Australasia (Gl-Australasia.ogg pronunciación ) é unha rexión de Oceanía que comprende Australia, Nova Zelandia, a illa de Nova Guinea, e as illas próximas do océano Pacífico. O termo foi ideado por Charles de Brosses na súa obra Histoire des navigations aux terres australes (1756). Deriva da palabra latina que indica o sur, austral, para identificar esta rexión ao "sur de Asia", diferenciándoa de Polinesia (ao leste) e de Micronesia (ao nordeste). Australasia, ao igual que India, descansa na placa indoaustraliana.

Australasia
Rexións de Oceanía. Nova Zelandia inclúese ben en Australasia, ou ben en Polinesia. Tradicionalmente se inclúe Melanesia, ou algunhas zonas dela, en Australasia.

Xeografía humana editar

Xeopoliticamente, o termo Australasia sen ningún outro cualificativo, úsase ás veces para nomear a Australia e Nova Zelandia xuntas. Ás veces se inclúe no termo a illa de Nova Guinea (Papúa Nova Guinea e a parte indonesia da illa). Hai moitas organizacións que preceden o seu nome de "(Real) Sociedade Australasiana" para indicar xustamente que se limita a Australia e Nova Zelandia.

 
Bandeira do equipo olímpico de Autralasia (1908-1912)

No pasado, o termo Australasia foi usado para nomear aos equipos deportivos conxuntos de Australia e Nova Zelandia. Exemplos disto son o equipo de tenis entre 1905 e 1915, cando Nova Zelandia e Australia competiron xuntas na Copa Davis; ou o equipo olímpico de ambos países que competiu nas olimpíadas de verán de 1908 e 1912.

Xeografía ecolóxica editar

 
A liña de Wallace separa a fauna de Australasia da do sueste asiático.

Desde un punto de vista ecolóxico, a zona ecolóxica australasiana é unha rexión diferenciada cunha xeoloxía e historia evolutiva propias e unha gran cantidade de flora e fauna única. Neste contexto, Australasia limítase a Australia, Nova Guinea, Nova Zelandia, Nova Caledonia, e illas adxacentes, incluíndo as illas orientais indonesias de Lombok e Sulawesi. A liña imaxinaria que marca a división biolóxica entre Australasia e a ecozona Indomalaia na Asia tropical, coñécese como Liña de Wallace - Borneo e Balí están do lado asiático.

Australia, Nova Zelandia e Nova Caledonia son fragmentos do antigo supercontinente Gondwana. Durante millóns de anos, estas tres masas de terra foron separándose dos outros continentes, e entre si. Toda Australasia comparte a flora Antártica, se ben as illas tropicais do norte tamén teñen en común moitas plantas co sueste asiático.

Australia, Nova Guinea, e Tasmania están separadas entre si por plataformas continentais pouco profundas que estiveron unidas cando o nivel do mar era inferior durante a Idade do Xeo. Comparten unha fauna similar que inclúe marsupiais, mamíferos monotremas e aves ratites. O eucalipto é a árbore predominante na maior parte de Australia e Nova Guinea. Nova Zelandia non ten mamíferos terrestres autóctonos, pero si tiña tamén aves ratites, incluíndo o kiwi e o extinto moa. A ecozona australasiana inclúe algúns grupos de illas próximos como Wallacea, o Arquipélago Bismarck, as Illas Salomón, e Vanuatu, as cales non formaban parte anteriormente de Gondwana, pero comparten con Australasia moitas plantas e animais característicos.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar