Antonín Dvořák

compositor checo de música clásica

Antonín Leopold Dvořák (checo: /antoɲiːn ˈlɛopolt ˈdvor̝aːk/), nado en Nelahozeves o 8 de setembro de 1841 e finado en Praga o 1 de maio de 1904,[1] foi un compositor de posromántico natural de Bohemia -territorio entón pertencente ao Imperio Austríaco-, un dos primeiros compositores checos que acadou recoñecemento mundial e un dos grandes compositores da segunda metade do século XIX. Está considerado como un dos grandes compositores da segunda metade do século XIX. Empregou frecuentemente ritmos e outros aspectos da música folclórica de Moravia e a súa Bohemia natal, seguindo o exemplo do seu predecesor, o nacionalista da era romántica Bedřich Smetana. Tense descrito o estilo de Dvořák como "a recreación máis completa dun idioma nacional co da tradición sinfónica, absorbendo influencias populares e encontrando formas efectivas de empregalas».[2] Sen perder unha ampla proxección internacional, soubo extraer as esencias da música da súa terra natal.

Antonín Dvořák
Nome completoAntonín Leopold Dvořák
Nacemento8 de setembro de 1841 e 1841
 Nelahozeves
Imperio austríaco Imperio austríaco
(actual República Checa República Checa)
Falecemento1 de maio de 1904 (62 anos)
 Praga
Imperio Austrohúngaro Imperio Austrohúngaro
(actual República Checa República Checa)
CausaIctus
SoterradoCemitério Vyšehrad
NacionalidadeReino de Bohemia e Cisleitania
EtniaPobo checo
Relixióncatolicismo
Educado enPipe Organ School in Prague
Instrumento(s)Órgano
Composicións destacadasSinfonía do Novo Mundo
Cuarteto en Fa maior
PaiFrantišek Dvořák
NaiAnna Dvořáková
Parella/sAnna Čermáková
FillosOtilie Suková, Otakar Dvořák e Magdalena Dvořáková
PremiosOrdem da Coroa de Ferro, doutor honoris causa pola Universidade Carolina de Praga e Order of the Iron Crown
Na rede
https://www.antonin-dvorak.cz/
IMDB: nm0006053 IBDB: 447817
Spotify: 6n7nd5iceYpXVwcx8VPpxF iTunes: 219776 Last fm: Antonín+Dvořák Musicbrainz: 819eaeb2-8dd8-48a5-ad07-0bcd137985ef Songkick: 8652429 Discogs: 268272 IMSLP: Category:Dvořák,_Antonín Allmusic: mn0000768609 WikiTree: Dvořák-356 Find a Grave: 2220 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Dvořák amosou as súas dotes musicais a unha idade temperá, sendo un bo estudante de violín dende os seis anos. As primeiras representacións públicas das súas obras foron en Praga en 1872 e, con especial éxito, en 1873, cando tiña 31 anos. Buscando recoñecemento máis aló da área de Praga, presentou unha partitura da súa Primeira Sinfonía a un concurso en Alemaña, mais non gañou, e o manuscrito non devuolto perdeuse ata que foi redescuberto moitas décadas despois. En 1874 presentouse ao Premio Estatal de Composición de Austria, incluíndo partituras de dúas sinfonías máis e outras obras. Aínda que non o sabía, Johannes Brahms foi o membro principal do xurado e ficou moi impresionado. Outorgáronlle o premio en 1874 e novamente en 1876 e 1877, cando Brahms e o destacado crítico Eduard Hanslick, tamén membro do xurado, se presentaron a el. Brahms recomendou a Dvořák ao seu editor, Fritz Simrock, quen pouco despois encargou o que se convertey en Danzas eslavas, Op. 46. Foron moi loadas polo crítico musical berlinés Louis Ehlert en 1878, a partitura (da versión orixinal para piano a catro mans) tivo excelentes vendas e lanzou a súa reputación internacional.

A primeira peza de carácter relixioso de Dvořák, o seu arranxoo de Stabat Mater, estreouse en Praga en 1880. Foi interpretado con grande éxito en Londres en 1883, o que deu lugar a moitas outras representacións no Reino Unido e os Estados Unidos.[3] Ao longo da súa carreira, realizou canto menos nove visitas como invitado a Inglaterra, frecuentemente dirixindo representacións das súas propias obras. A súa Sétima Sinfonía escribiuna para Londres. Ao visitar Rusia en marzo de 1890, dirixiu concertos da súa propia música en Moscova e San Petersburgo.[4] En 1891 nomeárono profesor no Conservatorio de Praga. Entre 1890 e 1891, escribiu o seu Trío Dumky, unha das súas pezas de música de cámara de maior éxito.

Encádrase dentro do chamado Romanticismo. Usou nas súas obras moitas melodías populares de Moravia e da súa Bohemia natal. Os seus traballos inclúen óperas, sinfonías, coros e música de cámara. Entre as súas obras máis coñecidas inclúense a Sinfonía nº 9, máis coñecida por "Sinfonía do novo mundo", as Danzas Eslavas, o Cuarteto de Cordas Americano e o Concerto para Violoncello en si menor.

Sen perder unha ampla proxección internacional, soubo extraer as esencias da música da súa terra natal. e considerado o principal representante do nacionalismo checo na música

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

 
Casa natal de Antonín Dvořák en Nelahozeves.
 
Antonín Dvořák de neno.

Antonín Dvořák naceu en Nelahozeves, unha pequena poboación ao norte de Praga (daquela parte de Bohemia no Imperio austríaco, agora República Checa), o 8 de setembro de 1841. O seu pai, František Dvořák (1814-1894), posuía un pequeno establecemento hoteleiro e tamén traballou como intérprete profesional de cítola e como carniceiro. A súa nai, Anna, de solteira Zdeňková (1820-1882), era filla de Josef Zdenĕk, o bailío do príncipe Lobkowicz.[5][6] Anna e František casaron o 17 de novembro de 1840.[7] Antonín foi o maior dos seus catorce irmáns, oito dos cales sobreviviron á infancia.[8] Foi bautizado como católico na igrexa de Santo André da súa vila. Os primeiros anos de Dvořák en Nelahozeves nutriron a súa forte fe cristiá e o amor da súa herdanza bohemia que influíron tan fortemente na súa música.[9] En 1847 ingresou na escola primaria da súa vila, onde recibiu as primeiras ensinanzas musicais e aprendeu a tocar o violín da man do seu mestre Joseph Spitz. Amosou un talento precoz e grazas á súa habilidade tocou nunha banda da súa vila e na igrexa.[10] František estaba moi satisfeito dos dons do seu fillo. Aos 13 anos de idade, e baixo a influencia do seu pai, enviárono a Zlonice a vivir co seu tío Antonín Zdenĕk, co fin de aprender alemán. A súa primeira composición, Polka Pomnenka, escribiuna probablemente en 1855.[11]

Recibiu leccións de piano, órgano e violín do seu profesor de alemán Antonín Liehmann, quen tamén lle ensinou teoría da música e lle presentou os compositores da época. Dvořák tiña moito respecto polo seu mestre, a pesar de que este tiña un carácter bastante duro. Liehmann era o organista da igrexa de Zlonice e ás veces deixaba a Dvořák que tocara nos servizos relixiosos.[12] Recibiu máis leccións de órgano e teoría musical en Česká Kamenice con Franz Hanke,[13] quen alentou aínda máis o seu talento musical e foi máis comprensivo. Aos 16 anos e baixo a insistencia de Liehmann e Zdenĕk, František permitiu a seu fillo converterse en músico, coa condición de que fora organista.[14] Despois de partir cara a Praga en setembro de 1857, ingresou na Escola de Órgano da cidade, onde estudou canto con Josef Zvonař, teoría con František Blažek e órgano con Joseph Foerster. Este último non só foi profesor no Conservatorio de Praga, senón tamén compositor de órgano.[a] Tamén realizou un curso adicional de idiomas para mellorar o seu alemán e traballou como violista «extra» en numerosas bandas e orquestras, incluída a orquestra da Sociedade de Santa Icía.[18] Graduouse na Escola de Órgano en 1859, ocupando o segundo lugar na súa clase.[19] Solicitou, sen éxito, un posto como organista na igrexa de San Henrique (Sv. Jindřich), mais mantívose impertérrito na procura dunha carreira musical.[20]

En 1858 uniuse á orquestra de Karel Komzák, coa que tocou en restaurantes e salas de baile de Praga.[20].[21][22] O alto nivel profesional do conxunto chamou a atención de Jan Nepomuk Maýr, que contratou a toda a orquestra para a Orquestra do Teatro Provisional de Bohemia. Dvořák tocou a viola na orquestra a partir de 1862. Apenas podía pagar as entradas para os concertos, pero tocar na orquestra deulle a oportunidade de escoitar música, principalmente óperas.[23] En xullo de 1863, actuou nun programa dedicado ao compositor alemán Richard Wagner, que dirixía a orquestra. Desde 1857 tiña unha "admiración ilimitada" polo compositor alemán.[24] En 1862, comezara a compoñer o seu primeiro cuarteto de cordas.[25] En 1864, aceptou compartir o alugueiro dun piso situado no barrio de Žižkov de Praga con outras cinco persoas, entre as que se atopaban tamén o violinista Mořic Anger e Karel Čech, que máis tarde converteuse en cantante.[26][27] En 1866 Bedřich Smetana sucedeu a Mayr como director principal.[28] Dvořák gañaba uns 7,50 dólares ao mes. A constante necesidade de complementar os seus ingresos impulsou a Dvořák a dar clases de piano. Foi a través destas clases de piano cando coñeceu á súa futura esposa. Orixinalmente, namorouse da súa alumna e compañeira de Teatro Provisional Josefína Čermáková, para quen ao parecer compuxo o ciclo de cancións Cypresses.[27] Porén, o seu amor non lle foi correspondido e acabou casando con outro home.

Compositor e organista editar

Dvořák chamou o seu Quinteto de corda en la menor (1861) como op. 1 e o seu Primeiro cuarteto de corda (1862) como a súa op. 2, aínda que o catálogo cronolóxico de Jarmil Burghauser[29] enuméraas como B.6 e B.7 e mostra cinco composicións anteriores sen números de opus. A principios da década de 1860, tamén fixo os seus primeiros intentos sinfónicos, algúns dos cales queimou autocriticamente. Consérvase o manuscrito dunha sinfonía en do menor sen número de opus, B.9, composta en 1865[29] Esta sinfonía pasou a ser numerada como a Primeira sinfonía de Dvořák. Os seus primeiros intentos de composición transcorreron sen acollida da crítica nin actuacións públicas. As súas composicións ata 1870, segundo o catálogo de Burghauser,[4] ou non tiveron estreas coñecidas, ou foron estreadas en 1888 ou máis tarde. Por exemplo, o Terceiro cuarteto de corda, B.18, foi escrito arredor de 1869, pero publicouse postumamente en 1964 e estreouse en 1969.[30] En 1870, compuxo a súa primeira ópera, Alfred, entre maio e outubro.[31] A súa abertura, coñecida como Abertura tráxica, foi representada por primeira vez en público en 1905 e a ópera completa en 1938.[32]

En 1871 deixou a orquestra do Teatro Provisional a fin de ter máis tempo para compoñer. [33] Ata 1871 só deu números de opus a cinco das súas primeiras 26 composicións.[34] A primeira mención de Antonín Dvořák na prensa apareceu na revista Hudební listy en xuño de 1871 e a primeira composición interpretada publicamente foi a canción «Vzpomínání» («Reminiscencia», outubro de 1871, veladas musicais de L. Procházka).[35] O Teatro Provisional devolveu a ópera O rei e o carboeiro (Král a uhlir) e dixéronlle que non se podía interpretar. A súa abertura estreouse en 1872 nun concerto da Filharmónica dirixido por Bedřich Smetana, pero a ópera completa coa partitura orixinal interpretouse unha vez en 1929[36] e non se volveu a interpretar ata un concerto en setembro de 2019 no Festival Internacional de Música de Dvořák de Praga.[37] Clapham[38] di que Dvořák deuse conta de que chegara a «extremos ao tentar seguir o exemplo de Wagner». Entre 1873 e 1874 reaxustou «o libreto de O rei e o carboeiro completamente de novo, dunha maneira totalmente diferente», sen usar «nada da desafortunada versión anterior». A ópera alternativa, chamada O rei e o carboeiro II, B.42, estreouse en Praga en 1874.[39]

En 1873, Dvořák casou coa irmá menor de Josefina, Anna Čermáková (1854-1931). Tiveron nove fillos: Otakar (1874-1877), Josefa (1875-1875), Růžena (1876-1877), Otýlie (1878-1905), Anna (1880-1923), Magdalena (1881-1952), Antonín (1883-1956), Otakar (1885-1961) e Aloisie (1888-1967).[40] En 1898, a súa filla Otýlie casou co seu estudante, o compositor Josef Suk. O seu fillo Otakar escribiu un libro sobre el.[40]

 
Josefína Čermáková (de pé) e Anna Čermáková (sentada), cuñada e esposa de Antonín Dvořák.

Ao deixar a Orquestra Nacional do Teatro despois do seu matrimonio, Dvořák conseguiu o posto de organista na igrexa de St. Vojtěch de Praga,[19] tamén chamada San Adalberto, baixo a dirección de Josef Foerster, o seu antigo profesor na Escola de Órgano, cargo que ocupou ata 1877. No posto cobraba «unha miseria», pero era «unha suma benvida para a nova parella».[41] A pesar destas circunstancias, Dvořák aínda seas arranxou para compoñer unha gran cantidade de música nesta época.

En novembro de 1872, representouse en Praga o seu Quinteto para piano en la maior, op. 5, por un «espléndido equipo de intérpretes» organizado por Procházka. Foi a súa primeira peza tocada nun concerto.[42] En marzo de 1873, o seu cantata patriótica checa Dědicové bilé hory (Os herdeiros da montaña branca)[b] foi interpretada pola Sociedade Coral de Praga Hlahol de 300 cantantes (dirixida polo seu amigo e partidario Karel Bendl) cunha cálida resposta tanto do público como dos críticos, converténdoo nun «éxito rotundo».[43] As composicións de Dvořák empezaron a ser recoñecidas en Praga.

Con todo, cando Dvořák cumpriu 33 anos en 1874 permanecía case descoñecido como compositor fose da área de Praga. Ese ano, solicitou e gañou o Premio do Estado de Austria (Stipendium) de composición, dunha contía de 400 floríns,[1] outorgado en febreiro de 1875 por un xurado formado polo crítico Eduard Hanslick, Johann von Herbeck, director da Ópera Estatal, e Johannes Brahms.[44] Parece que este último uniuse recentemente ao xurado, xa que non estivo nel durante o ano 1874, segundo Hanslick.[45][c] Con todo, Brahms tivo tempo e oportunidade de apreciar a presentación de Dvořák de 1874. Botstein[46] afirma que o propósito do xurado era «outorgar apoio financeiro a talentosos compositores necesitados» no Imperio Austrohúngaro. O xurado recibiu unha «presentación masiva» de Dvořák: «quince obras, incluídas dúas sinfonías, varias aberturas e un ciclo de cancións». Brahms estivo «visiblemente superado» pola «mestría e talento» de Dvořák. As dúas sinfonías eran a Terceira e a Cuarta,[47] ambas as dúas estreadas en Praga na primavera de 1874.

Clapham[48] achega o informe oficial para o premio de 1874, que di que Dvořák era un profesor de música relativamente empobrecido que «presentou quince composicións, entre elas sinfonías, que mostran un talento indubidable ... O solicitante ... merece unha subvención para facilitar as súas estreitas circunstancias e liberalo da ansiedade no seu traballo creativo». Di que aínda non tivera un piano. Antes de casar, aloxouse con outros cinco homes, un dos cales tiña un pequeno piano de «espineta».[27]

En 1875, ano en que naceu o seu primeiro fillo, compuxo o seu Segundo quinteto de cordas, a súa Quinta Sinfonía, o Trío para piano n.º 1 e Serenata para cordas en mi. Volveu participar, pero esta vez non gañou, no Premio Estatal de Austria. Gañouno en 1876 e finalmente sentiuse libre de renunciar ao seu posto de organista.[49] En 1877 escribiu as Variacións sinfónicas e Ludevít Procházka dirixiu a súa estrea en Praga.

Reputación internacional editar

 
Estatua en Stuyvesant Square, preto da que foi a súa residencia en Nova York.
 
Estatua de Dvořák en Praga

Dvořák volveu participar no concurso do Premio Austríaco en 1877, onde presentou os seus Duetos moravos e outras obras, posiblemente a súa Concerto para piano.[50] Non se decatou do resultado ata decembro. A continuación, recibiu unha carta persoal de Eduard Hanslick, que tamén formara parte dos xurados que outorgaron os premios. A carta non só notificaba a Dvořák que volvera a gañar o premio, senón que lle informaba por primeira vez que Brahms e Hanslick formaran parte do xurado. A carta transmitía unha oferta de axuda amigable dos dous para dar a coñecer a súa música fora da súa Chequia natal.[50] No mes de decembro de 1877, escribiu o seu Cuarteto de corda n.º 9 en re menor e dedicoullo a Brahms.[d] Tanto Brahms como Hanslick quedaron moi impresionados polos Duetos moravos e Brahms recomendounos ao seu editor, Fritz Simrock, quen os publicou con éxito. Tendo en conta as ben recibidas Danzas húngaras de Brahms, Simrock encargou a Dvořák que escribise algo da mesma natureza. Este presentou as súas Danzas eslavas, op. 46 en 1878, ao principio para piano a catro mans, pero cando o solicitou Simrock, tamén a presentou en versión orquestral. Estas foron un grande éxito inmediato. O 15 de decembro de 1878, o principal crítico musical, Louis Ehlert, publicou unha recensión dos Duetos moravos e Danzas eslavas no Nationalzeitung de Berlín, afirmando que as Danzas eslavas farían o seu camiño «ao redor do mundo» e «unha naturalidade celestial flúe a través desta música».[52] «Houbo unha carreira nas tendas de música alemás para os bailes e dúos deste ata o de agora ... compositor descoñecido». As danzas tocáronse en 1879 en concertos en Francia, Inglaterra e nos Estados Unidos. Máis tarde, Simrock solicitou máis Danzas eslavas, que Dvořák proporcionou na súa op. 72 de 1886.

En 1879 escribiu o seu Sexteto de cordas. Simrock mostrou a partitura ao destacado violinista Joseph Joachim, quen xunto a outros a estreou en novembro dese ano. Joachim converteuse nun «destacado defensor» da música de cámara de Dvořák.[53] Ese mesmo ano, tamén escribiu o seu Concerto para violín. En decembro dedicoulle a peza a Joachim e envioulle a partitura.[54] A primavera seguinte, os dous discutiron a partitura e Dvořák revisouna cumpridamente, pero Joachim aínda non se sentía cómodo con ela. O concerto estreouno en Praga en outubro de 1883 o violinista František Ondříček, quen tamén a interpretou en Viena xunto co director Hans Richter en decembro dese mesmo ano.[54][55] Despois, Joachim programou a interpretación do concerto dúas veces máis, pero en ambas as ocasións non se chegou a un acordo[56] e nunca o tocou.

Hans Richter pediu a Dvořák que compuxese a súa Sinfonía nº 6 para a Orquestra Filharmónica de Viena, coa intención de estreala en decembro de 1880. Con todo, Dvořák descubriu máis tarde que, a pesar desta intención, os membros da orquestra opoñíanse a interpretar obras do compositor en dúas tempadas consecutivas, debido ao "sentimento anticheco".[57] Por iso, Adolf Čech dirixiu a estrea da sinfonía nun concerto da sociedade Philharmonia (en checo: spolek Filharmonie,[58] predecesora da Orquestra Filharmónica Checa) o 25 de marzo de 1881, en Praga.[59] Richter chegou a dirixir a peza en Londres en 1882 e sempre mantivo o seu interese polas composicións de Dvořák.[60]

Viaxes a Inglaterra editar

 
Dvořák coa súa esposa Anna en Londres en 1886.

Dvořák chegou a realizar polo menos nove viaxes a Inglaterra, catro dos cales os levou a cabo entre 1884 e 1886, onde dirixiu as súas propias obras.[e] Xa era coñecido en Londres pola interpretación de obras súas, como as Danzas eslavas (dirixidas por August Manns en 1879 e 1880), Rapsodias eslavas (baixo a dirección de Manns, Richter e Achei en 1880 e 1881), o Sexteto de cordas (a cargo de Joachim en 1880) e a Sexta Sinfonía (dirixida por Manns en 1882), que recibiran críticas favorables.[61] O 10 de marzo de 1883 interpretouse e tivo moi boa acollida o Stabat Mater no Royal Albert Hall de Londres, baixo a dirección de Joseph Barnby.[3] O éxito «provocou toda unha serie de actuacións en Inglaterra e Estados Unidos», un ano antes de obter o recoñecemento en Alemaña e Austria.[3] A principios de agosto de 1883, a Royal Philharmonic Society convidouno a Londres para dirixir interpretacións orquestrais das súas obras na seguinte tempada. Uns meses máis tarde, a principios de novembro de 1883, a editorial londiniense de música Novello pediulle que dirixise unha interpretación da súa Stabat Mater durante a súa visita e que compuxese unha obra para solistas, coro e orquestra para o Festival de Birmingham de 1885 e a dirixise el mesmo.[61] O 5 de marzo de 1884 Dvořák viaxou por primeira vez a Inglaterra e o 13 de marzo dirixiu o Stabat Mater no Royal Albert Hall. Unha semana despois dirixiu a súa Abertura Husita, a Sexta Sinfonía e a Rapsodia eslava n.° 2 en St. James's Hall, e o 22 de marzo, en The Crystal Palace, dirixiu o Scherzo capriccioso e o Nocturno en si maior (B.47). O mundo musical londiniense considerou a súa visita como un «evento de importancia de "letra vermella"», e festexárono como o «heroe musical do momento». A Royal Philharmonic Society nomeouno membro de honra. Prometeulle unha nova sinfonía e esperábase que escribise obras corais tanto para o próximo Festival de Birmingham como para o Festival de Leeds de 1886.[61] Antes de volver ao seu país, o propietario da editorial Novello entregoulle un substancioso adianto económico para que compuxese unha cantata.[62] Así, ao regreso desta primeira viaxe a Inglaterra, atopouse en condicións de facer realidade un dos soños da súa vida: adquirir unha residencia de verán para poder retirarse e dedicarse ao illamento e a concentración. Comprou unha residencia campesiña en Vysoká u Příbramě, onde se retiraba sempre que podía e onde compuxo moitas das súas futuras obras.[63]

A segunda viaxe a Inglaterra tivo lugar en novembro dese mesmo ano. Dvořák volveu dirixir o Stabat Mater, esta vez no festival de Worcester. Ao regreso desta viaxe compuxo unha cantata que tiña por título A noiva do espectro; o texto foi traducido ao inglés e a partitura publicouna a casa Novello. A obra estreouse en Plzeň, (Bohemia), o marzo de 1885. A Royal Philharmonic Society encargoulle que dirixise concertos en Londres e as súas actuacións foron ben recibidas alí.[64] En resposta ao encargo, Dvořák escribiu a súa Sétima Sinfonía en re menor, op. 70. Realizou a súa estrea en St. James's Hall o 22 de abril de 1885, durante a súa terceira viaxe ao país.[65] Escribiuna entre decembro de 1884 e marzo de 1885. Caracterízase pola súa «expresión dramática e a súa atmosfera sombría de grave incerteza e obstinado desafío, e distínguese pola ausencia de calquera melodía de inspiración eslava». Dvořák escribiu: «Dondequiera que vou non penso máis que nesta obra, que ten que conmover no mundo, e coa axuda de Dios lograreino!». Atribúese como razón da dor de Dvořák á morte da súa nai, aínda que parece pouco probable, xa que faleceu dous anos antes de que comezase a escribir a obra.[66] A obra foi recibida con gran entusiasmo e os críticos comparárona coas sinfonías de Ludwig van Beethoven e de Franz Schubert.[f][66]

Nunha visita posterior en 1885, presentou a súa cantata A noiva do espectro, nun concerto o 27 de agosto. Chegara unha semana antes para dirixir os ensaios do coro de 500 voces e orquestra de 150 intérpretes. A actuación foi «o triunfo máis grande que calquera» que Dvořák «tivese na súa vida ata ese momento ... despois deste fenomenal éxito, as sociedades corais dos países de fala inglesa apresuráronse a preparar e presentar a nova obra».[68] En 1887, Richter dirixiu as Variacións sinfónicas en Londres e Viena con grande éxito (foran escritas dez anos antes e Dvořák deixara que languidecieran despois da falta de interese inicial dos seus editores). Richter escribiu a Dvořák sobre a actuación en Londres, «nos centos de concertos que realicei durante a miña vida, ningunha obra nova tivo tanto éxito como a súa».[69]

Más viaxes a Inglaterra, Alemaña e Rusia editar

 
Dvořák recibiu un doutoramento honoris causa en Cambridge en 1891.

En agosto de 1886 viaxou coa súa esposa Anna a Londres, que estivo dedicado á presentación de A noiva do espectro, no Festival de Birmingham. Despois de todos aqueles éxitos, que ían aumentando de día en día, Dvořák logrou unha notable independencia económica, a cal lle permitiu unha maior liberdade nas súas opcións artísticas.[70] Así naceu o propósito dun oratorio nacional, Santa Ludmila, acabado en maio de 1886.[70] Este oratorio estreouse en Leeds en outubro do mesmo ano, con ocasión da quinta viaxe do compositor ás illas británicas. Foi recibido co mesmo entusiasmo que sempre, de forma que puido escribir o seguinte: «Atópome nun estado de gran excitación, entre outras cousas pola notable interpretación da orquestra (cento vinte instrumentistas), do coro (trescentos cincuenta cantantes) e dos solistas, todos de primeira calidade, pero de maneira especial polas ovacións clamorosas do público. Non comprobara en toda a miña vida o entusiasmo, o característico entusiasmo inglés!».[71]

A pesar do novo éxito de Dvořák, unha actuación en febreiro de 1888 do Stabat Mater en Viena foi vítima dun cada vez maior sentimento anticheco e do que o compositor denominou «crítica destrutiva». Agradeceu de todo corazón a Richter pola súa «coraxe e a súa devota simpatía»[72]

Tamén comeza a recibir recoñecementos, como o nomeamento de doutor Honoris Causa da Universidade de Cambridge en 1891, nunha das súas numerosas visitas a Inglaterra. Pouco despois tamén recibiría a mesma honra das universidades de Viena e Praga.

En 1892 trasladouse a Nova York ao aceptar a invitación para dirixir o Conservatorio Municipal. Nos Estados Unidos compuxo algunha das súas obras máis coñecidas: a Sinfonía do novo mundo (1893), o Cuarteto en Fa maior (1893), os Cantos bíblicos (1894) e o Concerto para violoncello e orquestra (1895).

Co tempo volveu a Praga, onde ocupou o posto que xa alcanzara en 1891, de profesor do Conservatorio da cidade. Sen moito éxito tentou, segundo o exemplo de Bedřich Smetana, compoñer para o teatro nacional, destacando neste campo Russalka (1900). Morreu catro anos despois da composición de tal obra, sendo considerado no momento da súa morte como un dos principais músicos do seu momento e en especial do seu país.

Obra editar

A obra musical de Dvořák é moi variada, dende a ópera ata a música de cámara, así como a música sinfónica.

A miúdo a edición das obras por Simrock leva a confusións sobre a súa orde cronolóxica, a miúdo as casas editoras pretendían dar aos músicos noveis a imaxe de artistas consolidados, polo que daban ás súas obras un número de opus superior á que lles correspondería realmente. Pola súa parte, o propio Dvořák tamén xogou un papel nisto, ó dar un número de opus máis baixo a algunha das súas composicións para poder vendelas a outras editoriais, eludindo as súas obrigas contractuais. Nalgúns casos, unha mesma obra chegou a ter tres números de opus diferentes.

A maiores, tamén existen problemas sobre a orde das sinfonías de Dvořák, xa que nun principio foron enumeradas por orde de publicación, non de composición. Por exemplo, a Sinfonía do Novo Mundo foi coñecida durante un tempo como Quinta e posteriormente coma Oitava para rematar sendo numerada como Novena nos anos 50 do século pasado.

Obras varias editar

  • Serenata para corda, op. 22 (1875).
  • Concerto para piano e orquestra (1876).
  • Stabat Mater, op. 58 (1877).
  • Danzas eslavas, op. 46 & 72 (1878)-1886).
  • Concerto para violín e orquestra (1879).
  • Cancións Xitanas, op. 55 (1880).
  • Obertura Entroido, op. 92 (1891).
  • Cuarteto de corda nº 12, "Americano" (1893).
  • Humoresque nº 7, op. 101 (1894).
  • Concerto para violoncello (1895).

Sinfonías editar

Óperas editar

Estudantes de Dvořák editar

Cronoloxía editar

  • 1841 - Nace en Nelahozeves, Bohemia, o 8 de setembro.
  • 1849 - Ocupa un posto na orquestra do seu pobo.
  • 1857 - Matricúlase na Escola de Órgano de Praga.
  • 1862 - É membro da Orquestra Nacional de Ópera.
  • 1866 - Unha obra de Smetana esperta o seu interese polo nacionalismo musical checo.
  • 1873 - Primeiro grande éxito coma compositor.
  • 1876 - Morren os seus tres fillos.
  • 1878 - Comeza a súa amizade con Johannes Brahms
  • 1884 - Comeza a gozar de gran prestixio internacional.
  • 1891 - Profesor de composición no Conservatorio de Praga. Doutor Honoris Causa pola Universidade de Cambridge.
  • 1892 - É nomeado Director do Conservatorio de Nova York.
  • 1893 - Estrea, no Carnegie Hall de Nova York, a Sinfonía do Novo Mundo.
  • 1895 - Volve ao seu país.
  • 1901 - Director do conservatorio de Praga.
  • 1904 - Morre en Praga o 1 de maio.

Legado editar

Dende 2008, a Academia de Música Clásica da República Checa organiza o Festival Internacional de Música de Dvořák de Praga, unha importante serie de concertos que se celebra anualmente para homenaxear a vida e obra do compositor. Inaugura a tempada de concertos en outono e se desenvolve durante dúas semanas.[73]

A casa de Dvořák en Nova York estaba localizada en 327 East 17th Street, preto da intersección do que hoxe se chama Perlman Place. Foi nesta casa onde compuxo tanto o Concierto para violonchelo en si menor como a Sinfonía do Novo Mundo. A pesar das protestas do presidente checo Václav Havel, entre outros, que querían que a casa se conservara como un sitio histórico, foi demolida en 1991 para facer espazo para unha residencia do Centro Médico Beth Israel para persoas con sida.[74][75][76] En 2017, esta residencia converteuse nun refuxio para persoas sen fogar.[77][78] Con todo, para honrar a Dvořák, se erixiuse unha estatua súa na próxima Stuyvesant Square.[79]

Na cultura popular editar

O filme de 1980 Koncert na konci léta (traducible ao galego Concerto ao final do verán) baséase na vida de Dvořák. O papel protagonista foi interpretado por Josef Vinklář.[80] O filme de televisión de 2012 Americké dopisy (traducible ao galego Cartas americanas) céntrase na vida amorosa de Dvořák, que é interpretado por Hynek Čermák.[81] Ian Krykorka escribiu varios libros para nenos baseados nalgunhas das óperas de Dvořák. Josef Škvorecký escribiu Dvorak in Love sobre a súa vida nos Estados Unidos como director do Conservatorio Nacional de Música. Ademais, tense empregado a súa música en máis de 300 filmes e programas de televisión.

Neil Armstrong levou unha gravación da Sinfonía do Novo Mundo durante a misión do Apolo 11, a primeira misión que pisuo a Lúa, en 1969,[82] e en 2009 foi votada como a sinfonía favorita nunha enquisa realizada por ABC Classic FM en Australia.[83]

O asteroide (2055) Dvořák, descuberto por Luboš Kohoutek,[84] e o cráter de impacto Dvorák no planeta Mercurio reciben o seu nome no seu honor.[85]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. O fillo de Joseph Foerster, Josef Bohuslav Foerster, converteuse nun compositor máis coñecido.[15][16][17]
  2. Esta peza, ás veces chamada Himno Patriótico, é B.27 no catálogo de Burghauser (1960). Dvořâk non lle asignou número de opus.
  3. Hanslick tiña coñecemento de primeira man, como membro continuo do xurado (polo menos desde 1874 ata 1877).
  4. El cuarteto fue numerado como op. 34, B.75 y lo revisó en 1879.[51]
  5. A súa primeira visita a Londres o 5 de marzo de 1884. Posteriormente, en novembro de 1884 viaxou a Londres e a Worcester (onde realizou unha representación do Stabat Mater); en abril de 1885 visitou Londres para a estrea da Sétima Sinfonía; en agosto de 1885 deu concertos en Londres e en Birmingham, onde dirixiu a estrea británica da cantata A noiva do espectro; en outubro de 1886 visitou Londres, Birmingham e Leeds, onde estreou o oratorio Santa Ludmila; en abril de 1890 foi a Londres para representar a Oitava Sinfonía; en xullo de 1891 visitou Londres e Cambridge, onde recibiu un doutoramento honoris causa, e en outubro do mesmo ano foi a Birmingham para a estrea do Réquiem. A súa última visita, en marzo de 1896, foi a Londres para a estrea do Concerto para violonchelo.[61]
  6. Donald Tovey afirmou que «xunto coas catro sinfonías de Brahms e a Novena de Schubert, atópase entre os exemplos máis grandes e puros desta forma de arte desde Beethoven».[67]
Referencias
  1. 1,0 1,1 Latham 2014, p. 498.
  2. Clapham 1980, p. 765.
  3. 3,0 3,1 3,2 Clapham 1979b, p. 60.
  4. 4,0 4,1 Burghauser 1960.
  5. Clapham 1979a, p. 295; tamén achega unha árbore xenealóxica parcial de ascendentes e descendentes.
  6. Hughes 1967, pp. 22-23.
  7. Clapham 1979a, p. 3.
  8. Hughes 1967, p. 24.
  9. Clapham 1979a, p. 23.
  10. Burghauser 1960, p. 466.
  11. Burghauser 1960, pp. 49-50.
  12. Clapham 1979b, p. 12.
  13. Burghauser 1960, p. 468.
  14. Honolka 2004, pp. 14-16.
  15. "Josef Bohuslav Förster". Enciclopaedia Britannica (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2022. 
  16. "Josef Bohuslav Foerster" (en inglés). 
  17. Smaczny, Jan (2002a). "Foerster, Josef Bohuslav". En Alison Latham. Oxford Companion to Music (en inglés). Oxford University Press. pp. 468-469. 
  18. Schönzeler 1984, pp. 36-38.
  19. 19,0 19,1 Smaczny 2002, p. 391.
  20. 20,0 20,1 Schönzeler 1984, p. 39.
  21. Clapham 1979b, p. 20.
  22. Clapham 1979a, p. 5.
  23. Clapham 1979b, pp. 21-22.
  24. Clapham 1979b, p. 17.
  25. Clapham 1979b, p. 21.
  26. Hughes 1967, p. 35.
  27. 27,0 27,1 27,2 Clapham 1979b, p. 23.
  28. Clapham 1979b, p. 24.
  29. 29,0 29,1 Burghauser 1960, p. 77.
  30. Burghhauser 1960.
  31. Schönzeler 1984, p. 46.
  32. Burghauser 1960, pp. 101 -104.
  33. Clapham 1979b, p. 25.
  34. Burghauser 1960, B.1 a B.26, con op. 1 asignado tanto a un cuarteto de corda B.7 como á ópera Alfred, B.16.
  35. Do conxunto «Pisne na Slova Elisky Krásnohorské», B.23 en Burghauser 1960.
  36. Burghauser 1960, pp. 106-108.
  37. "First recording of long-forgotten Dvořák opera King and Collier". Radio Prague International (en inglés). 20 de outubro de 2019. Consultado o 23 de marzo do 2023. 
  38. Clapham 1979b, p. 29.
  39. Burghauser 1960, pp. 131-133.
  40. 40,0 40,1 Dvořák, Otakar (2004). Můj otec Antonín Dvořák (Vyd. 1 ed.). Příbram: Knihovna Jana Drdy. ISBN 978-80-86240-78-7. OCLC 56724472. 
  41. Clapham 1979b, p. 30.
  42. Clapham 1979b, p. 26.
  43. Clapham 1979b, p. 27.
  44. Clapham 1979b, p. 35.
  45. Clapham 1979a, p. 36.
  46. Botstein, Leon. "Admiration and emulation: the friendship of Brahms and Dvorák" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de enero de 2014. Consultado o 2 de marzo do 2023. 
  47. Clapham 1979b, p. 36.
  48. Clapham 1979b, pp. 35-36.
  49. Clapham 1979b, p. 39.
  50. 50,0 50,1 Clapham 1979b, p. 42.
  51. Burghauser 1960, p. 179.
  52. Clapham 1979b, p. 44.
  53. Clapham 1979b, p. 46.
  54. 54,0 54,1 Clapham 1979b, p. 49.
  55. Honolka 2004, pp. 48, 134.
  56. Clapham 1979b, pp. 63, 68.
  57. Clapham 1979b, p. 53; 71 in UK.
  58. Burghauser, Jarmil; Joachimová, Zoja (translation) (2003). Dvořák: Symphonies 4–5–6 (sleevenote) (CD) (en checo). Václav Neumann, Czech Philharmonic Orchestra. Prague: Supraphon. p. 5. SU 3704-2 032. 
  59. Layton 1978, pp. 30–31.
  60. Brown 2003a, p. 373.
  61. 61,0 61,1 61,2 61,3 Döge, Klaus (2001). "Dvořák, Antonín (Leopold)". Grove Music Online. doi:10.1093/gmo/9781561592630.article.51222. 
  62. Clapham 1979b, p. 63.
  63. Clapham 1979b, p. 75.
  64. Steinberg 1995, p. 140.
  65. Steinberg 1995, pp. 140-141.
  66. 66,0 66,1 "Symphony No. 7" (en inglés y checo). Consultado o 1 de novembro do2023. 
  67. Tovey, Donald F. (1936). Essays in Musical Analysis 2. Londres: Oxford University Press.  Citado en Steinberg 1995, p. 134.
  68. Clapham 1979b, p. 77.
  69. Clapham 1979b, p. 85.
  70. 70,0 70,1 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Grove
  71. "Dvorak in Leeds". Leeds Festival Chorus (en inglés). Consultado o 29 de febreiro do 2024. 
  72. Clapham 1979b, p. 89.
  73. "Dvořák Prague International Music Festival". dvorakovapraha.cz (en inglés e checo). Consultado o 1 de xullo de 2022. 
  74. Horowitz, Joseph (10 de febreiro de 2002). "Music; Czech Composer, American Hero". The New York Times (en inglés). In 1991, the New York City Council was petitioned by Beth Israel Hospital to permit the demolition of a small row house at 327 East 17th Street, once the home of Antonín Dvořák. 
  75. "Dvorak's Homecoming, With Music". The New York Times (en inglés). 7 de setembro de 1997. 
  76. "Topics of the Times, The New World at City Hall". The New York Times (en inglés). 23 de xuño de 1991. 
  77. "BRC Homeless Safe Haven" (en inglés). BRC Website. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2020. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  78. McCarthy, Clara (30 de xuño de 2017). "Homeless Facility To Open In Gramercy" (en inglés). Patch. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  79. Naureckas, Jim (13 de xuño de 2006). "New York Songlines". Seventeenth Street (en inglés). Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  80. "Koncert na konci léta (1979)" (en inglés). Czech and Slovak Film Database. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  81. "Americké dopisy (TV film) (2015)" (en inglés). Czech and Slovak Film Database. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  82. Smithee, Alan (22 de marzo de 2006). "Dvorak Symphony no 9: From the New World" (en inglés). Crowndozen.com. Arquivado dende o orixinal o 4 de decembreo de 2007. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  83. "Search – Classic 100 Archive – ABC Classic FM" (en inglés). Australian Broadcasting Corporation. 11 de noviembre de 2017. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  84. "(2055) Dvořák". (2055) Dvořák In: Dictionary of Minor Planet Names (en inglés). Springer. 2003. p. 166. ISBN 978-3-540-29925-7. doi:10.1007/978-3-540-29925-7_2056. 
  85. "Dvorák". Gazetteer of Planetary Nomenclature (en inglés). United States Geological Survey. 11 de outubro de 2016. Consultado o 11 de marzo de 2022. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar