O Amoco Cadiz foi un superpetroleiro do tipo VLCC (Very Large Crude Carrier) que encallou nas costas da Bretaña o 16 de marzo de 1978, causando unha gravísima marea negra, un dos maiores desastres ambientais da historia, precedente da que causaría o Erika 21 anos máis tarde.

O Amoco Cadiz partido no intre do afundimento.

Descrición editar

O buque foi construído en 1974 nos estaleiros de Puerto Real, en Cádiz. Pertencía á compañía norteamericana Amoco Transport, filial da Standard Oil, aínda que navegaba baixo bandeira de Liberia.

Medía 334,02 metros de eslora, 51,06 m de manga e 19,80 m de calado. A súa potencia era de 30.400 cv (22,700 kW) e transportaba unha carga de 227.000 toneladas de petróleo cru desde o Golfo Pérsico cara a Rotterdam.

Accidente editar

Na mañá do 16 de marzo de 1978, o petroleiro atópase baixo os efectos dunha forte tormenta mentres navega fronte ás costas da Bretaña. Ás 9.45 horas, estando a 7,5 millas ó norte da illa de Ouessant, sofre unha avaría e perde a manobrabilidade, polo que pide auxilio. Como consecuencia, deriva en dirección á costa. Tras unhas negociacións co remolcador Alemán Pacific, que o CEDRE cualifica como difíciles [1], non se lle dá amarre ata as 13.30 horas, pero o amarre rompe e deben intentalo ata catro veces para recuperalo. Con todo, non se consegue evitar que o casco rompa á metade tres horas máis tarde nin que encalle nas rochas de Portsall ás 22 horas. Xa na madrugada do 17 son evacuados 42 tripulantes e máis tarde, ás 5 horas, os dous restantes.

A totalidade da carga vértese sobre a costa durante as dúas semanas seguintes, provocando unha marea negra que afecta un total de 360 km, entre Brest e Saint Brieuc.

Impacto medioambiental editar

 
Marea negra do Amoco Cadiz.

A marea negra afectou costas de diversos tipos provocando a morte masiva de moluscos e diferentes especies bentónicas. As áreas de cultivo de ostras establecidas nesa zona costeira resultarton directamente afectadas, e houbo que destruír un total de 9.000 toneladas deste molusco (por estar contaminado ou para protexer a confianza dos consumidores). Calcúlase nunhas 20.000 as aves petroleadas recollidas. As perdas nos sectores pesqueiro e turístico tamén foron cuantiosas.

Ata ese momento, a catástrofe foi a maior marea negra da historia do mundo e representou o comezo dunha nova época na loita contra a contaminación mariña. No caso de Francia, o accidente promoveu a creación ese mesmo ano do CEDRE (Centro de Documentación, de Investigación e de Experimentación sobre a Contaminación Accidental das Augas [1]).

O accidente serviu para aprender e desenvolver métodos de loita contra a contaminación mariña por hidrocarburos. Puxo de manifesto o diferente comportamento dos hidrocarburos segundo o tipo de costa que sofre a vertedura, sexa rochosa, praias ou esteiros, e posibles erros cometidos nas tarefas de limpeza que, por veces, causaban máis dano ca beneficio. Foi, de feito, unha das verteduras de petróleo máis estudadas no seu momento.

Notas editar

  1. O armador, Bugsier, contactara con outro remolcador, o Simson, máis potente (16.000 cabalos, fronte ós 10.000 do Pacific).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar