Andy Warhol

pintor, director cinematográfico e publicista americano

Andy Warhol, nado o 6 de agosto de 1928 en Pittsburgh (Pensilvania) e finado o 22 de febreiro de 1987 en Nova York, foi un pintor, director cinematográfico e publicista americano, ademais de ser unha das principais figuras do movemento coñecido como arte pop. Logo dunha exitosa carreira como ilustrador comercial, Warhol fíxose famoso en todo o mundo polos seus traballos como pintor, cineasta, produtor musical, escritor e escultor. Foi unha importante figura pública coñecida pola súa pertenza a círculos sociais moi diversos que incluían desde persoas bohemias que vivían na rúa ata distinguidos intelectuais, celebridades de Hollywood, xente adiñeirada e aristócratas.

Andy Warhol
Warhol en 1977
NomeAndrew Warhola
Nacemento6 de agosto de 1928
 Pittsburgh
Falecemento22 de febreiro de 1987
 Nova York
Nacionalidadeestadounidense
EidoPintura, cinema, escritura e escultura.
AdestramentoCarnegie Institute of Technology (Universidade Carnegie Mellon)
MovementoArte pop
TraballosChelsea Girls (filme de 1966)
Exploding Plastic Inevitable (evento de 1966)
Latas de sopa Campbell (pintura de 1962)
Na rede
http://www.warhol.org
IMDB: nm0912238 Allocine: 830 Rottentomatoes: celebrity/andy_warhol Allmovie: p115970 TV.com: people/andy-warhol IBDB: 21149
MySpace: buechsenoeffner Dialnet: 277042 Musicbrainz: 3c37fc8c-9c5a-4a70-8a8c-9f97a2020f1b Songkick: 110334 Discogs: 240120 WikiTree: Warhola-7 Find a Grave: 1459 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Sinatura de Warhol.

Foi pioneiro na arte xerada por ordenador, usando ordenadores Amiga que apareceron en 1985, xusto antes da súa morte en 1987. Fundou a revista Interview Magazine e foi o autor de numerosos libros, como The Philosophy of Andy Warhol e Popism: The Warhol Sixties.

Traxectoria editar

Infancia editar

Warhol naceu en Pittsburgh co nome de Andrew Warhola, e era fillo de inmigrantes eslovacos. Os seus pais eran Andrej e Julia Warhola, orixinarios dunha Miková por aquel entón pertencente ó Imperio Austrohúngaro. En 1914 Andrej Warhola emigrou ós Estados Unidos para traballar nas minas de carbón, mentres que a súa muller emigrou sete anos despois cos seus dous fillos maiores. Foi o cuarto dos fillos do matrimonio, aínda que o primeiro morrera antes de que os pais viaxasen aos Estados Unidos; os outros dous eran Paul, nado en 1923 e John, en 1925. Mentres cursaba terceiro de primaria, Andy comezou a sufrir o mal popularmente coñecido como baile de San Vito, é dicir, a corea de Sydenham. Esta enfermidade provoca unha afección do sistema nervioso que causa movementos incontrolados das extremidades e desordes na pigmentación da pel. Dende entón foi hipocondríaco e desenvolveu un gran medo a médicos e hospitais. Pasou boa parte da súa infancia deitado nunha cama, converténdose nun marxinado entre os seus compañeiros de clase e forxando unha forte fixación cara a súa nai.[1] Mentres estaba na cama debuxaba, escoitaba a radio e coleccionaba imaxes de estrelas de cinema que colocaba arredor da súa cama. Máis tarde, definiu esta etapa da súa vida como moi importante no desenvolvemento posterior da súa personalidade, as súas habilidades e os seus gustos.

Comezos da súa carreira editar

Decidiu estudar Arte comercial na Universidade Carnegie Mellon (Pittsburgh). En 1949 trasladouse a Nova York para iniciar unha carreira como ilustrador de revistas e publicista. Durante a década dos 50, gañou certa reputación grazas ás súas ilustracións para un anuncio de zapatos.

Coa difusión das novas tecnoloxías do vinilo e a alta fidelidade, as empresas discográficas atopáronse nun contexto comercial completamente novo que non tardarían en explotar. A RCA contratou a Warhol e a Sid Maurer, entre outros artistas freelance, para o departamento de deseño de portadas de discos, carteis e material promocional.[2]

Os anos 60 editar

 
A serie de Latas de sopa Campbell, tamén coñecida como 32 latas de sopa Campbell,[3] foi producida por Warhol en 1962 e é un dos seus traballos máis coñecidos.

A súa primeira exposición individual foi na galería californiana Ferusel.[4][5] Era o 9 de xullo de 1962 e marcou o debut do movemento pop art na costa oeste.[6] Catro meses máis tarde, entre o 6 e o 24 de novembro, inaugurou a súa primeira exposición en Nova York. Concretamente na galería Stable, propiedade de Eleanor Ward. Alí incluíu O díptico de Marilyn, 100 latas de sopa, 100 botellas de cola e 100 billetes de dólar e ademais coñeceu a John Giorno, con quen despois coincidiría no primeiro de Warhol: Sleep (1963).

Nesa época empezou a pintar os seus famosos debuxos da sopa Campbell e das botellas de Coca-Cola, ós que consideraba tan iconas estadounidenses como Marilyn Monroe, Troy Donahue ou Elizabeth Taylor. Tamén fundou o seu estudio The Factory, por onde pasaron artistas, escritores, modelos, músicos e celebrities underground do momento. O taller, decorado con follas de papel de aluminio cor prata, estaba inicialmente na rúa 47. Despois, mudaríase a Broadway. A súa obra comezou a ser moi coñecida e desatou certas polémicas sobre o papel do artista e a finalidade da arte.

Desenvolveu unhas imaxes persoais a partir de obxectos completamente impersoais, como billetes de dólar ou novos produtos de moda. Utilizaba imaxes propias dos xornais, os carteis e a televisión para definir un olimpo particular, composto de símbolos da cultura estadounidense: a cadeira eléctrica, as fotografías de cargas policiais contra manifestantes polos dereitos civís ou os retratos de celebridades da época.[7] A botella de Coca-Cola converteuse, para el, nun tema pictórico. Sobre isto declarou:

O que é xenial deste país é que os Estados Unidos iniciaron unha tradición na que os consumidores máis ricos compran esencialmente as mesmas cosas que os máis pobres. Podes estar vendo a tele, ver un anuncio de Coca-Cola e sabes que o Presidente bebe Coca-Cola, Liz Taylor bebe Coca-Cola e pensas que ti tamén podes beber Coca-Cola. Unha cola é unha cola, e ningún diñeiro do mundo pode facer que encontres unha cola mellor que a que está a beber o mendigo da esquina. Tódalas colas son a mesma e tódalas colas son boas. Liz Taylor sábeo, o Presidente sábeo, o mendigo sábeo, e ti sábelo.
Andy Warhol

[8]

O MOMA organizou un simposio sobre arte pop en decembro de 1962 e algúns artistas, entre eles Warhol, foron atacados por «renderse» ó consumismo. Para as sofisticadas elites que ditaban a crítica de arte, o entusiasmo que Warhol sentía pola cultura do consumismo resultaba vergoñento e inadmisible. Este simposio definiu o ton en que se ía recibir a obra de Warhol, aínda que ó longo dos anos 60 ía facerse cada vez máis evidente que se deran profundos cambios na cultura e no mundo da arte. Tamén, que Warhol xogou un papel esencial nese cambio.

 
Marilyn Monroe foi inmortalizada nunha das obras máis coñecidas de Andy Warhol.

Un evento crucial foi a exhibición The American supermarket, unha mostra celebrada en 1964 na galería Paul Bianchinni, no Upper East Side de Manhattan. A exposición estaba organizada como o típico pequeno supermercado estadounidense, aínda que os produtos exhibidos (conservas, carne ou pósters) eran obra de prominentes artistas do pop: Mary Inman, Robert Watts ou o controvertido Billy Apple. A contribución de Andy Warhol foi unha pintura dunha lata de sopa Campbell, valorada en 1.500 dólares. O curioso é que a lata tan só custaba 6 dólares. A exposición foi un dos primeiros actos públicos nos que se confrontou ó público coa arte pop e a cuestión proposta polas vangardas clásicas sobre que podía ser arte.

Como xa fixera na súa etapa de ilustrador comercial nos 50, Warhol recorreu a asistentes para aumentar a produtividade do seu taller artístico. Esta colaboración tamén supuxo encarnizadas polémicas sobre os seus métodos de traballo e o seu valor como arte, especialmente durante os anos 60. Un dos colaboradores máis importantes cos que contou nesta época foi Gerard Malanga, que o axudou na produción de serigrafías, filmes, esculturas e outras obras producidas en The Factory. Outros colaboradores esporádicos foron Freddie Herko, Ondine, Ronal Travel, Mary Woronov, Billy Name e Brigid Berlin (que foi quen, ó parecer, lle deu a idea de gravar as súas conversas telefónicas).

Durante os anos 60 tamén reuniu a unha comitiva de excéntricos e bohemios, a quen el designaba como as superstars, e que incluía a Edie Sedgwick, Viva e a célebre Ultra Violet. Todos eles adoitaban actuar nos filmes de Warhol e algúns, como Berlin, mantiveron unha estreita amizade co artista ata a súa morte. A súa relación con artistas como a cantante Frangeline, o escritor John Giorno ou o cineasta Jack Smith (que tamén figurou nalgunhas curtas de Warhol) revelaba a súa estreita relación con distintas clases de produción artística. Cara ao final desa década, o mesmo Warhol convertérase nunha celebridade e aparecía frecuentemente na prensa, escoltado por algún dos seus compañeiros na Factory.

En 1965 coñeceu ó grupo de música The Velvet Underground, liderado por Lou Reed. Non tardou en converterse no mánager do grupo e engadir á súa amiga, a cantante alemá Nico. En 1967 saíu ó mercado o disco dos Velvet chamado The Velvet Underground and Nico: Andy Warhol, producido por este último. Ese mesmo ano, por diferenzas co resto do grupo, Nico retirouse e os servizos de Warhol xa non foron necesarios. En 1969 comezou a publicar a súa revista Interview.

Atentado editar

O 3 de xuño de 1968, Valerie Solanas disparou a Warhol e ó crítico de arte e comisario Mario Amaya na entrada do estudio de Warhol.[9]

Antes do atentado, Solanas fora un membro discreto do colectivo da Factory. Redactou o "Manifesto SCUM" ("capa de sucidade" (en inglés: scum), un alegado feminista separatista contra o patriarcado (e que, co devir dos anos, adquiriu certa sona).[10] Solanas tamén aparecía no filme de Warhol I, A Man (1968). En 1967, Valerie ofrecéralle unha obra de teatro a Warhol propoñéndolle que fose o seu produtor. Warhol aceptou e pediulle o borrador do texto. Este borrador da obra nunca regresou a Solanas. Crese que Warhol nunca tivo a intención de producir a obra nin como obra teatral nin como filme e que perdeu o manuscrito. Isto anoxou a Solanas, que pasaba por un momento de desequilibrio mental e inestabilidade emocional.[11]

Amaya sufriu só feridas menores, e foi dado de alta ese mesmo día. Porén, Warhol recibiu tres disparos (o primeiro nin lle rozou, pero os outros dous deixárono moi grave) e as secuelas deste ataque acompañaríanlle o resto da súa vida, deixando unha pegada profunda no resto da súa vida e obras.[12][13] Esa mesma tarde, Valerie entregouse á policía. Argumentou que Warhol estaba pensando roubar o seu traballo e que controlaba demasiado a súa vida. O xuíz ordenou que a trasladaran ó Hospital Psiquiátrico de Bellevue baixo observación. Declarouse culpable de intento de homicidio, asalto e tenencia ilícita de armas e recibiu unha sentenza de tres anos. Warhol rexeitou testificar na súa contra. O xuíz declarouna inhabilitada legalmente e enviouna ó Hospital Ward Island.[11] Tralo tiroteo, o acceso a Factory quedou rixidamente controlado, e en opinión de moitos, isto causou a fin da época da "Factory dos 60".[13] A nova do atentado quedou bastante desleixada nos medios debido á asasinato de Robert F. Kennedy, dous días despois.

A raíz do atentado sufrido, Warhol declarou que "antes de que me disparasen, sempre pensei que estaba un pouco máis para aló que para acó. Sempre sospeitei que estaba vendo a tele no canto de vivir a vida".[14]

Anos 70 editar

 
BMW M1 decorado por Warhol.

Comparados coa escandalosa (e exitosa) década dos 60, os 70 foron anos máis tranquilos para Warhol, que se converteu nun emprendedor. Segundo Bob Colacello, Warhol pasaba a maior parte do seu tempo rondando a novas estrelas e personaxes famosos para propoñerlles un retrato. A lista incluía a Mick Jagger, Liza Minnelli, John Lennon, Diana Ross, Brigitte Bardot e Michael Jackson. O famoso retrato do líder comunista chinés Mao Zedong é desta época (1973). Tamén fundou, co apoio de Gerard Malanga, a revista "Interview", e publicou "A filosofía de Andy Warhol" (1975), na que expoñía o seu pensamento con rotundidade e sentido do humor:"Facer cartos é arte, e o traballo é arte, e un bo negocio é a mellor arte". Warhol acostumaba frecuentar diversos clubs nocturnos de Nova York, como o Max's Kansas City, o Serendipity 3 e, máis adiante, o célebre Studio 54.[15] Normalmente comportábase como un tranquilo, tímido e meticuloso observador. O crítico de arte Robert Hughes chamouno "o lunar branco de Union Square".[16] O seu estilo inicialmente rupturista foi progresivamente asimilado polo circuíto de galerías e polos círculos adiñeirados, ós que satisfacía con retratos por encargo. Esta etapa é xulgada de xeito dispar pola crítica actual.

Nos anos 70 fai retratos dos seus amigos, clientes habituais da discoteca Studio 54, entre eles Carolina Herrera, Liza Minnelli e Elizabeth Taylor. É tamén nesta época cando é contratado por varios fabricantes de automóbiles para pintar os seus vehículos de competición dunha maneira que chamase a atención, entre eles BMW. Así, creouse o art car. Ditos vehículos participaban sobre todo nas famosas 24 horas de Le Mans. Son famosas as súas cápsulas do tempo, onde gardaba (dende o ano 1974) cousas cotiás en caixas de cartón, como expón en Philosophy of Andy Warhol, o seu primeiro libro. En 1979 exhibe, de maneira importante, no Whitney Museum de Nova York, a súa serie de retratos Portraits of the Seventies (Retratos dos setenta).

Os anos 80 editar

Warhol tivo unha segunda xuventude para a crítica -e os negocios- durante os 80, grazas á súa estreita relación con algunhas das novas figuras da arte, que eran en realidade os que conducían a tendencia do mercado naquel momento: tratábanse de personaxes como Jean-Michel Basquiat, Julian Schnabel, David Salle e outras figuras do neoexpresionismo. Warhol tamén frecuentaba a compañía de artistas do movemento de transvangarda europea, como Francesco Clemente e Enzo Cucchi. Daquela, Warhol era acusado de terse convertido nun "artista dos negocios".[17] En 1979, recibiu algunhas críticas pouco favorables sobre as súas exposicións de retratos de celebridades dos 70, críticas nas que a súa obra era definida como superficial, doada e comercial, carente de profundidade da significación do tema. Esta actitude crítica, debida en parte ás propias tendencias do mercado, fixo que a súa seguinte exposición sobre "Xenios Xudeus"[17] (1980), exposta en Nova York, tamén fose recibida con frialdade.[18]

Unha mirada máis atenta á obra de Warhol fixo que algúns críticos creran ver na "superficialidade" e "comercialidade" de Warhol "un dos reflexos máis brillantes da nosa época", sinalando que "Warhol capturou algo esencial sobre o zeitgeist da cultura americana dos anos setenta".[17] Warhol sempre apreciou o glamour de Hollywood. Nunha ocasión declarou:

"Amo Os Ánxeles. Amo Hollywood. Son tan fermosos. Todo é plástico, pero amo o plástico. Quero ser plástico."[19]

En 1981 empeza a pintar detalles de cadros de artistas renacentistas como Da Vinci, Botticelli e Uccello. En 1983 fai o retrato do cantante Miguel Bosé para a portada do disco Made In Spain, tamén utilizada para o disco Milano-Madrid deste mesmo artista. A compañía discográfica de Bosé pagou unha fortuna pola colaboración de Warhol, quen ata entón apenas coñecía ó cantante. Posteriormente mencionaríao nun libro como «fillo dun toureiro español». Warhol tamén apareceu no seu vídeo musical Ángeles Caídos. Ese ano visita Madrid, onde é recibido con entusiasmo por Almodóvar, Fabio McNamara e outras personalidades da cultura e da vida social madrileña. Malia todo, a exposición que presentou na cidade obtivo pouquísimas vendas.

Nesa época, Warhol produce abundantes retratos de celebridades e magnates, non só de amizades ou xente do seu círculo, senón tamén deseñadores, empresarios e demais xente adiñeirada, que por grandes sumas posan para Warhol. Entre eles, o modisto Valentino. Segundo el mesmo contou, nunha ocasión viaxou a Europa para tomar polaroids de empresarios alemáns, e baseándose nas fotografías elaboraba os retratos.

En 1986, pinta o que serán as súas derradeiras obras, autorretratos e retratos de Lenin e Mao Zedong.

Morte editar

Warhol morreu en Nova York ás 6:32 da mañá do 22 de febreiro de 1987. Segundo os noticiarios, estábase recuperando sen dificultades dunha operación de vesícula no New York Hospital cando finou mentres durmía debido a unha repentina arritmia pos-operatoria. Tamén se sinalou certo exceso de líquidos por intoxicación de auga.[20] Antes da súa diagnose e da operación conseguinte, Warhol intentara atrasar os recoñecementos polo seu arrepío polos hospitais e médicos.

 
Tumba de Warhol, a carón da dos seus pais, no cemiterio católico bizantino de Pensilvania (Estados Unidos).

O corpo de Warhol foi devolto polos seus irmáns a Pittsburgh para o funeral. O velorio tivo lugar no Thomas P. Kunsak Funeral Home e foi unha cerimonia corpore insepulto. O ataúde era unha peza de bronce macizo, con adornos dourados e soportes brancos. Warhol levaba posto un traxe negro de caxemira, unha gravata de estampado tamén de caxemira, unha perruca prateada e os seus característicos lentes de sol. Tiña nas mans un pequeno breviario e unha rosa vermella. O funeral celebrouse na Igrexa católica bizantina do Espírito Santo, no North Side de Pittsburgh. Peter Tray pronunciou o seu encomio. Yōko Ono tamén se presentou. O féretro quedou cuberto por rosas brancas e brotes de esparragueira. Trala liturxia, o ataúde foi levado ó cemiterio católico bizantino de San Xoán Bautista, en Bethel Park (un barrio apartado do sur de Pittsburgh). Alí, o sacerdote pronunciou unha breve oración e asperxeu con auga bendita o ataúde. Antes de proceder ó descenso do mesmo, Paige Powell deixou caer un exemplar de "Interview", unha camisola da mesma revista e unha botella do perfume Beautiful, de Estée Lauder. Warhol foi enterrado xunto ós seus pais, e unhas semanas máis tarde[21] repetiuse un oficio conmemorativo para Warhol en Manhattan.

O testamento de Warhol legaba toda a súa propiedade -agás algúns modestos detalles- a membros da súa familia, co fin de crear unha fundación dedicada ó "avance das artes visuais". Warhol tiña tantas posesións que Sotheby's necesitou nove días para poxar os seus bens tralo seu pasamento, e a suma total excedía os 20 millóns de dólares. A súa riqueza total era aínda maior, debido principalmente a investimentos realizados ó longo de toda a vida.

En 1987, de acordo coa última vontade de Warhol, constituíuse a Andy Warhol Foundation for the Visual Arts. A fundación non só serve como representante legal de Andy Warhol, senón que defende a súa misión de "espolear a innovación na expresión artística e o proceso creativo", e declárase "centrada, principalmente, en apoiar o traballo dun valor experimental ou rompedor".[22]

Notas editar

  1. Guiles, Fred Lawrence (1989). Loner at the ball: the life of Andy Warhol. Londres: Bantam Books. ISBN 0-593-01540-1. OCLC 19455278. 
  2. Oldham, Andrew; Simon Spence e Christine Ohlman (2002). 2Stoned. Londres: Secker and Warburg. p. 137. ISBN 0-436-28015-9. OCLC 50215773. 
  3. Frazier, p. 708
  4. Angell, Callie (2006). Andy Warhol screen tests: the films of Andy Warhol: catalogue raisonné. Nova York: Harry N. Abrams, Inc. p. 38. ISBN 0-8109-5539-3. OCLC 61162132. 
  5. Livingstone, Marco (1992). Pop art: an international perspective. Nova York: Rizzoli. p. 32. ISBN 0-8478-1475-0. OCLC 25649248. 
  6. Lippard, Lucy R. (1970). Pop art. Londres: Thames & Hudson. p. 158. ISBN 0-500-20052-1. OCLC 220727847. 
  7. "Todos os meus retratos teñen que ter o mesmo tamaño para que encaixen todos xuntos e formen un gran cadro chamado 'Retratos de sociedade'. É unha boa idea. Non?. Se cadra o Metropolitan Museum quererao algún día".; vid. artigo con motivo dunha exposición.[1] Arquivado 03 de abril de 2010 en Wayback Machine.
  8. Warhol, Andy (1975). The philosophy of Andy Warhol: from A to B and back again. San Diego: Harcourt Brace Jovanovich. ISBN 0-15-189050-1. OCLC 1121125. 
  9. Schaffner, Ingrid (1999). The Essential Andy Warhol. Nova York: Harry N. Abrams. p. 79. ISBN 0-8109-5806-6. 
  10. Solanas, Valerie (1967). SCUM Manifesto. Londres: Verso. ISBN 1-85984-553-3. OCLC 53932627. 
  11. 11,0 11,1 Cueva Morales. "¿Quién era Valérie Solanas?". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2012. Consultado o 27 de xullo de 2012. 
  12. Harding, James (2001). "The Simplest Surrealist Act: Valerie Solanas and the (Re)Assertion of Avantgarde Priorities". TDR/The Drama Review 45 (4): 142–162. doi:10.1162/105420401772990388. 
  13. 13,0 13,1 Warhol, Andy; Pat Hacket (1980). POPism: the Warhol '60s. Nova York: Harcourt Brace Jovanovich. pp. 287–295. ISBN 0-15-173095-4. OCLC 5673923. 
  14. Stiles, Kristine; Peter Howard Selz (1996). "Warhol in His Own Words". Theories and documents of contemporary art: a sourcebook of artists' writings. Berkeley: University of California Press. p. 345. ISBN 0-520-20251-1. OCLC 31738530. 
  15. "Andy Warhol Biography: From The Velvet Underground To Basquiat". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2009. Consultado o 6 de xaneiro de 2009. 
  16. Hughes, Robert (2006). Things I didn't know: a memoir. Nova York: Knopf. ISBN 1-4000-4444-8. OCLC 64208378. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Lando, Michal (8 de abril de 2008). "Reexamining Warhol's Jews". The Jerusalem Post. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2008. Consultado o 5 de xaneiro de 2009. 
  18. Warhol, que nunca tivera o menor interese sobre o xudaísmo ou cuestións relacionadas con el, comentó sobre estes "xenios" no seu diario:"Van vender".
  19. Bockris, Victor; Gerard Malanga (2002). Up-tight: the Velvet Underground story. Londres: Omnibus Press. p. 66. ISBN 0-7119-9170-7. OCLC 49906101. 
  20. Boorstin, Robert O. (13-04-1987). "Hospital Asserts it Gave Warhol Adequate Care". The New York Times. Consultado o 02-01-2009. 
  21. Concretamente, o 1 de abril de 1987, na Catedral St. Patrick's, de Nova York.
  22. "Introduction". The Andy Warhol Foundation for the Visual Arts. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2009. Consultado o 2 de xaneiro de 2009. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Doyle, Jennifer, Jonathan Flatley, e José Esteban Muñoz eds. (1996). Pop Out: Queer Warhol. Durham: Duke University Press.
  • James, James, "Andy Warhol: The Producer as Author", in Allegories of Cinema: American Film in the 1960s (1989), pp. 58–84. Princeton: Princeton University Press.
  • Krauss, Rosalind E. "Warhol's Abstract Spectacle". In Abstraction, Gesture, Ecriture: Paintings from the Daros Collection. Nova York: Scalo, 1999, pp. 123–33.
  • Lippard, Lucy R., Pop Art, Thames e Hudson, 1970 (1985 reprint), ISBN 0-500-20052-1
  • Scherman, Tony & Dalton, David, POP: The Genius of Andy Warhol, HarperCollins, Nova York, N.Y. 2009
  • Suarez, Juan Antonio (1996). Bike Boys, Drag Queens, & Superstars: Avant-Garde, Mass Culture, and Gay Identities in the 1960s Underground Cinema. Indianapolis: Indiana University Press.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar