Aulë é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion.

Aulë
Personaxe de O Silmarillion
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Raza Ainur (Valar)
Sexo Masculino
(en aparencia)
Cónxuxe Yavanna
Residencia Aman

Traxectoria editar

Aulë o Ferreiro (do Valarin Aȝûlêz) é un dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien). Aulë ten dominio sobre a materia que compón Arda e é o mestre de todas as artes que lle dan forma. Foi el quen creou os Ananos, que o coñecen como Mahal, o Creador. Durante a Música dos Ainur, os temas de Aulë atanguían as cousas físicas das que se compuña Arda, e cando Ilúvatar (Deus) creou os temas dos Ainur, a súa música converteuse nas terras da Terra Media. Entre as súas obras inclúense tamén Angainor (a cadea de Melkor), as Dúas Lámpadas e os barcos que transportan o Sol e a Lúa. A súa esposa é Yavanna, e o seu nome quere dicir invención en Quenya.

Ao ser Aulë un ferreiro, é o Vala que máis se asemella a Melkor en poderes e pensamento[1], xa que ambos se deleitan na elaboración de cousas enxeñosas e orixinais, e os dous crearon seres de seu. Pero mentres que Aulë se esforzaba para se manter fiel ao propósito orixinal da Música dos Ainur, e sometía toda a súa obra á vontade de Ilúvatar, Melkor desexaba controlar e corromper todas as cousas, e envexaba as creacións dos demais, polo que tentaba desfigurar ou destruír aquilo que facían. Tanto antes como despois da creación de Arda, existiu un longo conflito entre Aulë e Melkor. Porén, Aulë a miúdo opúxose ás tentativas de combater a Melkor, por medo do dano que se lle causaría a Arda.

Cando os Elfos chegaron a Valinor, os Noldor convertéronse nos alumnos de Aulë. Fëanor foi o seu mellor discípulo, que aprendeu del como crear xemas mediante artes xa esquecidas. Isto levaría en última instancia á creación dos Silmarils, a meirande obra artesanal de Arda. Após a Fuxida dos Noldor, os Elfos desta estirpe que volveron a Valinor guiados por Finarfin chamáronse a si mesmos os Aulendur, Seguidores de Aulë.

Aulë e a creación dos Ananos editar

Desesperado por ter discípulos aos que poder transmitir os seus coñecementos, e negándose a agardar até a aparición dos Fillos de Ilúvatar, Aulë creou a súa propia raza de seres, os Ananos. Porén, non tiña unha idea clara do aspecto que terían os Fillos de Ilúvatar, e por mor do caos que provocara Melkor, Aulë fixo aos Ananos fortes, inquebrantábeis e non dispostos a ser dominados por outros, alén de plasmar neles algúns dos seus valores e desexos para a Terra Media. Con todo, Aulë non tiña o poder de outorgar vida independente ás súas creacións: só estaban animadas cando tiña o seu pensamento posto nelas.

Cando a súa obra estivo completa, Aulë comezou a ensinarlles aos Ananos a lingua que elaborara para eles, o Khuzdul. Entón Ilúvatar faloulle e preguntoulle por que tentaba superar os límites do seu poder e autoridade creando nova vida[2]. Aulë arrepentiuse, respondendo que o impulso da creación espertara nel por obra de Ilúvatar, e que o único que desexaba eran outros seres aos que amar e instruír, cos cales puidese compartir a beleza do mundo. Admitiu que a súa impaciencia o empurrara á insensatez e someteu as súas creacións a Ilúvatar. Dando por feito que serían destruídas, dispúxose a esmagar os sete Pais dos Ananos cun grande martelo, chorando mentres o facía. Pero cando os Ananos xa se encollían temendo o golpe, Ilúvatar detivo a man de Aulë e fíxolle ver que aceptara a súa ofrenda dotando aos Ananos de espíritos de seu, posto que doutro xeito non poderían ter sentido medo.

Ilúvatar aceptounos como fillos adoptivos, mais como estabelecera que a raza primoxénita serían os Elfos, sumiu os Ananos nun letargo até o Espertar dos Elfos. Tamén lle dixo a Aulë que aínda que tanto Elfos como Ananos eran fillos seus, a creación destes últimos non estivera prevista na Música dos Ainur, e que a miúdo xurdirían conflitos entre as dúas razas, a medida que se desenvolvesen os acontecementos do mundo.

Os Ananos cren que logo de morreren, os seus espíritos viaxan a unha estancias que Aulë preparou especialmente para eles, e que será tarefa súa reconstruíren Arda após a Batalla Final que aínda está por vir.

Maiar asociados con Aulë editar

Varios dos Maiar estiveron asociados con Aulë: Sauron, antes de ser corrompido por Melkor; e Curumo (Saruman), que máis tarde viaxou á Terra Media como un dos Istari para loitar contra Sauron. Sauron encontrábase entre os máis poderosos, se non o máis poderoso, dos Maiar que serviron a Aulë. Empregou os seus coñecementos sobre a estrutura metafísica de Arda con grandes consecuencias, como servo de Morgoth durante a Primeira Idade, e máis adiante como o seu propio amo, na Segunda e Terceira Idades da Terra Media. Cando Sauron tentou corromper os Elfos na Segunda Idade, un dos nomes que adoptou foi Aulendil, que significa acólito de Aulë.

Notas editar

  1. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.) The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Ainulindalë", páx. 19-20
  2. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.) The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 48