Anatole Chabouillet
Pierre Marie Anatole Chabouillet, nado en París o 18 de xullo de 1814 e finado na mesma cidade o 5 de xaneiro de 1899, foi un numismático e conservador de museo francés, que ocupou a dirección do Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, en París, co cargo de conservador xefe.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Pierre Marie Anatole Chabouillet 18 de xullo de 1814. París. |
Morte | 5 de xaneiro de 1899 (84 anos). París. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Francesa. |
Actividade | |
Ocupación | Biblioteconomía, numismática. |
Empregador | Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia |
Lingua | Lingua francesa |
Premios |
Traxectoria editar
Primeiros anos e formación editar
Anatole Chabouillet naceu en París en 1814 e medrou nun ambiente erudito que o marcou ao longo de toda a súa carreira. Orfo de pai na súa infancia, o segundo marido da súa nai, Louis Atoch, era un paisaxista que traballaba no Cabinet des Estampes da Biblioteca Nacional de Francia. Pola súa banda, o tío materno de Anatole, Théophile Marion du Mersan, era un reputado numismático, conservador do Gabinete de Medallas desa mesma institución.[1]
Anatole Chabouillet estudou inicialmente no Lycée Bourbon e posteriormente no Collège de Juilly, ao norte de París, onde se graduou do ensino secundario en 1832.[1]
Carreira no Gabinete de Medallas editar
O mesmo ano en que concluíu a súa formación incorporouse á Biblioteca Nacional, onde en 1836 acadou o posto de terceiro auxiliar e, aproveitando os seus vínculos familiares, relacionouse cos intelectuais e os artistas franceses máis sobranceiros da metade do século.[1] Baixo os auspicios do seu tío Du Mersan, Chabouillet comezou a introducirse no mundo da numismática. Xa en 1833, encomendóuselle participar na redacción dun catálogo de cuños e medallas, e a partir dese momento dedicou todo o seu labor ao Gabinete de Medallas, catalogando medallas e moedas que chegaban ao Gabinete desde diversas procedencias.[2]
As súas primeiras publicacións científicas datan de 1840, cando asinou unha serie de nove artigos publicados na Revue numismatique, da Sociedade Francesa de Numismática. O ano seguinte foi o principal redactor da publicación do Gabinete Choix de médailles exécutées en Allemagne aux XVIe et XVIIe siècles, aínda que esta obra non leva o seu nome, senón o do seu director, Charles Lenormant, quen no limiar recoñece a destacada contribución de Chabouillet.[2]
A dedicación de Chabouillet aos traballos do Gabinete e as súas numerosas publicacións dos anos seguintes levárono a ser ascendido en 1848 a primeiro auxiliar, ao tempo que o seu tío, Du Mersan, pasou a ser conservador adxunto, baixo a dirección de Charles Lenormant, como conservador xefe.[3]
Ese mesmo ano participou, como soldado raso da Garda Nacional, loitando contra os insurxentes na Revolución Francesa de 1848, onde resultou ferido nunha tempa; por estes feitos foi condecorado como Oficial da Lexión de Honra.[4][5]
O ano seguinte, en 1849, Chabouillet foi nomeado conservador adxunto do Gabinete de Medallas, cargo que ocupou ata 1859. Durante este período escribiu unha serie de artigos na Revue numismatique, na Revue archéologique, no Magasin pittoresque e noutras publicacións, en preparación dunha das súas monografías máis sobranceiras, un catálogo xeral dos camafeos, as pedras gravadas e outros obxectos similares das coleccións do Gabinete de Medallas, que vería a luz en 1858.[6][7]
Logo do falecemento de Charles Lenormant o 22 de novembro de 1859, Anatole Chabouillet asumiu a dirección do Gabinete de Medallas ao ser nomeado como o novo conservador xefe mediante un decreto imperial do 2 de decembro,[8][9][10] cargo que ocupou ata a súa xubilación en 1890, cando foi substituído polo ata entón conservador adxunto, Henri Lavoix.[11]
Dedicación a outros ámbitos editar
A súa ampla traxectoria no Gabinete, acompañada por unha gran cantidade de publicacións non só sobre numismática senón tamén sobre outras disciplinas próximas, fixérono acredor do ingreso na Sociedade de Anticuarios de Francia en novembro de 1861, entidade cuxa historia se encargaría de publicar o ano seguinte.[12]
Por outra banda, en xullo de 1855, Chabouillet foi escollido como membro da sección de arqueoloxía do Comité da Lingua, a Historia e as Sociedades Eruditas,[13] e o 22 de febreiro de 1858 foi nomeado secretario da sección de arqueoloxía da entidade sucesora da anterior, o Comité de Traballos Históricos e Sociedades Eruditas.[14][15] A partir dese momento, converteuse nun activo colaborador das publicacións do Comité: a Revue des Sociétés savantes des départements e Bulletin archéologique du Comité. Como membro desta institución, Chabouillet encargouse da redacción das instrucións para o Répertoire archéologique de la France en 1859, e a súa dedicación a esta entidade foi intensa en moitos aspectos, en paralelo ao seu traballo no Gabinete de Medallas.[16]
Finalmente, o decreto do 12 de marzo de 1883 polo que se reorganizaba o Comité de Traballos Históricos supuxo o cesamento de Chabouillet como secretario da sección arqueolóxica, aínda que o seu labor ao longo de 25 anos nese cargo lle foi recoñecido co seu seu nomeamento como presidente honorario en 1898.[17]
Vida persoal editar
En 1855, Chabouillet casou cunha filla do seu tío Théophile Marion du Mersan.[2]
Logo da súa xubilación, dedicouse á súa vida familiar e á súa biblioteca.[18] Gozou de lucidez e dunha boa saúde na súa ancianidade, ata que foi atropelado por unha bicicleta, o que lle ocasionou inicialmente unha parálise parcial e finalmente o conduciu á morte, o 5 de xaneiro de 1899.[19]
Recoñecementos editar
Publicacións editar
Esta é unha escolma dos numerosos artigos publicados por Anatole Chabouillet ao longo da súa traxectoria erudita, así como unha referencia os seus traballos monográficos máis salientables:[20][21]
Escolma de artigos editar
- (1866). "Inscription mithriaque du Cabinet des médailles et antiques de la Bibliothèque impériale". En Revue archéologique. Vol. 13. Xaneiro-xuño. Páxinas 322-325.
- (1869). "Camée du grand-mogol Chah-Djihan". En Revue archéologique. Vol. 19. Xañeiro-xuño. Páxina 425.
- (1880). "Note sur des inscriptions et des antiquités provenant de Bourbonne-les-Bains données par l'État à la Bibliothèque nationale [I]». En Revue archéologique. Vol. 39. Xaneiro-xuño. Páxinas 18-37, 65-85, 129-145.
- (1881). "Note sur des inscriptions et des antiquités provenant de Bourbonne-les-Bains données par l'État à la Bibliothèque nationale [II]». En Revue archéologique. Vol. 41. Xaneiro-xuño. Páxinas 292-310.
- (1885). "Étude sur quelques camées du Cabinet des Médailles [I]". En Gazette archéologique. Páxinas 396-401.
- (1886). "Étude sur quelques camées du Cabinet des Médailles [II]". En Gazette archéologique. Páxinas 16-24, 139-160, 169-179.
Monografías editar
- (1858). Catalogue général et raisonné des camées et pierres gravées de la Bibliothèque impériale, suivi de la description des autres monuments exposés dans le Cabinet des médailles et antiques. Cabinet des médailles, París.
- (1861). Description des Antiquités et objets d'art composant le cabinet de M. Louis Foud. J. Claye, París.
- (1874). Recherches sur les origines du Cabinet des médailles et particulièrement sur le legs des collections de Gaston, duc d'Orléans, au roi Louis XIV. París.
- (1879). Le camée représentant l'apothéose de Napoléon Ier, gravé par M. Ad. David d'après le plafond d'Ingres. Eugène Belin, París.
- (1880). Allocution prononcée sur la tombe de M. Henri Cohen, à Bry-sur-Marne (Seine), le mercredi 19 mai 1880 . Impr. de Dupont, París.
- (1886). Étude sur quelques camées du Cabinet des médailles. A. Lévy, París.
- (1889). Catalogue des monnaies gauloises de la Bibliothèque nationale (con E. Muret). E. Plon, Nourrit et Cie, París.
- (1890). Catalogue raisonné de la collection des deniers mérovingiens des VIIe et VIIIe siècles de la trouvaille du Cimiez donnée au Cabinet des Médailles de la Bibliothèque nationale de France (con A. Morel-Fatio). Rollin & Feuardent, París.
Notas editar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Babelon, E. (1899). Páxina 391.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Babelon, E. (1899). Páxina 392.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 393.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxinas 393-394.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Chabouillet, Pierre Marie Anatole". Archives Nationales (Leonore.archives-nationales.culture.gouv.fr)
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxinas 394-395.
- ↑ Véxase "(1848)" na sección "Publicacións".
- ↑ "Nouvelles et découbertes". En Revue Archéologique. Ano XVI. 2ª parte. 1860. Páxina 762.
- ↑ Gaxette des Beaux-Arts. Ano I. Tomo IV. 1859. Páxina 356.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 395.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 407.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 395.
- ↑ Bulletin du Comité de la langue. Tomo II. Páxina 701.
- ↑ Revue des Sociétés sauvantes. Tomo IV. 1858. Páxina 538.
- ↑ Le Comité des Travaux historiques. Tomo II. Páxina 184.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 398.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxinas 406-407.
- ↑ Drouot, H. (1899). Bibliothèque de feu M. P.-M.-A. Chabouillet. Tourangelle, Tours.
- ↑ Babelon, E. (1899). Páxina 408.
- ↑ "Chabouillet, Jean Marie Anatole 1814-1899 Arquivado 04 de abril de 2023 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
- ↑ "Chabouillet, Anatole". WorldCat.com
Véxase tamén editar
Bibliografía editar
- Amandry, M. (2005). "Les directeurs du département des Monnaies, Médailles et Antiques depuis 1719". Bibliothèque nationale de France. Comité d'histoire.
- Babelon, E. (1899). "M. A. Chabouillet". En Revue Numismatique. 4ª serie. Tomo III.
- Tardif, J. (1904). "Notice nécrologique sur Anatole Chabouillet". En Bulletin de la Société nationale des antiquaires de France. Páxinas 63-77.
Predecesor: Charles Lenormant |
Director do Gabinete de Medallas de París 1859-1890 |
Sucesor: Henri Lavoix |