Alfoz

concello da comarca da Mariña Central, na provincia de Lugo

Alfoz é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Central. O xentilicio é alfocego ou alfocés.[1]

Modelo:Xeografía políticaAlfoz
Imaxe

Localización
Mapa
 43°31′42″N 7°24′50″O / 43.528333333333, -7.4138888888889Coordenadas: 43°31′42″N 7°24′50″O / 43.528333333333, -7.4138888888889
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor em Wikidata
CapitalA Seara Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación1.553 (2023) Editar o valor em Wikidata (20,04 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie77,5 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude763 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor em WikidataEfigenia Maseda Paz Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Alfoz Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27... Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico982 Editar o valor em Wikidata
Código INE27002 Editar o valor em Wikidata

Sitio webconcellodealfoz.com Editar o valor em Wikidata

Xeografía editar

Situación editar

O concello ten unha superficie de 78 km². Limita ao norte co concello de Foz, ao leste co de Mondoñedo, ao sur co de Abadín e ao noroeste co do Valadouro.

Orografía editar

Na xeografía de Alfoz percíbense dúas partes principais: no sur, unha zona montañosa na que están as serras de Toxiza e do Xistral (cunha altitude máxima de 1046 m); a segunda zona o val do río Ouro con terras fértiles e abundantes precipitacións. E, entre ambas, unha zona de transición onde as altitudes descenden por debaixo dos 250 m.

A altitude media oscila entre os 180 m de Lagoa e os 200 m de Mor, ata os montes Leboreiro con 672 m, Pico da Pena Muneite (674 m) ou monte Queimado (763 m). Outros cumios son Pena do Boi (600 m), o Arnela (452 m), A Frouxeira (427 m), Pedrouso (588 m), Pico da Pedra (637 m), Pico Silloso (574 m) e Táboa do Souto (354 m).

Hidrografía editar

O río Ouro nace na serra do Xistral. Afluentes seus son o Beloi e Covas (pola dereita), Ferreira e Bao (pola esquerda).

Clima editar

O clima é suave pola situación de abrigo que presenta o municipio respecto aos ventos reinantes. As temperaturas oscilan entre os 17 °C no mes máis quente e os 7,5 °C nos máis fríos. Este clima benigno favorece a vexetación dos seus vales, onde predominan as especies de repoboación como o piñeiro e o eucalipto.

Demografía editar

O concello de Alfoz ten 1.903 habitantes segundo o censo do 2014, e un movemento demográfico regresivo dende o censo de 1900. A densidade de poboación situábase en 2012 nos 25,92 hab./km². A taxa de natalidade é baixa (inferior ao seis por mil) e a taxa de mortaldade é alta (superior ao doce por mil). Polo tanto, o crecemento vexetativo é negativo e a poboación ten un progresivo envellecemento, onde o 36,33 % dos habitantes son maiores de 65 anos.

Censo total 2014 1.903 habitantes
Menores de 15 anos 138 (7,25 %)
Entre 15 e 64 anos 1.064 (55,91 %)
Maiores de 65 anos 701 (36,84 %)
Evolución da poboación de: Alfoz - desde 1900 ata 2004 -
 1900  1930  1950  1960  1981  1991  1995  2001  2003  2004
  3.713.   3.639.   4.011.   3.708.   2.858.   2.645.   2.654.   2.382.   2.348.   2.312.
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia editar

 
Casa do concello.

Segundo o historiador José Villaamil Castro, o Castro de Ouro foi o antigo Burio, ou o despois chamado Ourio. Amor Meilán asegura como indubidable que o territorio do castro foi reedificado por Mamed Vistremiro, quen o herdara do presbítero Teodisedo. Á súa morte pasou a varios sobriños até que foi vendido, polos herdeiros arruinados, a Gutier Ganimir e, máis tarde, ao Bispo de Mondoñedo, Armentario (983 - 1011). Nesta época inícianse os litixios entre o concello e o prelado. Estes preitos foron resoltos pola Coroa no século XV a favor do concello. Xa na época de Don Sancho II (1065 - 1072), as diferenzas foron en aumento, estiveron resoltas momentaneamente polo acordo entre o bispo Álvaro I Gómez, o Concello e o Alcalde de Castro. Mais non todo queda aí. Un párroco da principios do século XX testemuñaba que estaba recollido na documentación (do ano 897) que no ano 747 a parroquia de San Vicente da Lagoa quedara en testamento ao entón bispo Odoario xunto coa Vila Centoia. En 1220 Afonso IX concedeulle a Alfoz o foro de Benavente.

O Castro de Ouro foi denominada naquel entón capital do concello, pero no ano 1990 trasladouse á Seara (no concello de Mor). O Castro de Ouro ten grande importancia na historia de Galicia, xa que nunha das casas da aldea foi preso, logo de varios anos de enfrontamento cos partidarios dos Reis Católicos, o Mariscal Pardo de Cela, quen estivo reducido na fortaleza da Frouxeira por Fernando de Acuña (primeiro gobernador dos Reis Católicos en Galicia). Alí resistiu até que, o día 7 de decembro de 1483, foi traizoado por Elvira de Muras e outros vinte e dous criados, abríndolle as portas da fortaleza a Don Lois Marcos Mudarra, capitán do exército que a cercaba. Feito prisioneiro é conducido até Mondoñedo, onde foi decapitado o día 23 do mesmo mes.

Xa no ano 1840 Alfoz disolveuse para ser integrado no concello do Valadouro, disolución que durou unicamente un ano, xa que no 1841 volvía a estar constituído. Finalmente, cabe salientar que o século XVIII foi para Alfoz unha centuria de notable prosperidade económica: aínda no ano 1787 funcionaban 99 teares cunha produción total de 4.066 varas. Igualmente, a agricultura, especialmente no sector vitícola, alcanzaba pola mesma data unha produción de 977 arrobas.

En Alfoz publicouse en 1907 o periódico El Guerrillero.

Cultura editar

Toponimia editar

A hipótese máis empregada é que o nome puidera proceder do árabe al-hawuz, que en galego medieval indicaba o territorio sobre o que tiña xurisdición unha vila ou unha cidade. Alfoz -antes terra chan do Val de Ouro (cf. o limítrofe concello do Valadouro)- é o nome co que se coñece o conxunto do termo municipal sen que corresponda a entidade concreta algunha.

Patrimonio editar

Patrimonio arqueolóxico editar

Vestixios arqueolóxicos: Castro de Lagoa en Lagoa; Pena Abaladoira no Pereiro.

Patrimonio arquitectónico editar

Dentro da arquitectura relixiosa existen neste concello bos exemplos:

  • Os templos románicos das igrexas de Santiago de Adelán (s. XII).
  • O gótico está presente na Igrexa de San Salvador de Castro de Ouro (s. XV).
  • Xa pertencentes ao século XVIII a igrexa de Santa María de Bacoi, Capela dos Remedios, a igrexa de San Vicente da Lagoa (s. XVIII, aínda que hai documentos que a datan antes do ano 747), Santa María de Pereiro, San Sebastián de Carballido, capela de San Rosendo no Coto (s. XVIII) etc.
  • Cruceiros: Cruceiros de Acivro, Arnela, Caxigueira, Faián e Outeiro.

Con respecto á arquitectura civil hai numerosos pazos e casas grandes:

  • Pazos: Pazo de Carballido, Pazo de Basanta (s. XIV), Pazo de Allegue (s. XVIII), Casa do Pazo en Adelán, Pazo de Escoura, Pazo do Rizal, Pazo de Carrocide (s. XVIII), a casa grande de Cadeirido.
  • Muíños: Muíño do Pazo en Carballido, muíño de Damián en Bacoi e o muíño de Salvaterra en Adelán

Mención á parte merecen, tanto pola súa importancia histórica como pola artística, o castelo do Castro de Ouro e a Torre de Adelán.

Etnografía editar

Festas e celebracións editar

Feiras:

  • Feira do trece en Castro de Ouro (o día 13 de cada mes).
  • Feira de Correlos (o primeiro mércores de cada mes).
  • Feira de Santiago en Lagoa (o día 25 de xullo).

Festas e romarías:

  • Santiago en Lagoa (o 25 de xullo).
  • San Cristovo en Mor (o primeiro domingo de agosto; máis coñecida coma festa "dos Choferes").
  • San Pedro (os días 29 e 30 de xuño) e as festas patronais (o día 12 de agosto).
  • Nosa Señora en Bacoi (derradeiro domingo de xullo).
  • San Sebastián en Carballido (os días 19 e 20 de xaneiro).
  • A rapa das bestas no Pereiro-Guilfonso (a mediados de xuño).
  • A Festa da Malla (que se celebra na Finca Galea).
  • Mercado Medieval de Alfoz, (celebrado no Castro de Ouro, nos arredores do Castelo de Pardo de Cela).

Artesanía editar

A artesanía está representada na tradicional confección das típicas "zocas" e na cestería. En Lagoa ten o seu taller un dos zoqueiros máis importantes do territorio galego, Alberto Xeada, quen dispón dunha exposición das súas creacións no Museo da Zoca, no concello veciño de Mondoñedo. O seu modelo "Zoca Geada Fashion" foi presentado na semana da moda Mercedes Benz Madrid Fashion Week 2014.

Gastronomía

No referente á gastronomía, as troitas, o añogoto asado e o lacón son os pratos máis típicos.

Tradición oral editar

No apartado etnográfico, familiarizouse coa alma popular unha personaxe histórica e lendaria como é o Mariscal Pardo de Cela até tal punto que é difícil discernir entre a lenda e o feito histórico. Aínda así, quere a lenda que Pardo de Cela, señor da torre de Cela, A Frouxeira e outros lugares, apareza enarborando a cruzada dos Irmandiños en contra do centralismo dos Reis Católicos até que, sendo traizoado polos seus criados, que abriron as portas ao exército de Mudarra que cercaba a súa inexpugnable Torre da Frouxeira, foi feito prisioneiro co seu fillo e Pedro Miranda, e finalmente decapitados na praza da catedral de Mondoñedo, a pesar do indulto que xa conseguira a súa muller.

Economía editar

Sector primario editar

Nos últimos tempos, as explotacións agrarias son orientadas, sobre todo, ao autoconsumo. Nos últimos anos reduciuse amplamente a superficie de explotación..

Agricultura editar

Os principais cultivos son: millo, patacas, trigo e produtos hortofrutícolas alternados coas pradeiras.

Gandería editar

No sector gandeiro: gado bovino para a produción láctea (no 1995 había 1.924 cabezas) e porcino (401 cabezas no 1995), todos eles en pequenas explotacións. Hai tamén unhas 1.500 cabezas de gado cabalar, a maior parte en estado salvaxe. As hectáreas dedicadas a pasteiros permanentes son 921, fronte ás de labradío, que suman 444 hectáreas.

Silvicultura editar

A industria madeireira é actualmente o principal recurso económico deste concello debido á súa importante superficie arbórea, sobre todo de piñeiro e eucalipto. Esta materia prima transfórmase nos serradoiros que xeran moitos empregos e que están sendo modernizados e adaptados á nova tecnoloxía.

Industria editar

Outras empresas transcendentes son as relacionadas coa construción, os transformados metálicos, a montaxe de carrocerías e a extracción e procesado mineral.

Actualmente, desapareceu case por completo a industria téxtil, que no século XVIII comprendía 99 teares que fabricaban varas de lenzo para vender fóra de Galicia. Porén, aínda continúan activas varias costureiras repartidas por todo o concello, algunhas con afamada reputación e cuxa clientela se estende alén do territorio galego, como a modista Marisa Suárez no Castro.

Deporte editar

Dentro das múltiples actividades culturais e deportivas que se poden realizar neste concello destacan as rutas de sendeirismo como a Ruta Pardo de Cela que percorre tódolos lugares da Mariña vinculados co mariscal Pardo de Cela.

O ciclismo, tanto de ruta como de montaña, é un dos deportes emerxentes no concello nos últimos anos debido ás boas cualidades do terreo, atraendo ciclistas doutras localidades próximas.

O equipo de fútbol local, o Club Deportivo Alfoz[2], xoga actualmente en Segunda División Autonómica, logo de descender na tempada 2013-2014. Disputa os seus partidos como local no Campo de fútbol Municipal de Alfoz, inaugurado o 2 de agosto de 1981.

Galería de imaxes editar

Artigo principal: Galería de imaxes de Alfoz.

Parroquias editar

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Alfoz

Adelán (Santiago) | Bacoi (Santa María) | Carballido (San Sebastián) | O Castro de Ouro (San Salvador) | Lagoa (San Vicente) | San Pedro de Mor (San Pedro) | As Oiras (San Mamede) | O Pereiro (Santa María) | O Reirado (Santa María)


Lugares de Alfoz editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Alfoz vexa: Lugares de Alfoz.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar