rorcual azul

Vocabulario multilingüe de Lahuerta e Vázquez editar

Os profesores Fernando Lahuerta e Francisco X. Vázquez recollen, no seu Vocabulario multilingüe,[13] seis especies de rorcuais (o que implica que non forzosamente todas elas teñan que frecuentar, máis ou menos esporadicamente, as costas próximas a Galicia, aínda que si poidan ter nomes galegos):

  • Balaenoptera acutorostratarorcual alibranco
  • Balaenoptera musculusrorcual azul
  • Balaenoptera edenirorcual de Bryde [14]
  • Balaenoptera physalis (sic, por physalus) — rorcual común
  • Balaenoptera borealis rorcual de pintas
  • Megaptera novaeangliaerorcual xibardo

Guía dos mamíferos de Galicia de Díaz d'a Silva e Cartelle editar

Pola súa parte, Díaz d'a Silva e Cartelle, na Guía dos mamíferos de Galicia,[15] consideran como presentes nas nosas costas, algunhas accidentalmente, ás mesmas cinco especies, aínda que con nomes galegos algo diferentes:

  • Balaenoptera acutorostratabalea alibranca
  • Balaenoptera borealisbalea de pintas
  • Balaenoptera musculusbalea azul
  • Balaenoptera physalusbalea común
  • Megaptera novaeangliaebalea xibardo

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Berta, Annalisa (2006): Marine Mammals: Evolutionary biology. Academic Press. ISBN 0-12-088552-2.
  2. "rorcual no dicionario da [[RAG]].". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 17 de setembro de 2013. 
  3. Balaenopteridae en Encyclopedia or Life.
  4. Balaenopteridae Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en MSW.
  5. Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (ed.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed). Arquivado 18 de xuño de 2009 en Wayback Machine.
  6. 6,0 6,1 6,2 Balaenoptera brydei Olsen, 1913 en WoRMS.
  7. 7,0 7,1 Balaenoptera brydei na Lista da UICN.
  8. Balaenoptera no ITIS (en inglés)
  9. Canariasconservacion.org: Rorcuales Arquivado 21 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en canariasconservacion.org (en castelán).
  10. Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 210.
  11. Talvez rorcual de Bryde?
  12. Natural History Museum do Reino Unido
  13. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309.
  14. Véxase máis arriba a Nota taxonómica sobre o rorcual de Bryde.
  15. Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 130-134.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar