Anos das Árbores

A Historia de Arda
Anos Valianos

Anos das Lámpadas
Anos das Árbores
Anos do Sol

Idades dos Fillos de Ilúvatar
Batalla Final

No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Anos das Árbores son o segundo dos tres grandes períodos de Arda, o mundo no que se desenvolven a maioría dos acontecementos narrados na súa mitoloxía. Suceden aos Anos das Lámpadas e anteceden aos Anos do Sol, e comprenden varias idades, incluído o comezo da Primeira Idade.

Historia editar

Pouco despois da destrución das Dúas Lámpadas e do reino de Almaren, os Valar abandonaron a Terra Media e trasladáronse ao continente de Aman, onde fundaron o seu Segundo Reino, Valinor. Yavanna creou as alí as Dúas Árbores, chamadas Telperion (a árbore de prata) e Laurelin (a árbore de ouro), que iluminaban Aman, deixando a Terra Media na escuridade.

Os Anos das Árbores divídense en dúas épocas en Valinor. As primeiras dez idades, coñecidas como os Anos da Dita, estiveron caracterizadas pola paz e a prosperidade en Valinor. Nesta época foron concibidos os Ents, as Aguias e os Ananos, por parte de Yavanna, Manwë e Aulë respectivamente, aínda que foron sumidos nun letargo até o Espertar dos Elfos.

As dez idades seguintes, coñecidas como o Cénit do Reino Abeizoado, viron como Varda reavivou as estrelas sobre a Terra Media. Esta foi a primeira vez desde os Anos das Lámpadas en que a Terra Media recibiu luz. Nesta época os primeiros Elfos espertaron en Cuiviénen, cara ao nordés da Terra Media, o cal marcou o comezo da Primeira Idade dos Fillos de Ilúvatar. O Inimigo, Melkor, non tardou en pórse en contacto con eles, coa esperanza de escravizalos; ao descubríreno, os Valar e mais os Maiar entraron na Terra Media, derrotaron a Melkor na Guerra dos Poderes e levárono cativo para Valinor. Nese momento comezou o período da Paz de Arda.

Após a Guerra dos Poderes, o Vala Oromë convocou aos Elfos a Aman, e moitos deles accederon a acompañar a Oromë na Grande Viaxe cara ao Oeste. Polo camiño quedaron varios grupos dos Elfos, entre os que salientan os Nandor e os Sindar. Os tres clans que chegaron até Aman foron os Vanyar, os Noldor e os Teleri, que estabeleceron o seu lar en Eldamar.

Cando Melkor foi liberado, logo de pasar tres idades de servidume e dar mostras de arrepentimento, sementou unha profunda discordia entre os Elfos, e incitou a rivalidade entre dous dos fillos do Rei Noldorin Finwë: Fëanor e Fingolfin. Coa axuda de Ungoliant, asasinou a Finwë e roubou da súa cámara de ferro os Silmarils, tres xoias creadas por Fëanor que contiñan a luz das Dúas Árbores dos Valar, que tamén destruíu.

Resentido pola inactividade dos Valar, Fëanor e a súa estirpe marcharon en persecución de Melkor, ao que maldiciron co nome de "Morgoth". A eles seguiu unha hoste aínda maior liderada por Fingolfin. Os Noldor chegaron a Alqualondë, a cidade portuaria dos Teleri, que lles prohibiron coller os seus barcos para navegar até a Terra Media. O resultado foi a Matanza de Aqualondë, o primeiro masacre fratricida entre Elfos, que desembocou na maldición imposta sobre os Noldor para sempre.

A hoste de Fëanor partiu nos barcos, deixando atrás á de Fingolfin, que chegou á Terra Media atravesando o estreito xeado de Helcaraxë no extremo norte, con multitude de baixas. A seguir librouse a Guerra das Grandes Xoias, que durou até a fin da Primeira Idade.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar