Asemblea Xeral de Carolina do Sur

Parlamento de Carolina do Sur (Estados Unidos)

A Asemblea Xeral de Carolina do Sur (en inglés, South Carolina General Assembly) é o parlamento de Carolina do Sur, nos Estados Unidos. Conta cun total de 170 lexisladores elixidos por sufraxio universal e que integran o Senado e a Cámara de Representantes. A sede está na capital estatal, Columbia, no edificio da Casa Estatal.

Asemblea Xeral de Carolina do Sur
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedeCapitólio Estadual da Carolina do Sul
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://www.scstatehouse.gov/
editar datos en Wikidata ]
Selo de Carolina do Sur

Composición editar

 
Fachada da State House en Columbia, sede da Asemblea Xeral de Carolina do Sur.

A Asemblea Xeral de Carolina do Sur ten unha estrutura bicameral compóndose de:[1]

  • Senado: está integrado por 46 senadores escollidos por mandados de 4 anos. Para poder ser escollido senador cómpre ter 25 anos de idade, polo menos, ser votante do estado e residir no distrito polo que se concorre.
  • Cámara de Representantes: formada por 124 membros electos cada dous anos. Os candidatos deben ter 21 anos, residir no distrito polo que se presenta e ter dereito de voto no estado.

O sistema electoral para escoller aos membros da Asemblea Xeral é maioritario e uninominal, deste xeito, o estado está dividido en tantos distritos como membros teñen as cámaras. Aqueles que tivesen penas por delitos graves, fraude electoral ou suborno, son inelixibles para ningunha das dúas cámaras, a non ser que transcorresen 15 anos dende entón.

Competencias editar

 
Membros da Asemblea Xeral en 1868, cando os afrodescendentes foron maioría.

A Constitución de Carolina do Sur, aprobada en 1895, confírelle á Asemblea Xeral o poder lexislativo do estado.[2] Ambas as dúas cámaras teñen a posibilidade de iniciar o proceso lexislativo cando un dos seus membros fai unha proposta de lei. Na redacción da proposta participa o Consello Lexislativo da Asemblea, para garantir que cumpre os requirimentos legais. Posteriormente, preséntase ante a cámara, logo da súa lectura o presidente derívaa a unha comisión concreta segundo a cuestión que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. O comité ou comisión pode aprobar o proxecto tal e como se presentou ou emendalo, ou rexeitalo e rematar coa iniciativa. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada. Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[3] O gobernador do estado pode vetar unha lei aprobada pola Asemblea Xeral, mais esta pode revogalo se así votan dous terzos dos representantes e dos senadores.[4]

Ademais, a Asemblea Xeral reúnese de forma conxunta para nos nomeamentos xudiciais no Tribunal Supremo do estado ou para recibir as mensaxes do gobernador.[5][6]

Historia editar

O 24 de marzo de 1776, o Congreso Provincial dos colonos de Carolina do Sur, no contexto da independencia dos Estados Unidos, aprobou unha constitución que outorgou o poder lexislativo a dúas cámaras: a baixa era a Asemblea Xeral, e a alta, chamada Consello Lexislativo, era electa pola pola primeira.[7] Poucos anos máis tarde, o 19 de marzo de 1778, redactouse unha nova constitución na que xa se recoñecía como estado a Carolina do Sur e que estableceu a actual estrutura do poder lexislativo: exercido pola Asemblea Xeral que se forma polo Senado e a Cámara de Representantes.[8]

Pierce Butler, Charles Pinckney, Charles Cotesworth Pinckney e John Rutledge, foron os delegados enviados por Carolina do Sur á convención que elaborou a Constitución dos Estados Unidos e todos eles foron membros da Asemblea Xeral en diversos momentos da súa carreira política.[9][10] A Asemblea Xeral de Carolina do Sur tivo unha maioría de afroamericanos entre os seus membros en 1868, logo da Guerra Civil.[11][12] Doutra parte, a primeira muller membro da Asemblea Xeral foi Mary Gordon Ellis, senadora estatal entre 1929 e 1933.[13]

Notas editar

  1. "South Carolina State House: What Does the Legislature Do?". www.scstatehouse.gov. Consultado o 2022-09-24. 
  2. "Article III: Legislative department. Constitution of South Carolina" (PDF). South Carolina State House. 
  3. McKinney, Sandra K. (1990). South Carolina's Legislative process (PDF). 
  4. South Carolina's legislative process (PDF). 2016. p. 33. 
  5. "Article V: the judicial department. Section 3: Election of members of Supreme Court. South Carolina Constitution" (PDF). South Carolina State House. 
  6. "Article IV: the executive department. Section 18: Duty of Governor to give information to General Assembly. South Carolina Constitution" (PDF). South Carolina State House. 
  7. "Constitution of South Carolina - March 26, 1776". The Avalon Project. Yale School of Law. 
  8. "Constitution of South Carolina - March 19, 1778". The Avalon Project. Tale School of Law. 
  9. "Butler, Pierce". South Carolina Encyclopedia (en inglés). Consultado o 2022-09-24. 
  10. "The Founding Fathers: South Carolina". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-09-24. 
  11. Sanchez, Adam. "The Other ’68: Black Power During Reconstruction". Zinn Education Project (en inglés). Consultado o 2022-09-24. 
  12. "South Carolina’s Remarkable Democratic Experiment of 1868". We're History (en inglés). 2018-03-16. Consultado o 2022-09-24. 
  13. Littlefield, Valinda W. (2020-12-30). 101 Women Who Shaped South Carolina (en inglés). Univ of South Carolina Press. ISBN 978-1-64336-160-4. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar