O asubiador (Anas penelope) é unha ave da orde dos anseriformes e da familia dos anátidos.

Descrición editar

Os asubiadores miden entre 41 e 51 cm, teñen unha envergadura de ás de 75 a 86 e pesan de 500 a 900 gramos. A plumaxe reprodutora dos machos é agrisada, coa área da barriga branca ou crema. As ás amosan unha banda branca. A cabeza é moi característica, marrón, cunha mancha branca na testa que lles chega ata a base do bico, que é gris coa punta negra. As femias teñen unha coloración discreta, de tons acastañados. A cor das patas en ambos os sexos vai do castaño escuro ata tons case negros.

Están activos de día, no crepúsculo e pola noite. A estrutura dos seus ollos, cunha capa posterior que reflicte a luz, permítelles ver sorprendentemente ben pola noite. Son aves sociais, que se moven sempre en grupos grandes.

Distribución editar

 
Macho coa plumaxe reprodutora (Anas penelope)

Os asubiadores crían no norte de Europa, norte de Asia e parcialmente no norte de Norteamérica. Viven en lagos e estanques con vexetación abundante e, ocasionalmente, vense tamén en ríos de curso lento. A comezos do inverno emigran cara ó sur, para pasa-lo inverno no centro e sur de Europa, onde se poden ver tamén en terras de cultivo, o que causa en ocasións problemas cos agricultores.

Alimentación editar

Son aves vexetarianas estritas, que se alimentan tanto de plantas acuáticas coma terrestres. Precisan comer entre 300 e 400 g de vexetais ó día, polo que dedican ata 15 horas diarias a buscar alimento.

Reprodución editar

Os asubiadores maduran sexualmente cando teñen uns dous anos. As parellas fórmanse, en xeral, pouco despois de acaba-lo inverno. A reprodución ten lugar entre maio e xullo. Fan os niños no chan, agachados entre a vexetación da beira da auga, e cóbrenos cunha capa de penuxe. As femias poñen de 4 a 9 ovos, duns 50 mm de lonxitude, que precisan uns 24 días de incubación. Os polos son capaces de voaren cando teñen uns 45 días.

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Chuck Hagner: Guide to ducks and geese. Stackpole, Mechanicsburg 2006. ISBN 0-8117-3344-0
  • P. W. Mayhew: The feeding ecology and behaviour of wigeon (Anas penelope). Glasgow 1985.
  • Hendrik Brunckhorst: Ökologie und Energetik der Pfeifente (Anas penelope L. 1758) im schleswig-holsteinischen Wattenmeer. Kovac, Hamburg 1996. ISBN 3-86064-454-8

Ligazóns externas editar