Also sprach Zarathustra (Strauss)

Also sprach Zarathustra, Op. 30 (en galego Así falou Zaratustra) é un poema sinfónico do compositor alemán Richard Strauss, composto no ano 1896 e estreado o 27 de novembro dese mesmo ano en Frankfurt baixo a batuta do propio compositor. Dura aproximadamente 40 minutos.

Vista parcial dos primeiros compases da obra.

O autor inspirouse na obra homónima do filósofo Friedrich Nietzsche.[1] Adoita considerarse este poema sinfónico como un intento infrutuoso de expresar musicalmente as ideas filosóficas que encerraba a obra de Nietzsche, tentando presentar nada menos que a evolución humana ata o "superhome" descrito polo filósofo alemán; non obstante Strauss consegue presentar unha obra con fermosas e profundamente emotivas pasaxes.[2]

A obra foi parte do repertorio clásico desde a súa estrea en 1896. A fanfarria inicial (titulada "Amencer" nas notas do programa do compositor)[3] popularizouse co seu uso na película de Stanley Kubrick, 2001: Unha odisea do espazo (1968).

Historia editar

Richard Strauss compuxo este poema sinfónico entre febreiro e agosto de 1896, ano no que o compositor se converteu no director titular da Bayerische Staatsoper de Múnic, a súa cidade natal.[3] Cronoloxicamente, co número de Opus 30, a obra está situada entre os dous grandes poemas orquestrais do compositor alemán Till Eulenspiegels e Don Quixote (Opus 28 e 35 respectivamente), e antes da composición das súas grandes óperas.

Inicialmente o compositor desautorizou calquera conexión entre a súa partitura e Nietzsche máis aló da inspiración das imaxes poéticas do libro, e particularmente os seus títulos evocadores aos capítulos, dos cales oito foron empregados por Strauss como guías non específicas da obra. O forte debate que xurdiu arredor da obra foi causado, máis que pola música, polos conflitivos programas propostos por Strauss en varios momentos como os seus suxeitos de estudo. Antes da estrea en Frankfurt, autorizou a impresión do seguinte programa:[3]

Primeiro movemento: Amencer. O home sente o poder de Deus. Andante relixioso. Mais o home sente aínda anhelo. El mergúllase na paixón (segundo movemento) e non atopa a paz. Vólvese cara a ciencia, e tenta sen éxito resolver os problemas da vida nunha fuga (terceiro movemento). As melodías de danza soan agradables e el convértese en individuo. A súa alma elévase cara arriba cando o mundo se afunde debaixo del.

Mais esas non foron as primeiras nin as últimas palabras sobre o tema. Strauss decidiu finalmente poñer o tema apoiando no prefacio da partitura coas palabras dos parágrafos iniciais, a "Oda ao Sol", concluíndo na exhortación do espírito creativo:[3]

Durante demasiado tempo, a música soñou; agora queremos permanecer espertos. Eramos noctámbulos, viaxeiros da noite; queremos chegar a ser viaxeiros do día.

— Friedrich Nietzsche

A capital bávara apreciouno como director, mais o público conservador, e os empresarios que servían a ese público, consideraron as súas composicións extravagantes, polo que a estrea da obra tivo lugar en Frankfurt,[3] o 27 de novembro dese mesmo ano baixo a dirección do propio compositor. A resposta do público foi un tanto escéptica e nun principio non soubo apreciar a obra.[2]

Características editar

Características musicais editar

Ao igual que moitas outras obras da época, Also sprach Zarathustra caracterízase polo debilitamento dos fundamentos estruturais da tonalidade tradicional, sendo difícil (senón imposible) determinar a tonalidade da composición. De feito, na obra atopamos que os tons de Dó e Si compiten en todo momento, xustapoñéndose as súas tónicas de xeito exacto no último compás.[4] Un dos principais temas compositivos da obra é este contraste entre as tonalidades de Si Maior (representando a humanidade) e Dó Maior (representando o universo ou a natureza); como Si e Dó son notas adxacentes, as súas tonalidades son completamente distintas: Si Maior emprega cinco díeses, mentres que Dó Maior non ten ningún.[5]

Influencia de Nietzsche editar

 
Strauss inspirouse para o seu poema sinfónico Also sprach Zarathustra na obra homónima de Nietzsche (na imaxe en 1882).

Richard Strauss compuxo este poema sinfónico inspirado no libro homónimo de Friedrich Nietzsche, metade ensaio filosófico e metade texto poético, cuxas ideas serviron principalmente para estimular a imaxinación musical do compositor. Se ben a obra de Strauss está inspirada no libro de Nietzsche, non se trata dunha tradución sonora fidedigna das ideas expresadas no libro do filósofo alemán, senón dunha evocación moi libre dalgúns dos aspectos que trata. O propio compositor afirmaba:

Non me propuxen facer música filosófica, senón un cadro de desenvolvemento da raza humana dende as súas orixes ata chegar á concepción nietzscheana do superhome.

— Richard Strauss[2]

O programa de Also sprach Zarathustra é filosófico nun dobre sentido: trátase dun comentario musical do célebre poema en prosa de Nietzsche (cuxa doutrina do superhome axitaba toda Europa a finais do século XIX), e esta elección temática típica da intuición do valor da publicidade altamente desenvolvido por Strauss.[6] A influencia do filósofo alemán queda patente ademais nos títulos das diferentes seccións musicais, que levan o nome de títulos do libro. A partitura, de feito, leva como epígrafe os versos de Nietzsche:

Durante demasiado tempo, a música soñou; agora queremos permanecer despertos. Eramos noctámbulos, viaxeiros da noite; queremos chegar a ser viaxeiros do día.

— Friedrich Nietzsche[2]

Precisamente ese tránsito da escuridade á luz será un dos aspectos tratados polo compositor na obra, para constituírse no seu fío condutor.

Instrumentación editar

Instrumentación de Also sprach Zarathustra
Madeiras
3 Frautas, piccolo, 3 óboes, corno inglés, 2 clarinetes en Si bemol, 1 requinto, clarinete baixo en Si bemol, 3 fagots, contrafagot
Metais
6 trompas en Fa e Mi, 4 trompetas en Dó e Mi, 3 trombóns, 2 tubas
Percusión
Timpani, bombo, pratos, ferriños, glockenspiel, campá en Mi
Cordas
Violíns (I e II, 16 de cada), 12 violas, 12 violonchelos, 8 contrabaixos (con extensión ao Dó grave), 2 arpas
Tegra
Órgano

Estrutura editar

A obra está dividida nunha introdución e oito partes que se encadean sen solución de continuidade e sen seguir ningún esquema formal clásico. Os títulos das oito seccións que seguen á fanfarria inicial son os únicos indicios programáticos deixados polo compositor.[3] Strauss denominou as seccións segundo capítulos seleccionados no libro:

  1. Einleitung (Introdución)
  2. Tema universalmente coñecido, exposto en principio pola trompeta. A introdución presenta un ton misterioso que nos transporta a un mundo arcano e estraño.[2] Representa a saída do sol (Sonnenaufgang) e xoga cos modos maior e menor. As primeiras palabras de Zarathustra na súa alocución inicial ao sol incluída no prólogo ("Gran estrela, como serías feliz se non tiveras a aqueles aos que alumeas") deben ter inspirado o inicio da obra, cun profundo Do no pedal do órgano e o contrafagot, acompañados por suaves trémolos nos contrabaixos. Logo desta pasaxe segue unha fanfarria de trompeta e un tutti nun acorde de Dó menor, que se converte en Maior cando inmediatamente se repite a pasaxe, terminando cunha afirmación do acorde de Do Maior cando o órgano queda só.[6]
  3. Von den Hinterweltlern (Dos trasmundanos)
  4. Logo da grandiosa apertura iníciase a sección titulada Dos trasmundanos ou Dos habitantes doutro mundo, dedicada aos que estiveron a buscar a resposta aos enigmas da existencia nas relixións. Esta sección, na que a corda é a protagonista (moitas veces reducida a un pequeno conxunto de cámara) iníciase cunha cita do Credo in unum Deum gregoriano. Inmediatamente despois da introdución, abren os contrabaixos en trémolo, logo o corno francés brinda unha antesala a violas e cellos quen van transmitindo o tema a toda corda, despois dun intenso momento volve a calma e o tema morre cun pequeno solo da viola. Motivicamente, a sección presenta un tema doente emparentado co credo da tradición gregoriana.[2]
  5. Von der großen Sehnsucht (Do grande anhelo)
  6. Na terceira sección o tempo anímase á vez que se clarifica a harmonía. A arpa cun arpexo e un fino acorde de violíns mostran un cambio repentino da obra, logo o corno inglés intenta recordar o tema da introdución; unha abrupta intromisión dos contrabaixos rompe a tensión e contaxia a orquestra enteira, advírtese a participación activa do órgano; a trompeta reexpón o tema da introdución e dánse unha serie de trémolos ascendentes desde os contrabaixos até os violíns que culminan nunha potente escala do piccolo. Nesta parte preséntanse os interrogantes que acompañan ao ser humano, o debate entre a natureza (que xa aparece na introdución) e a esperanza nunha vida máis aló da morte, simbolizada polo tema do credo gregoriano.[2]
  7. Von den Freuden und Leidenschaften (Das alegrías e das paixóns)
  8. Despois da escala do piccolo, violíns en unísono co corno francés interpretan unha longa melodía, mentres a orquestra tende un tapete de axitación, logo os violíns despréndense e continúan sos o seu camiño até atoparse coa enérxica intervención dos trombóns, o cal impulsa a resolución do episodio, os trombóns e algúns arpexos descendentes da arpa marcan o final do episodio. Esta sección mostra a loita do home consigo mesmo e o seu anhelo de pracer e transcendencia a través dunha música axitada na que os temas ascendentes e descendentes se entrecruzan sen descanso. O que nun principio parece unha exaltación do hedonismo e da vida terreal a cargo dunha apaixonada intervención dos violíns, pronto cede o seu lugar ao desprezo, cunha doente pasaxe dos trombóns.[2]
  9. Das Grablied (A canción dos sepulcros)
  10. Na cuarte sección, denominada A canción dos sepulcros ou Canto da tumba, a atmosfera cambia e tórnase lúgubre, o óboe e logo o corno inglés anuncian o novo episodio abríndolle paso ao "solo" de concertino, que se funde cos demais violíns interpretando unha melodía no rexistro agudo, máis adiante a orquestra entra nunha escena sombría até chegar a un pianíssimo; un solo de clarinete que introduce un novo interrogante cheo de angustia que tentará responder a seguinte pasaxe, anuncia o final do episodio que culmina cun solo de cello.[2]
  11. Von der Wissenschaft (Da ciencia)
  12. Esta parte da obra está constituída por unha complexa fuga, a forma racional por antonomasia da música. Situados nun ambiente sombrio, os contrabaixos inician unha fuga lenta e en pianíssimo, xogando co tema principal da introdución, pouco a pouco cellos e fagot intégranse á fuga. A atmosfera sombria mantense até ser interrompida por arpexos de arpa e os violíns no rexistro agudo. Un solo do corno inglés co tema da introdución reanima a orquestra cun forte que culmina o episodio. Finalmente a ciencia tampouco consegue responder ás preguntas do ser humano.[2]
  13. Der Genesende (O convalecente)
  14. A sexta sección é un alarde de contrapunto no que se mesturan os diferentes temas. Cun solo de trombón apoiado por cellos e contrabaixos exponse o tema da fuga do episodio inmediatamente anterior, marcando así o inicio deste episodio cun intento de fuga, a axitación da orquestra aumenta e séguese un tutti en fortíssimo co tema principal da introdución da obra (tema da natureza). Acto seguido retorna un ambiente sombrío co clarinete baixo e o contrafagot que dan paso a un xogo de trilos nas madeiras que representan a risa, sobre os que se enlazan unha serie de diálogos entre o concertino e o cello solista; logo séguense unha serie de unisonos e escalas da corda que indican o final do episodio. O riso, e con el a vida están representadas por un novo tema moi luminoso, ata o punto de que a orquestra se contaxia da súa enerxía e maxia. É a partir da risa cando Zarathustra descobre un novo mundo que se representa na seguinte sección.[2]
  15. Das Tanzlied (A canción do baile)
  16. A penúltima sección é a máis desenvolvida de toda a obra. A danza, que para Nietzsche é o símbolo do dionisíaco, da forza primixenia, faise con toda a partitura. A trompeta expón o tema da introdución, sobre un tapede de trilos tendido polas frautas, é unha pasaxe calma, logo xogando co tema da trompeta a corda dálle paso ao principal solo de violín concertino que ten a obra, este, apoiado polo seu compañeiro de atril; dito solo a dobre corda, é un tema de valse vienés; logo o tema desenvólvese por toda a orquestra con predominio do concertino. Para o Strauss bávaro o valse é desexo de vida e por iso fai que Zarathustra o baile. A danza deriva nunha versión cada vez máis triunfal cun tutti en fortíssimo que dá fin ao episodio e o liga co seguinte.
  17. Nachtwandlerlied (Canción do somnámbulo ou Canto do viaxeiro nocturno)
  18. Doce badaladas indican o comezo do episodio, as cales van sendo amplificadas pola orquestra que pouco a pouco vai chegando á tranquilidade, achegándose ao final da obra que culmina cun solo agudo de violín e frauta, acompañado do pizzicato dos contrabaixos. De novo é o concertino o que leva o peso do movemento, dirixíndoo cara a unha conclusión serea, mais ao mesmo tempo tinguida de ambigüidade por un acorde disonante, no que se superpoñen as dúas tonalidades principais da obra: Do Maior (representa a natureza, no metal) e Si Maior (representa a humanidade, nas frautas e violíns). Nesta sección o filósofo expresa o seu anhelo de eternidade dun xeito contido e finalmente todos os interrogantes quedan sen resposta.[2]

Discografía editar

En 1944, Strauss dirixiu á Wiener Philharmoniker nunha gravación experimental da obra en alta fidelidade, realizada polo selo alemán Magnetophon. Esta foi posteriormente realizada en LP por Vanguard Records e en CD por varios selos discográficos. O amigo e compañeiro de Strauss Fritz Reiner, realizou a primeira gravación estereofónica da obra coa Chicago Symphony Orchestra en marzo de 1954 para o selo RCA Victor. En 2012, este álbum foi engadido á lista de gravacións sonoras americanas "cultural, histórica, ou esteticamente importantes".[7] A gravación da fanfarria inicial empregada no filme de Stanley Kubrick 2001: A Space Odyssey foi interpretada pola Wiener Philharmoniker baixo a dirección de Herbert von Karajan.[8]

Notas editar

  1. Richard Strauss - Tone-Poem, Death and Transfiguration, Opus 24 Arquivado 15 de abril de 2008 en Wayback Machine. en Old And Sold
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Juan Carlos Moreno, Strauss: Así habló Zaratustra, Till Eulenspiegel, Don Juan, Cuatro útimos lieder, RBA Coleccionables ISBN 84-473-4599-8
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "LA Philharmonic Piece Detail". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2011. Consultado o 09 de novembro de 2012. 
  4. Robert P. Morgan, La Música del Siglo XX (p 22), Akal Música ISBN 84-460-0368-6
  5. Also sprach Zarathustra – Notes by American Symphony Orchestra
  6. 6,0 6,1 Grout & Palisca, Historia de la Música Occidental (vol. 2, pp 857-859), Alianza Música ISBN 84-206-7893-7
  7. "The National Recording Registry 2011". National Recording Preservation Board of the Library of Congress. Library of Congress. 24 de maio de 2012. 
  8. "2001: A Space Odyssey Soundtrack Credits". IMDb. 
  9. Primeira gravación da obra
  10. Primeira gravación estereofónica
  11. Gravación utilizada na banda sonora de 2001: A Space Odyssey

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar