Asemblea de Melide

A Asemblea de Melide ou Xunta de Melide foi unha xuntanza de prelados, rexedores urbanos e nobres galegos, a máis importante das celebradas durante o reinado de Carlos V.

Estatua do arcebispo Alonso III no pazo de Fonseca.

Tivo lugar o 4 de decembro de 1520 na vila de Melide, centro xeográfico do reino de Galiza no século XVI. Foi organizada polo arcebispo compostelán Alonso III de Fonseca para tratar, entre outras cousas, de reclamar a Carlos V o voto do reino de Galiza nas cortes da Coroa de Castela e que unha e outra vez fora negado. [1]

Antecedentes editar

A renovación nobiliaria propiciada pola casa de Trastámara a partir de 1369 permitiulle a varias casa nobiliarias, coma os condes de Altamira ou os condes de Lemos, a creación de grandes morgados. Xunto ás liñaxes autóctonas tamén aparecen liñaxes foráneas que aproveitan o illamento xeográfico do reino para estenderse e afianzar a súa independencia. Estas casas van, durante os séculos XV e XVI, a ir expandindo o seu patrimonio aproveitándose das mercés reais, as adquisicións e apropiacións de bens seculares eclesiásticos e unha política matrimonial endogámica. Isto achegoulle á nobreza unha gran riqueza en rendas e terreos, coa meirande parte do rural galego en mans destes señoríos.[2] A entrada dos Reis Católicos no reino tras a Guerra Civil Castelá comezou o sometemento da belicosa nobreza galega. Isto levouse a cabo co afianzamento do poder real, con medidas coma a inclusión da nobreza na Corte real e o pago regular das cargas fiscais.[3]

Tras a morte dos Reis Católicos os nobres galegos comezan a recuperar parte do seu poder perdido. A inestabilidade que resultou dos conflitos entre a filla de Isabel I, Xoana de Castela, e primeiro seu pai Fernando e seu marido Filipe o Fermoso permitiu, a partir de 1508, unha volta parcial á situación previa a 1480. Aproveitando isto algúns nobres, sendo os principais o arcebispo don Alonso de Fonseca III, don Rodrigo Osorio Conde de Lemos e Fernando de Andrade Conde de Vilalba; comezaron a estender o seu control por todo o reino, obtendo o control do reino prescindindo do poder real.[3] Os novos recoñecementos obtidos pola presenza da nobreza na corte e a nova situación política vaille permitir á nobreza a creación dun sistema pechado e feudal, coas grandes casas nobiliarias converténdose en señores feudais doutras casa máis pequenas que co tempo e a expansión dos morgados vailles permitir obter riquezas e converterse en importantes rendistas. Estas casas secundarias vanse converter na fonte da gran cantidade de fidalgos da que se nutrirá a baixa nobreza galega.[2]

Intentos previos editar

Tras a súa proclama coma rei en Bruxelas Carlos I convocou ás Cortes en Santiago de Compostela en 1518. Isto foi un feito estraño, por que nin o Reino nin a cidade onde se ían celebrar ían ser representadas nesas cortes. O Reino de Galiza perdera a representación nas Cortes en estrañas circunstancias. Aproveitando que as cortes se facían en Galiza o arcebispo Fonseca e Fernando de Andrade falaron co rei para quitarlle a representación do Reino a Zamora. Nin nesas Cortes, nas que ocorreron altercados entre o presidente das Cortes e o conde de Vilalba, nin nas Cortes posteriores da Coruña conseguiron o seu obxectivo.[3]

A Asemblea editar

Tras a volta de Carlos I cara ao Imperio estala a revolta dos comuneiros. Os señores galegos, que inda tiñan lembranza das guerras irmandiñas, e co poder real incapaz de sufocar a revolta os nobres acordaron unirse para evitar os levantamentos en territorio galego. Por iso xuntáronse en Melide, lugar xeograficamente céntrico e lugar de paso do Camiño de Santiago, para ofrecerlle o seu apoio ao rei e aproveitar que a maioría das cidades das Cortes (entre elas Zamora) puxéranse de parte dos comuneiros. Na vila reúnense dúas ducias dos principais señores de Galiza.[3]

Peticións da Asemblea editar

Na Asemblea acordáronse 14 puntos:[1][3][4]

  1. Asegurarlle ao rei que non se estenderán as Comunidades ao reino, por exemplo baixo o mando de Fernando de Andrade sufocaron os movementos comuneiros en Galiza de Ourense e Betanzos.
  2. Reafirmar o seu apoio ao rei.
  3. Declaran unha alianza entre os nobres para castigar a calquera cabaleiro que se rebelar.
  4. Declarar ilexítimo o movemento Comuneiro e negarlle goberno algún.
  5. Cada nobre debe manter o control do seu territorio, e será axudado inda que non pida axuda.
  6. Que este acordo é independente das loitas entre os nobres.
  7. Que Galiza obteña voto propio, para que non se vexa obrigada por Zamora a poñerse de parte dos Comuneiros.
  8. Tal como se dixeran nas Cortes celebradas na Coruña négaselle a Zamora o voto polo Reino de Galiza, e que o Reino non se sentirá obrigado polas decisións desta cidade.
  9. Permitir as vodas e que non se castiguen as vodas xa feitas.
  10. A creación dunha Casa de Contratación na Coruña semellante á de Sevilla para o comercio da especia.
  11. Este pacto poñerase en coñecemento dos gobernadores do reino de Castela e do gobernador do reino de Galiza.
  12. Que se lle castigue aos cabaleiros que vaian en contra do Reino.
  13. Que este pacto sexa tamén cumprido polos vasalos dos nobres asinantes.
  14. Declaración dos asinantes de seguir o acordo e firma dos testemuñas.

Resposta ás peticións editar

As respostas do rei ás propostas foron variadas. O monarca contestou, xa en Worms, que lles agradecía a fidelidade que lle profesaban, perdoaba as multas pola celebración de vodas, pero evitou pronunciarse no asunto da Casa da Especiaría e o voto en Cortes, coa escusa de que eran temas que necesitaban de moita reflexión. O voto nas Cortes tivo que esperar até 1623, cando Olivares, a cambio dun donativo, pasou por riba das vellas resistencias a ampliar a representación nas cortes. O rei Carlos I si que estableceu unha Casa de Contratación na Coruña para o comercio coas Molucas, pero tras quedar estas illas baixo control portugués foi disolta.[5] Ademais, para reducir o poder do arcebispo Fonseca e do conde de Vilalba Fernando de Andrade foron enviados a postos afastados de Galiza.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Unha voz decidida na metade do Reino, Cultura Galega
  2. 2,0 2,1 A nobreza galega entre o século XV e o XVI, Antonio Presedo Garazo, Consello da Cultura Galega
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 A Xunta de Melide: o contexto e os feitos, Pegerto Saavedra, Consello da Cultura Galega
  4. Galicia Diplomática nº14 de 1882, pp. 98-100
  5. As outras demandas dos poderosos: A Casa da Especiaría da Coruña, Ofelia Rey Castro, Consello da Cultura Galega

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar