Arca Marmórica ou Arca Marmárica é a tradución habitual das expresións latinas achaia marmarica, aca marmarica e arcis marmaricis, transcrita tamén como arcis marmoricis, que en realidade se poden referir a varios conceptos, todos eles vencellados cunha construción en mármore onde estaría soterrado Santiago o Maior: un deles é un conxunto de arcos, mentres que o outro é unha arca, un caixón coa funcionalidade de sepulcro. En definitiva, o Breviarum Apostolorum centroeuropeo dos séculos VI-VII alude a Achaia Marmorica como o lugar de soterramento do Apóstolo Santiago. No século XII, a Historia Compostelana, redactada nos tempos da construción da catedral, menciona que o bispo Teodomiro descubriu a tumba dentro dunha domuncula marmorea e que o soterramento se realizou baixo marmoreis arcubus. Máis tarde, López Ferreiro no s. XIX e Guerra Campos no XX defenden que achaia marmorica se refire ó espazo catedralicio, mentres que outros lle quitan importancia asociándoo a un topónimo descoñecido e mesmo o vencellan á antiga localidade de Marmárica en Libia[1].

A Fonte dos Cabalos de Praterías representa a suposta Arca Marmórica sobre catro hipocampos sostendo unha figura feminina que alza unha estrela.

Notas editar