Artigo (gramática)

O artigo é un determinante actualizador con flexión de xénero e número que concorda co núcleo do sintagma nominal. A súa función é a de acompañar ao substantivo actualizándoo e precisándoo, transformándoo de descoñecido e abstracto ("libro") en coñecido e concreto ("o libro"), situándoo no mundo real.

A gramática tradicional distinguía entre artigo determinado (o, a, os, as) e indeterminado (un, unha, uns, unhas), sendo en realidade este último un tipo de cuantificador.

En galego hai un artigo masculino: o, os en plural, e outro feminino: a, as (alén das súas variantes alomórficas). Non todas as linguas posúen artigos e, por exemplo, o latín, do cal provén o galego, non os tiña: o artigo galego provén, así a todo, do pronome demostrativo latino ille, illa, illud. O uso do artigo galego conserva ás veces vestixios dese significado demostrativo.

Os determinantes actualizadores editar

O feito de considerarmos o artigo como un determinante actualizador débese a que na clase de palabra determinantes encontramos vocábulos que actúan actualizando (actualizadores), cuantificando (cuantificadores) e interrogando (interrogativos).

Os actualizadores presentan o núcleo do sintagma nominal e sitúano no espazo e no tempo. Os cuantificadores, pola contra, mídeno. Os interrogativos preguntan por el.

Os actualizadores son catro; o predeterminante todo, todos, toda, todas, que pode preceder aos demais determinantes e delimita a integridade do substantivo núcleo do sintagma nominal; o artigo, que presenta o substantivo nun espazo e un tempo concreto (o, a, o, os, as); o posesivo, que sinala a pertenza do substantivo a un elemento da situación ou contexto (o meu, o teu, o seu, noso, voso, o seu e os seus femininos e plurais) e o demostrativo, que sitúa o substantivo nun lugar máis ou menos próximo ou afastado (este, ese, aquel e os seus femininos e plurais)

Paradigma do artigo editar

O paradigma estándar do artigo presente na maior parte de Galicia contén os seguintes elementos:

Galego estándar Masculino Femenino
Singular o / lo / no a / la / na
Plural os / los / nos as / las / nas

Na área asturiana obsérvase o seguinte paradigma:

Galego asturiano Masculino Femenino Neutro
Singular (e)l a/el lo ~ lu
Plural os as

Nalgunhas zonas orientais o paradigma é o seguinte:

Parte do galego ourensán Masculino Femenino
Singular o / no a / na
Plural os / nos as / nas

Alomorfos editar

En galego tamén existen os artigos lo(s) e la(s)[1], chamados “segunda forma do artigo”, que substitúen ás formas o(s) e a(s) en determinadas situacións específicas. As devanditas variantes alomórficas xa estaban presentes no galego-portugués medieval, sendo representadas na lingua escrita polos trobadores[2][3]. En realidade, lo(s) e la(s) eran os artigos arcaicos dos cales, a través de diversas evolucións, derivan todas as variantes actuais[4]: o(s) e a(s), lo(s) e la(s), e no(s) e na(s) (esta última sen representación escrita).

O portugués aínda mantiña o uso da “segunda forma do artigo” no século XVI[5], pero co paso do tempo desapareceu. O galego, pola contra, mantivo o seu uso ata a actualidade en case todo o dominio lingüístico.

Notas editar

  1. "lo". Dicionario Real Academia Galega. Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2013. Consultado o 14 de marzo de 2014. lo (feminino: la) artigo determinado masculino 
  2. Joham Servando. "Quand'eu a Sam Servando fui um dia daqui". Cancioneiro da Biblioteca Nacional. Quandoeu a Sã Servando / fuy hun dia daqui / fazela romaria / e meu amigui vi / direyuos con verdade / quanteu del entendi 
  3. Don Dinis de Portugal. "Amad'e meu amigo". Cancioneiro da Biblioteca Nacional. 
  4. Real Academia Galega. "14. O artigo". Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. pp. 83–84. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de marzo de 2014. Consultado o 14 de marzo de 2014. A forma do artigo primitivo era lo, la, los, las, pero o l en posición intervocálica desapareceu, tanto en interior de palabra coma dentro de grupos fónicos de palabras, co conseguinte resultado o, a, os, as (para lo campo > para o campo); esta forma estendeuse analoxicamente a outros contextos en que o l non fose precedido dentro do mesmo grupo fónico por -s, -r, -b ou -n. Se estaba precedido por -n (son las tres), tras unha fase -nn- (son nas tres), o resultado foi -n- (son as tres, con pronuncia [ˈs̺onas̺ˈtres̺]) que se interpreta como a consoante final da palabra precedente e non como a inicial do artigo; o artigo, por tanto, segue sendo o, pero os efectos desa asimilación e posterior redución perduran aínda no feito de que ese n poida ser alveolar e non velar (compárese, como exemplo, o -n de non había [ˈnoŋãˈβia] e o de non o vexo [ˈnõno ˈβeʃo], o de tocan [ˈtɔkaŋ] e os de tócana [ˈtɔkana] e tocan a muiñeira [ˈtɔkana muiˈɲejra]). Cando a consoante anterior era -r, -s ou -b (dar las tres, dáslas tres, ub lo gato?), a asimilación foi regresiva e nun primeiro momento deu como resultado -ll- (dal las tres, ul lo gato?), posteriormente -l- (da-las tres, u-lo gato?); deste modo o artigo seguiu mantendo a forma primitiva, pero o verbo ou a palabra anterior viron modificada a súa consoante final. 
  5. Dulce de Faria Paiva (1988). Editora Ática, ed. "Artigos". História da língua portuguesa. II: Século XV e meados do século XVI. San Paulo, Brasil. p. 47. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2014. Consultado o 14 de marzo de 2014. Os artigos tinham as formas o, a, os, as, encorpadas de h inicial ho(s), ha(s); porém, as formas arcaicas lo(s), la(s) persistiam ainda e, usadas depois de vocábulos terminados em r ou s, havia assimilação destas consoantes ao l, assim: pello, pelo (de per lo); pollo, polo (de por lo); todollos, todolos (de todos los); ambolos (de ambos los); volo(s) (de vos lo(s)); nolo(s) (de nos lo(s)); eylo(s) (de eys lo(s)) = ei-lo(s); sobolo(s) (de sober (sobre) lo(s)). Com verbos, os pronomes oblíquos, na mesma forma lo(s), la(s), uniam-se diretamente: dallo (dar lo); dizeelo (dizees lo = dizei-lo); depois de consoante final nasal, também havia assimilação do l: no, resultado de em ou en (lo(s)) = enno(s) = eno(s); davamno = davam-no. (en portugués)

Véxase tamén editar