Alexandre I de Serbia

Non confundir con Alexandre I de Iugoslavia

Alexandre I
Rei de Serbia

Reinado6 de marzo de 1889 -
11 de xuño de 1903
Coroación2 de xullo de 1889
Nome completoAlexandre Obrenović
cirílico serbio: Александар Обреновић
Nacemento14 de agosto de 1876
Belgrado, Serbia
Falecemento11 de xuño de 1903
(26 anos)
Belgrado, Serbia
PredecesorMilan I
RexenteNatalija Obrenović
(1889 - 1893)
SucesorPedro I
ConsorteDraga Mašin
Casa realObrenović
ProxenitoresMilan I
Natalija Obrenović

Escudo de Alexandre I de Serbia
Na rede
Find a Grave: 8300866 Editar o valor em Wikidata

Alexandre I ou Alexandre Obrenović (en cirílico serbio: Александар Обреновић), nado en Belgrado o 14 de agosto de 1876 e finado na mesma cidade o 11 de xuño de 1903, foi o último rei de Serbia da dinastía Obrenović. Reinou entre a abdicación do seu pai en 1889 e o seu asasinato, cometido en 1903.

Traxectoria editar

Infancia editar

Alexandre era o fillo máis vello do rei Milan I de Serbia e da súa esposa, Natalija Obrenović. O seu pai pertencía á dinastía Obrenović, que gobernara Serbia con grandes dificultades, debido principalmente á oposición dun clan rival, os Karageorgevic.

Reinado editar

Alexandre ascendeu ao trono serbio trala inesperada abdicación do seu pai, Milan I en 1889. A súa nai, a raíña Natalija asumiu a rexencia durante a minoría de idade do seu fillo, que en 1893 autoproclamouse maior de idade asumindo a coroa, e ao ano seguinte decidiu abolir arbitrariamente a Constitución liberal de 1889 promulgada polo seu pai, e restaurou a de 1869.[1]

Durante a guerra greco-turca de 1897 mantivo unha estrita neutralidade. Ese mesmo ano chamou a Serbia ao seu pai, que se atopaba no exilio, e en 1898 nomeouno comandante en xefe do Exército serbio. Durante esta época, Milan foi considerado o gobernante de facto do país.

Matrimonio e colapso da monarquía editar

 
O rei Alexandre con Draga Mašin (c. 1900)

O 5 de agosto de 1900 Alexandre I contraeu matrimonio con Draga Mašin,[2] antiga dama de compañía da súa nai, a raíña Natalija,[3] afrontando a oposición dos seus pais e do seu gabinete de goberno. A raíña nai Natalija opúxose firmemente a aquel matrimonio entre o seu fillo e unha prevexa, e por ese motivo tivo que exiliarse. O rei Milan pola súa banda, que no momento do compromiso atopábase en Carlsbad (actual Karlovy Vary) facendo xestións para casar ao seu fillo cunha princesa alemá, e o primeiro ministro, Vladan Đorđević, que estaba a visitar a Exposición Universal de París, expresaron a súa oposición dimitindo dos seus cargos respectivos. Desde ese momento, Alexandre tivo grandes dificultades para formar un novo goberno. A oposición contra a voda só se tranquilizou un tanto cando o tsar Nicolao II de Rusia enviou as súas felicitacións ao rei de Serbia, aceptando ser a principal testemuña da súa voda.

A pesar de todo, o matrimonio debilitou a posición do rei ante o Exército e o pobo.[1] Desde o momento no que se anunciou a voda, a opinión pública volveuse na súa contra. Percibíase a Alexandre como un mozo totalmente seducido por unha muller moito maior que el. Moitas persoas xulgaron que gran parte dos erros do rei Alexandre debíanse á nefasta influencia da súa esposa. Houbo mesmo rumores de que Alexandre, que non tiña fillos, nomearía sucesor ao trono ao seu cuñado, o irmán da raíña Draga.

Este último xesto foi a pinga que colmou o vaso. O 10 de xuño de 1903 tivo lugar un golpe de estado en Belgrado, e ás dúas da mañá do día 11 o palacio real foi asaltado por un grupo de oficiais do exército.[4] Curiosamente, o líder dos insurrectos era o irmán do defunto primeiro marido da raíña Draga.[5] Tras pasar horas escondidos no vestidor da raíña, os asaltantes, un grupo de conspiradores suntuosamente pertencentes ao grupo Unificación ou Morte capturaron á parella real, que foi brutalmente asasinada.[5] Os seus corpos mutilados foron guindados polo balcón. O golpe fora planificado durante dous anos por oficiais do Exército e contaba co beneplácito dos principais políticos e da opinión pública en xeral.[5]

Tras o sanguento fin da dinastía Obrenović, a dinastía rival, os Karađorđević, ascenderon ao trono serbio.[5]

Distincións honoríficas editar

  • Soberano Gran mestre da Orde de Takovo (Reino de Serbia, 06/03/1889). 
  • Soberano Gran mestre da Orde da Aguia Branca (Reino de Serbia, 06/03/1889). 
  • Soberano Gran mestre da Orde de San Sava (Reino de Serbia, 06/03/1889). 
  • Cabaleiro Gran colar da Orde do Santo Príncipe Lázaro (Reino de Serbia, 28/06/1889).
  • Soberano Gran mestre (e fundador) da Orde de Miloš o Grande (Reino de Serbia, 11/12/1898). 
  • Cabaleiro da Suprema Orde da Santísima Anunciación (Reino de Italia). 

Devanceiros editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Hoptner 1962, p. 247.
  2. Vucinich 2006, p. 12.
  3. Clark 2014, p. 38.
  4. Clark 2014, p. 33.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Hoptner 1962, p. 248.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Clark, Cristopher (2014). Sonámbulos. Como Europa fue a la guerra en 1914. Barcelona: Galaxia Gutenberg/Círculo de Lectores. ISBN 978-84-672-5801-1.
  • Hoptner, J. B. (1962). Yugoslavia In Crisis 1934-1941 (en inglés). Columbia University Press. p. 328. OCLC 404664.
  • Vucinich, Wayne S. (2006). Serbia Between East and West. The Events of 1903-1908 (en inglés). ACLS History E-Book Project. p. 324. ISBN 9781597402422.

Outros artigos editar

Predecesor:
Milan I
Rei de Serbia
1889 - 1903
 
Sucesor:
Pedro I