Anfictionía

tipo de confederación da Grecia antiga anterior ás polis

A Anfictionía (do grego αμφικτιονία, á súa vez derivado de αμφί (ambos) + κτίζω (construír), polo que etimoloxicamente significa fundación conxunta) era unha liga relixiosa que agrupaba doce vilas (non cidades), case todos da Grecia central. Tiña as súas reunións no santuario de Deméter en Antela, preto das Termópilas. Como o oráculo de Delfos tiña xa un renome maior que o de Deméter, trasladaron alí a sede desta confederación, sen por iso abandonar o outro santuario. Reuníanse dúas veces ao ano, alternando Delfos con Antela. Cando se fundou tiña un carácter puramente relixioso, pero aos poucos foi cambiando para terminar sendo verdadeiramente política, con grandes influencias en decisións desta índole.

Tiña un Consello composto polos hieromnémones, homes designados por cada comunidade. As doce vilas designaban aos vinte e catro membros deste consello (dous delfios, dous tesalios, dous focios, dous dorios -un de Esparta e outro de Dórida-, dous xonios, dous beocios, dous locrios, dous aqueos de Ftiótida, dous magnesios, dous enianos e mais dous malienos).

Era moi importante o feito de conservar a hexemonía na administración do templo de Apolo en Delfos e por iso a liga loitou en tres das guerras sagradas que tiveron lugar e que en certo modo foron desencadeadas polos membros da Anfictionía. Durante a cuarta guerra (do -339 ao -338) Filipo II de Macedonia aproveitou a súa posición na Liga e acabou dominando as cuestións políticas e militares nas vilas gregas.

A Liga loitou en tres Guerras Sagradas desencadeadas por ela para dominar o templo de Apolo en Delfos: a primeira (-595 - -585) foi contra a cidade de Crisa, na Focea. Durante a terceira e a cuarta Guerras Sagradas (-355 - -346 e -339 - -338), o rei Filipo II de Macedonia usou a súa posición na Liga para dominar os asuntos de Grecia.

Bibliografía editar

  • Atlas histórico de la Grecia clásica. Pierre Cabanes. Editorial Acento, Madrid 2002. ISBN 84-483-0719-4.
  • Lefèvre, F., L'amphictionie Pyléo-Delphique: histoire et institutions, BEFAR 298, París 1998.